jueves, 6 de febrero de 2014

PROGRAMA AXILMENTE, UN OBRADOIRO DE XIMNASIA MENTAL PARA AS PERSOAS MAIORES DE BURELA

A casa da terceira idade de Burela acollerá o programa denominado Axilmente, que é un obradoiro de ximnasia mental para que as persoas maiores de 65 anos melloren a súa calidade de vida. Esta actividade, que é gratuíta, empezará o día 18 deste mes e rematará o 15 de maio. Desenvolverase os martes e xoves de 17 a 18:30 horas e o prazo de inscrición remata o vindeiro 14 de febreiro. 
 
A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Diana Durán García, explicou que é “un obradoiro de promoción da autonomía persoal, de carácter gratuíto, baseado na estimulación cognitiva e na prevención da dependencia, no que se pretenden traballar as variables que determinan o envellecemento exitoso, de forma que incidindo nelas, as persoas maiores adquiran as ferramentas necesarias para mellorar a súa calidade de vida, ser autónomas nas actividades diarias e incorporar unha serie de hábitos de autocoidado, tanto no ámbito sanitario como no cognitivo”.

Diana Durán engadiu que “este obradoiro de ximnasia mental busca o tratamento da persoa maior como un todo no que se traballan as distintas áreas que son necesarias para manterse autónomo/a o maior tempo posible e diminuír os factores de risco de padecer certas enfermidades, sobre todo, o alzheimer o outras doenzas neurodexenerativas”. 

A edil rematou comentando que “a intervención con maiores convértese non só nun obxectivo social, senón nunha inversión de futuro. O fin último é previr a dependencia e afrontar o envellecemento dende unha actitude positiva e aberta”.

A inscrición para participar debe realizarse na Casa do Concello desde xa e ata o vindeiro 14 de febreiro en horario de 8:00 a 15:00 horas e os interesados teñen que presentar o DNI. Tamén poden facer consultas sobre esta iniciativa chamando ao teléfono 982 58 06 09.

2 comentarios:

  1. Gustariame saber quen imparte o obradoiro e si está dirixido a todo tipo de persoas maiores, incluídas aquelas con deterioro cognitivo ou outras patoloxías. Grazas.
    Ana

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. As persoas que sofren deterioro cognitivo, xa sexa a causa de alzheimer ou outras enfermidades neurodexenerativas, contan cun programa específico impartido no centro de dia de maiores. O Programa AxilMente caracterízase por ser de promoción da automía das persoas e de prevención da dependencia. Gracias polo teu interés

      Eliminar