jueves, 8 de marzo de 2012

A MODERNIZACIÓN EN BURELA A TRAVÉS DA MULLER

O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER será celebrado no día de hoxe, 8 de marzo, no Concello de Burela cunha mesa redonda, ás 18 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello e que leva por título "A MODERNIZACIÓN EN BURELA A TRAVÉS DA MULLER". Neste acto organizado polo "Centro de Información á Muller" (CIM) da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade participarán catro mulleres da vila que relatarán as súas peculiares experiencias, unhos recordos que ben poderían ser os doutras moitas mulleres, xa que é fácil sentirse identificadas/os cos mesmos.

Celia González Vispo, Alicia Valle Vázquez, Antonia Fernández Rivas e Mª Ramona Veiga Álvarez serán as protagonistas do evento. "Falaremos de mulleres emprendedoras, da experiencia de ser unha das primeiras mulleres en ter o carné de conducir en Burela e tamén de discapacidade, novas tecnoloxías ou arte", señala a edil de servizos sociais Diana Durán.

Ao remate o Sr. Alcalde do Concello de Burela, José González Barcia, procederá á lectura do manifesto conmemorativo do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.