miércoles, 28 de enero de 2015

ROSALÍA DE CASTRO SERÁ HOMENAXEADA NA CASA DA CULTURA DE BURELA


O Concello organiza este venres, 30 de xaneiro, un acto para celebrar o aniversario do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Está organizado polas Concellerías de Cultura e Muller e dará comezo ás 20.30 horas. A Casa da Cultura acollerá o venres o acto Que bela te deu deus!, co que o Concello quere renderlle homenaxe a Rosalía de Castro, “que aglutina na súa persoa tres características salientables: muller, poetisa e novelista, que escribiu tanto en galgo coma en castelá nunha época, no século XIX, na que non resultaba nada fácil ser muller e moito menos escribir en galego. Por iso, consideramos que esta muller, loitadora e valente, merece a nosa lembranza”, explicaron Mónica Pedre e Diana Durán. 

A soprano Esperanza Iglesias Méndez e Aurelio Chao Fernández ao piano interpretarán Oito cancións sobre poemas de Rosalía de Juan A. Moreno Fuentes, e Seis baladas galegas de Xoán Montes.

As edís populares anunciaron que “ao longo do mes de febreiro, que é cando se celebra o aniversario do seu nacemento, haberá outras actividades en Burela co fin de promover o coñecemento da obra de Rosalía de Castro e o fomento do uso do galego entre os nosos veciños e veciñas, así como da cultura popular”.

martes, 27 de enero de 2015

GONZÁLEZ BARCIA E DURÁN GARCÍA DIN QUE A VISITA DA SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICAS SOCIAIS "DEMOSTRA O COMPROMISO DO GOBERNO GALEGO CO CONCELLO DE BURELA E OS SERVIZOS SOCIAIS"


O alcalde, José Mª González Barcia, e a Concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, fan unha valoración moi positiva da visita que este pasado venres cursou a Burela a Secretaria Xeral de Política Social da Xunta. Coro Piñeiro estivo na residencia da terceira idade, na Fundación Eu Son e reuniuse coa presidenta da AFAN. 
 
O rexedor explicou que “na residencia da terceira idade falamos cos/as traballadores/as, coas persoas responsables da instalación e coñecemos as demandas que teñen para mellorar máis, si cabe, o servizo”. González Barcia lembrou que “no seu momento o goberno bipartito da Xunta acometeu unha reforma, que xa no seu día foi criticada porque non resolvía algúns problemas que tiñan esas instalacións e que co paso do tempo se demostrou que foron perxudiciais. Coro Piñeiro recolleu información para tentar mellorar a calidade asistencial do centro e o Concello ofrécese aos responsables da residencia da terceira idade a poñer en marcha algunha iniciativa que poida servir para mellorar a calidade da estancia das persoas internas”.


Coro Piñeiro tamén visitou os centros ocupacional e de día da Fundación Eu Son. A concelleira, Diana Durán, dixo que “a Xunta está a colaborar todo o que pode coa Fundación Eu Son para que estes dous centros funcionen. E o Concello xa se viu que aposta de forma decidida por estas instalacións. Neste mandato puxemos en marcha o centro de día, algo que levaba agardando desde o ano 2007. Cedémoslle á Fundación Eu Son máis locais para que, cando sexa preciso ou se determine, poida ampliar o seu campo de actividades. E a Xunta reiterou o seu compromiso co centro, compromiso que se concretará en datas próximas”. José Mª González Barcia considera que “en próximas fechas é probable que se produzan boas noticias para este colectivo”. 

