lunes, 20 de febrero de 2012

BURELA CONTA CON 45 PRAZAS DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA. DESTE E DOUTROS ASUNTOS FALARON OS CONCELLEIROS DE SERVIZOS SOCIAIS E TRÁFICO CON REPRESENTANTES DE COGAMI

Burela conta con 45 prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. A ordenanza municipal de accesibilidade para este colectivo e a ordenanza reguladora das tarxetas de estacionamento centraron a xuntanza que esta mañá mantiveron no Concello os responsables das Delegacións de Servizos Sociais e Tráfico, Diana Durán e Manuel Fernández Valle, con membros de Cogami e co técnico municipal de urbanismo.

Durán asegurou que o obxectivo do encontro celebrado esta mañá no Concello “non é outro que aunar criterios sobre a viabilidade da ordenanza municipal de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida”. E lembrou que houbo outras xuntanzas “para abordar esta cuestión e tamén a ordenanza reguladora das tarxetas de estacionamento para facilitar o desprazamento destas persoas por Burela. Dita ordenanza foi aprobada no pleno que tivemos en xaneiro no Concello”.

Os edís de Urbanismo e Servizos Sociais subliñaron que “ésta era unha preocupación do equipo do goberno, tanto a regulación das tarxetas como a creación de prazas de estacionamento para estas persoas. Agora en Burela contamos con 45 lugares de aparcamento para ese colectivo. A maioría dos casos atópanse preto dos pasos de peóns e das beirarrúas coa intención de que estas persoas conten con máis espazo para poder entrar e saír dos seus vehículos e para facilitarlles tamén as maniobras coas cadeiras de rodas”.

A Delegación de Policía e Tráfico, que tamén dirixe Manuel Fernández Valle, habilitou cinco zonas para o aparcamento das ambulancias e dos coches da Policía Local e indicou que “chegamos tamén ás 20 zonas de carga e descarga en Burela. O obxectivo é mellorar a seguridade e a fluidez do tráfico na nosa vila e neso seguimos traballando”.

Á xuntanza desta mañá asistiron o técnico de accesibilidade de Cogami-Santiago, representantes da asociación A Mariña-Cogami, o técnico municipal de urbanismo e os concelleiros Manuel Fernández Valle de Diana Durán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario