viernes, 26 de abril de 2013

A DIRECTORA XERAL DE FAMILIA E INCLUSIÓN VISITOU ONTE O CENTRO DE ATENCIÓN DE TEMPERÁ DE BURELA, ONDE PERCIBIU A IMPORTANCIA DUNHAS INSTALACIÓNS QUE TEÑEN CARÁCTER COMARCAL E QUE BUSCAN ATENDER COA MAIOR CALIDADE POSIBLE AOS NENOS E NENAS QUE ACODEN A ELAS


 Foto centro atencion tempera 2




A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, a delegada territorial de Xunta, Raquel Arias, o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, e a concelleira Diana Durán participaron en Burela no centro San Aníbal no café -coloquio para profesionais dos servizos sociais da Mariña, que tivo lugar esta mesma mañá. 
 
No centro San Aníbal o alcalde destacou “a importancia da colaboración estreita dos servizos sociais de base, aqueles que prestan os concellos coa propia Xunta de Galicia, para buscar a máxima coordinación posible e ao mesmo tempo ter en conta a práctica real do día a día nesta materia á hora de tomar decisión políticas co obxectivo de tentar beneficiar o máximo posible aos cidadáns, sobre todo nos momentos que estamos a vivir na actualidade”.
González Barcia explicou que “o Concello de Burela está moi satisfeito do traballo realizado polo equipo de servizos sociais tanto no Centro de Información ás Mulleres, atención aos inmigrantes, na unidade de drogodependencias, no centro de formación ocupacional para discapacitados intelectuais… están a facer un traballo moi importante”.

Amparo González, a directora xeral de Familia e Inclusión, pasou despois polo Concello de Burela e a continuación visitou tamén, acompañada do rexedor e da concelleira de Servizos Sociais, as instalacións do centro de atención temperá, que se acaban de reubicar dentro da Casa do Mar. O rexedor sinalou que “a directora xeral puido percibir a importancia da existencia deste centro que ten ámbito comarcal. Desde o Concello o que buscamos é atender coa maior calidade posible aos nenos que acoden a este centro e a intención pasa por seguir prestando este servizo, pero buscando unha aportación ao financiamento daqueles Concellos que teñen nenos e nenas que utilizan este centro comarcal”.

José Mª González Barcia subliñou que “desde hai uns quince anos Burela conta cun equipo en materia de servizos realmente importante. É un equipo moi unido, con moita experiencia e que funciona á perfección”. E engadiu que “é moi importante que os responsables políticos visiten aos profesionais para estar en contacto permanente e que isto favoreza a toma de decisións ao respecto”.

A FUNDACIÓN EU SON RECIBE UNHA SUBVENCIÓN DE AGADER PARA A ADQUISICIÓN DUNHA PLATAFORMA ELEVADORA ELÉCTRIA PARA A ADAPTACIÓN FUNCIONAL DUNHA FURGONETA



O Alcalde de Burela, José González Barcia, e a Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán García, presidente do Padroado da Fundación Eu Son e vocal, respectivamente, informan que por resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, dita fundación resultou beneficiaria dunha axuda no marco da convocatoria de subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2012-2013 promovidas por asociacións e entidades sen ánimo de lucro, e que ascende a 4.886,80 €, o 100% da subvención.

José Barcia afirma que “con concesións de axudas deste tipo non so se asegura a continuidade da prestacións de servizos por parte de entidades sen ánimo de lucro, senón que se incrementa a calidade da propia atención ás persoas beneficiarias”.

Pola súa parte, Diana Durán, maniféstase compracida posto que “este proxecto ten como obxectivo a adquisición dunha plataforma elevadora eléctrica para a adaptación dun vehículo da Fundación Eu Son, o que supón que todas as persoas con discapacidade intelectual  e que presenten discapacidade física engadida beneficiarias dos servizos da Fundación estarán nas mesmas condicións para desprazarse xunto aos seus compañeiros, cumprindo o principio de igualdade e fomentando a integración social, xa que así poderán realizar todas e todos as mesmas actividades tanto terapéuticas como de ocio”.

O CONCELLO DESTINA PRETO DE 600.000 EUROS AO PLAN CONCERTADO SE SERVIZOS SOCIAIS NESTE 2013



O CONCELLO DESTINA PRETO DE 600.000 EUROS AO PLAN CONCERTADO SE SERVIZOS SOCIAIS NESTE 2013. DIANA DURÁN SUBLIÑA QUE “CON ESTA PARTIDA SE INCREMENTAN OS PROGRAMAS DO ANO PASADO CO OBXECTIVO DE CHEGAR AO MAIOR NÚMERO DE PERSOAS QUE PRECISAN DA NOSA ATENCIÓN”. 

O Concello destina preto de 600.000 euros ao plan  concertado de Servizos Sociais deste 2013. A concelleira Diana Durán subliña que “con esta partida non só se manteñen os programas do ano pasado senón que se incrementan para chegar ao maior número posible de veciños e veciñas que precisan da nosa atención”. Na última comisión de goberno foi aprobado este plan. 

Dos 600.000 euros máis de 96.960 euros corresponden a gastos de persoal (dúas traballadoras sociais e unha educadora familiar), e a gastos de mantemento para a realización das viaxes e desprazamentos que este persoal tivese que facer a Santiago e a Lugo destínanse 1.800 euros.
A partida máis importante do orzamento do Servizos Sociais é para a axuda no fogar, que supón un desembolso de 306.000 euros, dos que 49.000 euros son para a prestación básica e 256.000 euros para SAF dependencia. 

Na xestión de programas a concellería que dirixe Diana Durán inviste 189.275 euros, dos que 58.000 euros son para atención temperá (onde traballan unha psicóloga e unha pedagoga), 4.900 euros son para emerxencia social, 14.650 euros para ximnasia preventiva e fisioterapia a domicilio e preto de 27.000 euros para apoio á dependencia e para Dálle vida aos teus anos. Finalmente a animación sociocultural: aulas júnior e sénior, preparación ao parto e outras actividades destinadas á infancia, á muller, etc, destínanse 84.000 euros. 

Diana Durán indicou que “dos preto de 600.000 euros de presuposto que manexamos xa solicitamos en tempo e forma diversas axudas á Xunta por importe de 421.000 euros, co que para aportación do Concello quedan 172.000 euros. Esta cifra agardamos rebaixala un pouco debido ao copagamento que os usuarios realizan por algúns servizos, as subvencións que nos poidan chegar desde a Deputación Provincial ou doutras fontes de financiamento”. 

A concelleira de Servizos Sociais dixo que “queda demostrado deste xeito que os servizos sociais son para o equipo de goberno do Concello de Burela unha auténtica prioridade”.