lunes, 20 de febrero de 2012

BURELA CONTA CON 45 PRAZAS DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA. DESTE E DOUTROS ASUNTOS FALARON OS CONCELLEIROS DE SERVIZOS SOCIAIS E TRÁFICO CON REPRESENTANTES DE COGAMI

Burela conta con 45 prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. A ordenanza municipal de accesibilidade para este colectivo e a ordenanza reguladora das tarxetas de estacionamento centraron a xuntanza que esta mañá mantiveron no Concello os responsables das Delegacións de Servizos Sociais e Tráfico, Diana Durán e Manuel Fernández Valle, con membros de Cogami e co técnico municipal de urbanismo.

Durán asegurou que o obxectivo do encontro celebrado esta mañá no Concello “non é outro que aunar criterios sobre a viabilidade da ordenanza municipal de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida”. E lembrou que houbo outras xuntanzas “para abordar esta cuestión e tamén a ordenanza reguladora das tarxetas de estacionamento para facilitar o desprazamento destas persoas por Burela. Dita ordenanza foi aprobada no pleno que tivemos en xaneiro no Concello”.

Os edís de Urbanismo e Servizos Sociais subliñaron que “ésta era unha preocupación do equipo do goberno, tanto a regulación das tarxetas como a creación de prazas de estacionamento para estas persoas. Agora en Burela contamos con 45 lugares de aparcamento para ese colectivo. A maioría dos casos atópanse preto dos pasos de peóns e das beirarrúas coa intención de que estas persoas conten con máis espazo para poder entrar e saír dos seus vehículos e para facilitarlles tamén as maniobras coas cadeiras de rodas”.

A Delegación de Policía e Tráfico, que tamén dirixe Manuel Fernández Valle, habilitou cinco zonas para o aparcamento das ambulancias e dos coches da Policía Local e indicou que “chegamos tamén ás 20 zonas de carga e descarga en Burela. O obxectivo é mellorar a seguridade e a fluidez do tráfico na nosa vila e neso seguimos traballando”.

Á xuntanza desta mañá asistiron o técnico de accesibilidade de Cogami-Santiago, representantes da asociación A Mariña-Cogami, o técnico municipal de urbanismo e os concelleiros Manuel Fernández Valle de Diana Durán.

jueves, 16 de febrero de 2012

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AXUDAS DA PRESTACIÓN ECONÓMICA DE PAGAMENTO ÚNICO POR FILLAS E FILLOS MENORES

A DELEGACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS INFORMA QUE ATA O 26 DE MARZO PODEN SOLICITARSE AXUDAS DA PRESTACIÓN ECONÓMICA DE PAGAMENTO ÚNICO POR FILLAS/OS MENORES DE 3 ANOS DA XUNTA DE GALICIA

A Delegación de Servizos Sociais de Burela informa que ata o 26 de marzo está aberto o prazo para solicitar axudas da prestación económica de pagamento único por fillas/os menores de 3 anos para o ano 2012 (orde do 30 de decembro do 2011, DOGA nº 32 de 15 de febreiro de 2012 da Consellería de Traballo e Benestar).

Poderán ser beneficiarias as persoas que teñan fillos/as menores de tres anos na data 1 de xaneiro do 2012 (nacidos entre o 02-01-2009 e o 01-01-2012, inclusive) e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2010, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.

A documentación que deben presentar é a seguinte:
-Solicitude e anexos.
- Autorización dos membros da unidade familiar para obter da AEAT e da Consellería de Facenda os seus datos de carácter tributario (anexo IV)
- Fotocopia do Libro de Familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada un dos fillos/as menores de 3 anos.
- Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar (Convivencia).
- Copia da sentencia de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, se é o caso.
Nos supostos de adopción ou tutela, copia do auto xudicial de adopción ou da resolución xudicial de constitución da tutela.
- Fotocopia da folla da cartilla de aforros na que figure o nº de conta ou, no seu defecto, certificación bancaria que indique expresamente que a persoa solicitante é titular da conta á que se refire.
- Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas por este mesmo concepto por calquera administración pública (anexo II).
- Declaración de estar ao día coas obrigas da Seguridade Social (anexo III).