Rexedor e concelleira relatoron que “a terceira xuntanza tivémola coa presidenta da Asociación de Enfermos/as de Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas (AFAN) para informar á Xunta do que están a facer eles e tamén do que se fai por parte do Concello. Esta asociación nace potenciada desde o propio o Concello, fomos os que lles dixemos aos familiares que se organizasen e nós xestionámoslles un local para que poidan reunirse, xestionámoslles apoios e axudas para que poida ser un colectivo forte en canto a asistencia ás persoas enfermas, pero tamén aos/ás coidadores/as porque son os que en boa medida sofren de forma moi directa as consecuencias nefastas desta enfermidade”. A secretaria xeral de Política Social da Xunta comprometeuse “a buscar vías de colaboración coa asociación e co Concello para incrementar o número de actividades para formar ás persoas coidadoras e así axudarlles a esa desconexión co mundo desta enfermidade para poder seguir coidando aos/ás enfermos/as”. 

González Barcia e Diana Durán, engadiron que “a visita de Coro Piñeiro a Burela foi positiva e importante. E demostra o compromiso da Consellería de Traballo e Benestar Social co Concello. As cifras da colaboración falan por sí soas, si se ten en conta a magnitude de cartos chegados a Burela para a formación de persoas de desempregadas e para a realización de obradoiros de emprego”.

O CONCELLO DE BURELA APLICARALLE UNHA BONIFICACIÓN DO 90% NO ICIO Á ASOCIACIÓN CAMIÑA, QUE ACONDICIONARÁ CON FINS SOCIAIS UN LOCAL


O Concello vén de aprobar no último pleno a aplicación dunha bonificación do 90% no imposto de construción, instalación e obras á Camiña-Asociación de discapacitados psíquicos para o acondicionamento dun baixo no nº 9 da rúa Rafael Dieste.
 
A edil de Servizos Sociais, Diana Durán, explica que “Camiña dirixiuse ao noso Concello para solicitar a bonificación do ICIO, conforme ao artigo 9 da ordenanza fiscal, previa declaración de interese municipal por concorrer en circunstancias sociais”.

A concelleira dixo que “o que van crear nese baixo é un centro de ocio para os asociados e asociadas” e lembrou que “este colectivo, que leva anos traballando a prol da discapacidade intelectual, conta con subvención do Concello de Burela e tamén lles cedemos locais na praza de abastos para realizar a súa actividade diaria”. Diana Durán engadiu que “nós entendemos que debemos seguir axudando, na medida das nosas posibilidades, a colectivos e asociacións que agrupen e traballen para facerlles a vida máis doada ás persoas con capacidades diferentes e tamén ás súas familias”.

O CONCELLO DE BURELA INFORMA SOBRE AS SOLICITUDES E AXUDAS DA XUNTA PARA A REDUCCIÓN DE XORNADA LABORAL E AS ANPAS


A concellería de Servizos Sociais de Burela está a colaborar estes días cos veciños e veciñas do municipio en dúas convocatorias de axudas ofertadas pola Xunta de Galicia para o presente ano 2015. A primeira é a destinada a conceder subvencións a asociacións de nais e pais do alumnado pertencente a centros educativos galegos, sostidos con fondos públicos. E a segunda está dirixida a aquelas persoas que contasen, no pasado ano 2014, con redución de xornada laboral nos seus traballos. Nos dous casos, a concellería burelesa ofrece información e axuda aos veciños para poder levar a cabo os trámites necesarios na solicitude destas subvencións. Os/as interesados/as poden coñecer detalladamente estas dúas convocatorias nas oficinas municipais dos Servizos Sociais de Burela, situadas na Casa do Concello e abertas en horario de 8 a 15 horas. O prazo de presentación de solicitudes das dúas convocatorias está aberto ata o vindeiro 20 de febreiro. 
 
A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, explicou que “no caso das axudas destinadas ás ANPAS, poderán participar na convocatoria todas as asociacións de centros educativos sostidos con fondos públicos que estean inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. As axudas están destinadas á realización de programas de actividades extraescolares e complementarias, dirixidas a alumn@s de educación infantil, primaria e centros de educación especial que teñan como obxectivo contribuír á conciliación da vida laboral e familiar no curso 2014-2015. Na valoración das solicitudes, tal e como establece a Xunta, primarase a programación de actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero”. A contía máxima desta subvención será de 6.000 euros por entidade e o prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 20 de febreiro.

