martes, 6 de noviembre de 2012

O PADROADO DA FUNDACIÓN EU SON VE POSITIVO O FUNCIONAMENTO DO CENTRO DE DÍA DE BURELA

GONZÁLEZ BARCIA E DIANA DURÁN FAN UN BALANCE MOI POSITIVO DO PRIMEIRO MES DE FUNCIONAMENTO DO CENTRO DE DÍA PARA A PROTECCIÓN DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL DA FUNDACIÓN EU SON. E LEMBRAN QUE ESTE EQUIPAMENTO É COMARCAL. CALQUERA PERSOA QUE PRECISE UTILIZALAS DEBE DIRIXIRSE AOS SERVIZOS SOCIAIS DE REFERENCIA NO SEU CONCELLO.
   
O alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, fan un balance moi positivo do primeiro mes de funcionamento do centro de día para a protección das persoas con discapacidade intelectual da Fundación Eu Son.

Éste foi un dos asuntos abordados na xuntanza do padroado celebrada este mediodía do día de onte.

Barcia e Durán subliñaron que “este mes foi moi positivo tanto para os beneficiarios e usuarios de centro coma para os propios profesionais que traballan alí”. O centro de día da Fundación Eu Son funciona de 10 a 18 horas de luns a venres, conta con comedor e nas súas instalacións préstanse coidados persoais, atención individual e de saúde, programa psicosociais, rehabilitación menor e atención psicolóxica. No centro traballan: un psicólogo, un terapeuta ocupacional, un técnico de integración social, un fisioterapeuta, unha educadora e coidadores. 

 Diana Duran indica que “tamén conta cos profesionais que xa estaban no centro ocupacional da Fundación Eu Son: un mestre en audición e linguaxe e os monitores dos obradoiros de cerámica e de elaboración de nasas”. O obradoiro de cerámica recibía hai uns meses o recoñecemento de Artesanía de Galicia por parte da Xunta.

O rexedor e a responsable de Servizos Sociais, presidente e vocal do padroado da Fundación Eu Son, aseguraron que “na actualidade o centro de día conta con seis usuarios, que son de Burela. Hai que lembrar que este equipamento é comarcal e que calquera persoa doutro concello que precise da súa utilización o único que ten facer é comunicarllo ao seus servizos sociais de referencia. Temos dúas persoas máis que solicitaron información sobre o funcionamento do centro. A forma de acceso pode ser privada ou a través do sistema de dependencia da Xunta de Galicia”.

Diana Durán dixo que “por parte do quipo de goberno o que pretendemos foi equiparar económicamente o centro de día co centro ocupacional que leva 15 anos funcionando e así se fixo”. A concelleira de Servizos Sociais e o alcalde engadiron que “para nós os servizos sociais son prioritarios, tal e como estamos demostrando con feitos desde que chegamos ao Concello. O centro de día da Fundación Eu Son leva un mes funcionando, grazas ás xestións que realizamos desde o equipo de goberno”.

Outros dos asuntos abordados na xuntanza do padroado da Fundación Eu Son foron as subvencións solicitadas durante o presente ano 2012 e o certificado de calidade ISO 9001 para o centro ocupacional”.