Para máis información e trámite, as persoas interesadas deberán dirixirse aos Servizos Sociais Municipais, sitos na Casa do Concello, en horario de 8 a 15 horas, de luns a venres.

miércoles, 15 de febrero de 2012

O CONCELLO DE BURELA E ECOS DO SUR PRESENTAN UN SERVIZO PARA MULLERES MIGRANTES

O VINDEIRO XOVES TERÁ LUGAR A PRESENTACIÓN OFICIAL DO SERVIZO PARA MULLERES MIGRANTES (INMIGRANTES OU EMIGRANTES RETORNADAS) DE BURELA QUE VEÑEN DE POÑER EN MARCHA O CONCELLO E A ONG ECOS DO SUR.

O vindeiro xoves, 16 de febreiro, ás catro e media da tarde terá lugar a presentación oficial do servizo para mulleres migrantes de Burela que veñen de poñer en marcha o Concello e a Ong Ecos do Sur.

A concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, indicou que “o programa de atención a inmigrantes do Concello de Burela acaba de firmar un convenio de colaboración coa Ong Ecos do Sur. Ecos do Sur é unha entidade independente e sen ánimo de lucro, que traballa dende 1991 pola integración social e laboral das persoas migrantes, así como doutros colectivos en risco de exclusión. O servizo para mulleres migrantes de Burela está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. O custe que ten para o Concello é de cero euros”.

A edil popular explicou que “as consultas realizaranse os primeiros e terceiros xoves de cada mes, na sede da Fundación Expomar, en horario de 16:30 a 19:00 horas. Ecos do Sur, en colaboración co Concello de Burela, proporcionará asesoría xurídica, laboral e social gratuita ás mulleres inmigrantes ou emigrantes retornadas do municipio”. 

Diana Durán dixo que “o obxectivo fundamental deste convenio de colaboración é dar un paso máis cara a integración social e laboral das mulleres inmigrantes no Concello de Burela, ademais de promover a inserción laboral, mellorando a súa empregabilidade e evitando no posible situacións de precariedade e explotación laboral. Tamén hai que destacar a importancia de facilitar información suficiente e axeitada sobre dereitos xurídicos, sociais e laborais, deberes e recursos existentes, promover o asociacionismo, facilitar o empoderamento das mulleres inmigrantes e prestar asesoramento xurídico e laboral específico en estranxeiría ao colectivo migrante”. 

A concelleira de Servizos Sociais invita a todas as persoas interesadas a asistir á presentación oficial de dito programa o vindeiro xoves, 16 de febreiro, no salón de Conferencias Municipal ás 16:30 horas, “nese encontro explicaremos cal é o funcionamento do servizo aos/ás representantes das asociacións de inmigrantes rexistradas no Concello de Burela, así como a todas as persoas interesadas que queiran participar nesta xuntanza de presentación”.

lunes, 13 de febrero de 2012

DENDE O 2 DE FEBREIRO ESTÁ EN FUNCIONAMENTO O SERVIZO PARA MULLERES MIGRANTES DE BURELA

-Os primeiros e terceiros xoves de cada mes, a ong Ecos do Sur, en colaboración co Concello de Burela, proporcionará asesoría xurídica, laboral e social gratuita ás mulleres inmigrantes ou emigrantes retornadas do municipio, en horario de 16.30 a 19 horas.
-As consultas realizaranse na sede da Fundación Expomar (Avd. Arcadio Pardiñas, 137) e están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e as Secretarías Xerais de Igualdade e Emigración da Xunta de Galicia.

Unha aposta polo impulso social, laboral e personal dun colectivo en claro risco de exclusión social. A ong Ecos do Sur puxo en marcha a principios de febreiro en Burela o seu servizo de asesoría especializada para mulleres migrantes (inmigrantes e emigrantes retornadas), coa colaboración do Concello da localidade lucense, coa finalidade de que as mulleres migrantes empadroadas en Burela disfruten dun acceso gratuito e completamente anónimo a un servizo especializado de asesoría xurídica en extranxeiría, ademais de asesoría laboral, información sobre asociacionismo e traballo social. 
As consultas serán atendidas por persoal técnico da ong Ecos do Sur, especializado en extranxeiría. Ecos do Sur é unha entidade independente e sen ánimo de lucro, que traballa dende 1991 pola integración social e laboral das persoas migrantes, así como doutros colectivos en risco de exclusión. 

