viernes, 31 de mayo de 2013

BURELA CELEBRA O DÍA MUNDIAL SEN TABACO



Con motivo da conmemoración do Día Mundial Sen Tabaco, que se celebra o día 31 de Maio, a Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Burela, instalou durante a mañá de hoxe unha Mesa Informativa.

A Concelleira Delegada, Diana Durán, informou que dende as 9:30 ata as 13:30 horas, a Mesa estará situada nas inmediacións do Centro de Saúde de Burela, atendida pola Psicóloga Clínica SUSANA FERNÁNDEZ PERNAS, quen informa sobre os efectos nocivos do tabaco e as estratexias terapéuticas para o abandono do consumo desta substancia.

Durán explica que "tamén se realizan, a todas aquelas persoas interesadas, medicións de Monóxido de Carbono (CO) en aire espirado e se fai entrega de material informativo nesta materia".


CELEBRACIÓN DE FIN DE CURSO DE AULA JUNIOR

AULA JUNIOR de Burela despediuse ata a tempada que vén cunha festa na que participaron todos os nenos e nenas que asistiron ao programa, acompañados polas súas nais e pais.

O Concello de Burela impulsa esta inciativa coa intención de suplir o desaparecido programa de Preescolar Na Casa. A Concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, afirma que "a valoración é moi positiva, xa que houbo que facer mais grupos dos existentes nun principio e, ademais, duplicaronse as sesións, de forma que todas as persoas participantes puideron acudir unha vez por semana, mellorando o anterior, que se prestaba unha vez cada 15 días".

A edil popular tamén resalta a temporalidade de Aula Junior, que pasa a ser durante todo o ano agás na época estival.

Na tarde de onte houbo unha merendola na Praza de Abastos mui animada, onde a xuntanza foi entre pais e nenos e nenas de todos os grupos, xunto á monitora responsable de impartir o programa.


 

viernes, 10 de mayo de 2013

A CASA DA CULTURA DE BURELA ACOLLE A EXPOSICIÓN DOS TRABALLOS REALIZADOS NOS CURSOS DE TEMPO LIBRE DO CIM

Hoxe, venres 10 de maio, ás 18:30 horas, terá lugar a inauguración da exposición dos traballos realizados nos cursos de tempo libre que organizou o Centro de Información ás Mulleres de Burela durante a tempada 2012-2013. Será na sala de exposicións da Casa da Cultura.

A Concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, lembrou que “os cursos impartidos foron manualidades, bordado e bolillos e aos que acudiron 200 mulleres. Nos mesmos traballaron cinco profesoras, dúas do bordado, dúas de bolillos e unha de manualidades”.

Na inauguración tamén se expoñerá un vídeo realizado de forma altruísta, sobre os traballos feitos polas alumnas. A autora é Antonia Fernández Rivas, á que a Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade lle agradece “unha vez mais a súa colaboración co Concello de Burela; así mesmo, agardamos que para o vindeiro curso a participación sexa tan alta como a deste ano”.

A exposición estará aberta ata o 25 de maio. E poderase visitar de luns a venres en horario de 11 a 13 horas e de 18 a 20 horas. O sábado 11 de maio o horario tamén será de 11 a 13 horas e 18 a 20 horas e os sábados 18 e 25 de maio só se visitará en horario de tarde de 18 a 20 horas. 



viernes, 3 de mayo de 2013

BURELA ADHÍRESE A UN CONVENIO QUE PERMITIRÁ ACTUAR ANTE POSIBLES SITUACIÓNS DE DESAFIUZAMENTOS


O Concello de Burela está a asinar a adhesión ao convenio de colaboración entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) sobre a detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do lanzamento de vivenda familiar e medidas de carácter social.

O alcalde de Burela, José González Barcia, explica que “o obxecto do convenio é abordar conxunta e coordinadamente medidas que dean resposta ás situacións de especial vulnerabilidade ou desvalemento que se puidesen detectar no curso dos procedementos xudiciais, tanto por mor de procedementos de execución hipotecaria como por desafiuzamentos de vivendas habituais por falta de pago da renda da vivenda habitual que fosen detectadas pola administración de xustiza na tramitación procesual do procedemento. Así mesmo, este convenio de colaboración en desafiuzamentos conta cunha finalidade definida de xeito moi clara para o Concello, xa que se trata de dar conta da situación aos servizos sociais municipais e por en marcha os programas de asistencia e realoxamento, si se cumpren os requisitos legais”.

Pola súa parte, a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, indica que “cada parte conta coas súas obrigas, xa que dende o Concello de Burela deben de coordinarse co Xulgado correspondente, coa Consellería de Traballo e Benestar (concretamente co Servizo de Coordinación e Servizos Sociais Comunitarios) e coa Dirección Xeral de Xustiza”.

Durán destaca a importancia de adherirse a este convenio de colaboración en casos de desafiuzamentos, xa que “se trata dunha problemática social da que dende a administración local debemos estar preparados para dar unha resposta inmediata, sen demora no tempo e moi ben coordinados, pois deste modo, prevéñense situacións de exclusión social como os que se viñeron coñecendo dende que comezou a crise. En definitiva, o protocolo fixa procedementos para que un/ha xuíz, cando teña coñecemento dun desafiuzamento, informe aos servizos sociais da Xunta e aos Concellos para que procedan a atender ás persoas afectadas antes de que se produza o desaloxo.”