No caso das axudas destinadas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. A edil de Servizos Sociais comentou que “poderán ser beneficiarios dela todos os homes, traballadores por conta allea, que se atopasen en situación de redución de xornada laboral ata o pasado 31 de decembro de 2014. Ademais, tamén o serán todas aquelas familias monoparentais, tanto homes coma mulleres, que se atopen nesta situación. O obxectivo destas axudas é contribuír á conciliación da vida laboral e familiar e impulsar un cambio de roles, implicando aos homes no coidado e atención dos seus fillos e fillas e facilitando o mantemento das traballadoras que teñen responsabilidades familiares no mercado laboral”. A contía destas axudas irá dende os 1.600 ata os 3.600 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada e do número de menores ao cargo. A concesión destas axudas realizarase na modalidade de pagamento único e de forma continuada, tal e como establece a Xunta na correspondente convocatoria. Ao igual que na axuda ás ANPAS, o prazo de solicitude remata o 20 de febreiro.

Diana Durán, animou ás persoas interesadas “a achegarse ata os Servizos Sociais do Concello para coñecer máis polo miúdo estas convocatorias e contar coa axuda dos nosos técnicos municipais á hora de facer os trámites que precisen”.

lunes, 26 de enero de 2015

AS CLASES DA ESCOLA DE COLUMNA E XIMNASIA PREVENTIVA DERON COMEZO EN BURELA


O salón de plenos do Concello acolleu este mes a presentación da escola de columna e do curso de ximnasia preventiva. 

A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Diana Durán, amosouse moi satisfeita pola acollida que tiveron ambas actividades, que se reanudarán a vindeira semana.
 
Os horarios nos que se levarán a cabo as clases da escola de columna serán os luns ás 15.30 e ás 16.30 horas; os martes ás 09.00, ás 10.00 e ás 11.00; os mércores ás 19.00 e ás 20.00 horas e os venres ás 09.00, ás 10.00 e ás 11.00 da mañá. No caso da ximnasia preventiva, as clases impartiranse os luns e xoves ás 09.00, ás 10.00 e ás 11.00 horas. A escola de columna impartirase na aula de familia da Casa da Cultura e a ximnasia preventiva na praza de abastos. 

En total 180 persoas se beneficiarán destas actividades organizadas pola Concellería de Servizos Sociais e Sanidade de Burela. 


¡¡ANÍMATE E PARTICIPA NESTES OBRADOIROS!! :))

DIANA DURÁN FAI UN BALANCE MOI POSITIVO DA ATENCIÓN QUE PRESTA O CENTRO DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES DE BURELA


O Centro de Informacións ás Mulleres do Concello burelés rexistrou o ano pasado 895 consultas, segundo se recolle na súa memoria presentada pola concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán. Desas preto de novecentas consultas 543 foron asesoramentos xurídicos, 134 corresponderon a información sobre recursos e 113 foron atención a vítimas de violencia de xénero.

Segundo subliña a edil popular “durante o ano 2014 veuse incrementada a subvención concedida pola Secretaría Xeral da Igualdade de 45.000 euros, (que era o tope para Concellos que traballaban de forma independente) a 65.000 euros (qué o que reciben as agrupacións de Concellos). Iso foi así grazas ao convenio de colaboración asinado cos Concellos veciños de Alfoz, Cervo e O Valadouro aos que lles estamos moi agradecidos, xa que temos un número importante de veciñas dos seus municipios que son atendidas polo CIM de Burela”. Diana Durán engade que “desta forma púidose reforzar a atención do CIM, o que permite prestar atención psicolóxica a un maior número de mulleres e con máis continuidade, de forma que a atención repercute positivamente na calidade de atención ás usuarias. Así mesmo, non podemos esquecernos do tecido asociativo, co que se traballa man a man con dous claros obxectivos: a consecución real e efectiva da igualdade entre mulleres e homes e a erradicación da violencia de xénero”.