As beneficiarias:
Na actualidade, a tasa de poboación inmigrante no Concello de Burela é do 12,74% sobre o total, unha cifra que se veu incrementada en dous puntos porcentuais en tres anos. Así, o crecemento da poboación estranxeira entre 2008 e 2011 no municipio foi de casi o 22%, mentras que a poboación autóctona medrou un 1,4% no mesmo periodo.
As mulleres representan o 40% do total da poboación estranxeira empadroada en Burela: desta maneira, casi 500 mulleres foráneas, máis do 5% da poboación total do municipio, poderán beneficiarse dos servizos especializados que Ecos do Sur recentemente comezou a prestar.
Burela é un municipio tradicionalmente receptor de poboación estranxeira e, hoxe en día, aglutina a 37 nacionalidades diferentes. A tendencia mantívose nos últimos anos, polo que se fai imprescindible o recoñecemento e atención das necesidades e problemáticas específicas do colectivo migrante. Dentro deste, as mulleres merecen atención diferenciada e dende unha perspectiva de xénero, atendendo ao seu papel concreto nos grupos familiares, a súa posición en relación cos recursos e medios productivos e ao seu proceso de emancipación e empoderamento.
Ecos do Sur aporta a súa experiencia de máis de 20 anos prestando servizos de asesoría xurídica, laboral, sanitaria e social ao colectivo inmigrante e emigrante retornado, sempre dende unha perspectiva inclusiva e de servizo social integral.


ECOS DO SUR é unha Organización Non Gubernamental de Desarrollo aconfesional, independente e sen ánimo de lucro, de ámbito nacional, fundada en 1991 e con sede social na ciudade de A Coruña. Entre os seus obxectivos están, por un lado, propiciar a integración social e laboral das personas inmigrantes, emigrantes retornadas, así como de colectivos españois en situación de vulnerabilidade na nosa sociedad, denunciar calquera tipo de actitude intolerante e, por outro lado, dar a coñecer a situación socioeconómica dos países do Sur, sensibilizando sobre as súas realidades e cooperando para o seu desarrollo. A transparencia, a calidade e a promoción da igualdade e dignidade das persoas forman parte das súas premisas. Conta cun Sistema de Xestión de Calidade baseado na Norma UNE EN ISO 9001:2008 certificado por AENOR, e foi ENTIDADE DECLARADA DE UTILIDADE PÚBLICA polo Ministerio do Interior (Orde INT/1624/2005, de 27 de abril).

jueves, 9 de febrero de 2012

JULIUS

 La Voz de Galicia

A familia de Julius seguía os seus pasos grazas a un álbum colgado en Facebook

Un amigo do vagabundo falecido en Lugo colgaba as fotos en Internet

09 de febreiro de 2012

Julius Lederer, o alemán que sempre elixiu lugares de costa para vivir, faleceu terra dentro. Aínda que en Lugo pasou os seus últimos días, o vagabundo conservaba algunhas amizades na Mariña, a comarca que escollera para pasar parte do pasado ano, a última etapa da súa vida vivindo na rúa. Julius e a súa manta durmiron ao raso en Viveiro, San Cibrao, Foz ou Burela. E foi precisamente nesta localidade onde unha das súas amizades creou un álbum de fotos que colgou en Facebook e que co paso do tempo converteríase no balcón ao que se asomaban os seus pais para seguir o día a día do seu fillo.
O autor do álbum, que contén unha vintena de fotografías sobre a estancia de Julius en Burela, é Juan Carlos Fernández, quen no seu día lle proporcionou alimentos, quen nunca lle negou o saúdo e unha das persoas que estivo pendente de Julius ata o final dos seus días. O seu compromiso co alemán foi máis aló de fotografalo, e onte brindou o seu apoio aos pais de Lederer para cumprimentar os trámites en Lugo. Non o fixo por protagonismo. Cuestión de xustiza e solidariedade.
«A min impactoume a primeira vez que o vin, polo estado que presentaba, e foi cando decidín que lle botaría un cable», confesaba onte Juan Carlos, quen recorda que a intención da familia era pedir o seu traslado desde o hospital lucense a Alemaña ao longo deste mes. Non puido ser.
Contacto fluído coa familia:
Ata que a finais de novembro Julius deixou as rúas da Mariña para ingresar na unidade psiquiátrica do Hula, en Lugo, Juan Carlos mantivo un contacto máis ou menos fluído coa súa familia. Este inspector burelense non dubida en cualificar ao alemán como un ser «brillante, que no seu día foi un gran estudante e merecedor de premios», e lamenta que nos seus últimos días non gozase da liberdade que tanto ansiaba.
Outra das persoas que estivo durante semanas pendente do estado do vagabundo foi a concelleira burelense de Servizos Sociais, Diana Durán, quen realizou xestiónelas pertinentes para sacar a Julius da rúa «e para que recibira a atención médica que precisaba».

JULIUS

 El Progreso (Burela)

O indixente Julius, que pasou o verán entre Burela e Foz, faleceu en Lugo


07/02/2012 - 
Julius Leader, o indixente que estivo durante gran parte do verán e ata novembro na Mariña, máis concretamente entre Burela e Foz, morreu onte no hospital Lucus Augusti de Lugo, a onde foi trasladado o pasado 24 de novembro. O home, que vivía e durmía na rúa e sempre camiñaba cunha manta encima escondendo as poucas pertenzas das que era dono, tiña 31 anos e era de orixe alemán.
A noticia, que puido confirmar este medio, saltou a través da rede social Facebook e en pouco tempo as demais redes tamén se encheron de mensaxes sobre este indixente e o seu peculiar estilo de vida. Aínda que non molestaba a ninguén, nin mendigaba, nin pedía, o forte cheiro que desprendía pola súa falta de hixiene e algunhas condutas pouco apropiadas, como durmir coa metade do corpo na beirarrúa e a outra metade na calzada, provocaron que houbese algunhas queixas veciñais tanto en Foz como en Burela.
O traballo dos servizos sociais burelenses, a través da concelleira popular Diana Durán, fixo que Julius fose atendido primeiro no Hospital da Costa de Burela e pouco despois fose trasladado a unha unidade psiquiátrica en Lugo en novembro pasado. Isto foi posible grazas a uns informes que emitiu o goberno burelense á fiscalía e aos xulgados de Viveiro, onde abriron un proceso para proceder á súa incapacitación.
Julius Leader naceu en Alemaña en 1980. O diñeiro co que contaba na Mariña, xa que nunca se lle viu medir nin mendigar, enviáballo a súa familia desde o país centroeuropeo, segundo se dicía na costa mariñá.
UNHA HISTORIA. A versión máis estendida é que se trataba dun mariñeiro alemán que quedou na Coruña non se sabe moi ben se por vontade propia ou se abandonado polos seus propios compañeiros. Desde entón, e fálase de 2006, deambulaba pola vida con paso lento e unha historia que circulou polas redes sociais durante os últimos meses. Era habitual velo camiñando entre Foz e Burela, pola estrada, coa súa manta ao lombo, ou bañándose na praia.
Antes de chegar á Mariña estivo na Coruña, Oleiros, Ferrol, Cedeira e en Viveiro, pero os seus últimos días antes de ser internado en Lugo foron entre Burela e Foz. Era unha persoa que decidiu vivir a vida dun xeito distinto durante os últimos cinco anos. Vivía ao seu xeito, libre, camiñando dun lado a outro, sen molestar, pero sempre era o mal cheiro o que chamaba a atención e espertaba as críticas dos cidadáns. O seu descoñecemento do español tampouco axudaba a este ‘indignado' alemán cuxo destino acabou en Lugo, unha cidade sen mar para un mariñeiro sen teito.