Servizos Sociais

Os SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS son aqueles que realizan unha acción social globalizadora e polivalente, dirixidos ao conxunto da poboación do Concello de Burela e que teñen por obxecto promover e posibilitar o desenvolvemento do benestar social de tódalas persoas veciñas deste Concello.


Configuran o nivel básico de actuación, constituíndo a "porta de entrada" ao Sistema Público de Servizos Sociais, dende o cal se actúa de maneira directa e integral sobre as problemáticas e/ou necesidades sociais das persoas usuarias e que, cando así o require a especificidade da situación, os casos son derivados por prescrición técnica aos Servizos Sociais de Atención Especializada.


Comprenden dúas modalidades: básicos e específicos.

Os programas básicos de actuación que se desenvolven a través dos SS.SS. Comunitarios e que veñen a recoller as prestacións básicas do Plan Concertado, son:
  • Programa de orientación, asesoramento e información: o obxecto é informar @s cidadáns sobre os distintos dereitos e recursos en materia de servizos sociais, así como orientar e asesorar ás persoas e grupos afectados por problemáticas específicas, diagnosticar a situación e derivalos, se é necesario, aos servizos sociais de atención especializada.
  • Programa de axuda no fogar: a súa prioridade é a atención ás persoas en situación de dependencia, así como a aqueles/as veciños/as que presenten disfuncións ou discapacidades que lles limiten a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social e que teñan dificultades para procurar o seu benestar físico, social e psicolóxico, prestándolles unha serie de atencións ou coidados de carácter persoal, psicosocial e educativo, doméstico e técnico e proporcionándolles a posibilidade de continuar no seu entorno natural, mentres esto sexa posible e convinte.
  • Programa de inserción social: ten como obxecto a prevención das situacións de marxinación e as súas causas e a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.
  • Programa de animación, prevención e cooperación social: trátase de facilitar a participación das persoas en tarefas colectivas tendentes a que sexa a propia comunidade a que asuma as problemáticas e busque canles de solución, fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado.
  • Programa de convivencia alternativa: trátase de ofertar un aloxamento provisional a aquelas persoas en situación de emerxencia persoal ou familiar cando non sexa posible a permanencia no propio fogar ou este non exista. 
Sen prexuízo da orientación polivalente e preventiva do nivel de actuación comunitaria, os servizos sociais comunitarios específicos desenvolverán programas e xestionarán centros orientados a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, procurando a súa normalización reincorporación social ou como espazo de tránsito a un servizo especializado. Atendendo a criterios de equidade territorial e rendibilidade social, ditos servizos específicos, poderán ser de carácter comarcal.