Ao longo do pasado 2014 centos de mulleres participaron nas diferentes actividades organizadas polo CIM burelés. Moitas foron as que acudiron aos cursos de manualidades, bordado e bolillos, ao curso de bailes de salón e ao taller de risoterapia. Ademais tiveron lugar en Burela varios cursos de formación para mulleres: un sobre marca persoal, un sobre creación e outro de fotografía, así coma a proxección de varias películas e documentais sobre a violencia de xénero e outras actividades encamiñadas a erradicar esta lacra social tanto na poboación adulta coma na xuventude. Durán amósase satisfeita pola acollida “que tiveron as nosas propostas entre as mulleres de Burela e dos concellos veciños. Nós seguimos apostando pola igualdade e polos servizos sociais e nese sentido seguiremos a traballar ao longo dos vindeiros meses”.

COMEZO DUN NOVO OBRADOIRO DE RISOTERAPIA EN BURELA ATA MAIO

En total son 20 as prazas que se ofertan para o obradoiro de RISOTERAPIA, que se impartirá de xaneiro ata maio na Aula de Familia da Casa da Cultura, segundo informa Diana Durán. 

BURELA TRAMITA INSCRICIÓNS DE PENSIONISTAS PARA PARTICIPAR NO NOVO PROGRAMA DE TERMALISMO SOCIAL DO IMSERSO PARA O 2015


A Concellería de Servizos Sociais tramita as inscricións para anotarse no novo programa de Termalismo Social do Imserso para este ano 2015. Os interesados deberán dirixirse aos Servizos Sociais do Concello para realizar as súas solicitudes.
 
A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán García, aclarou que “os requisitos para poder solicitar a inscrición neste programa termal son: ser pensionista da Seguridade Social polos conceptos de xubilación ou invalidez e polo concepto de viuvez ou doutras pensións cando o solicitante teña os 60 anos de idade cumpridos. Ademais, deberán ser persoas que non padezan trastornos mentais graves, nin enfermidades infecto – contaxiosas, e que poidan valerse por si mesmas para as actividades da vida diaria. Os solicitantes poderán ir acompañados dos seus cónxuxes, sen que a estes se lles esixan tamén requisitos de pensión e idade. Dende a Concellería de Servizos Sociais animamos a todos os interesados a que acudan ás nosas oficinas a informarse e realizar os trámites necesarios para solicitar a participación neste programa de Termalismo Social do Imserso.”


OS BAILES DE SALÓN QUE ORGANIZA O CONCELLO DE BURELA DERON COMEZO


O Concello iniciou o obradoiro de Bailes de Salón o pasado 20 de xaneiro, segundo lembra Diana Durán, concelleira de Servizos Sociais, quen explicou que “ante a boa acollida e a demanda de continuidade por parte das persoas asistentes á actividade denominada Bailes de Salón, esta vaise prolongar durante o ano 2015, nunha primeira quenda dende o 20 de xaneiro ata o 26 de maio. Seguiremos contando con Dimas (Goldance), titulado profesional de baile deportivo e competición, máxima categoría de competición a nivel español e internacional como bailarín e máxima titulación de profesión de baile(Federación Española de Baile Deportivo en colaboración co Consello Superior de Deportes e o Comité Olímpico Español)”.
 
Durán dixo que “as persoas que non estean a participar nesta actividade, pero que desexen facelo agora deben achegarse ao Centro de Información ás Mulleres en horario de 8:00 a 15:00 para coñecer si queda algunha praza libre nalgúns dos seguintes turnos: 1º turno de 18: 45 a 20:00 horas, 2º turno de 20:00 a 21:15 horas e 3º turno de 21:15 a 22:30 horas”. 

O día de realización desta actividade seguirá sendo os martes.O 20 de xaneiro de 2015 deron comezo os Bailes de Salón e a presentación tivo lugar na mesma na propia praza de abastos, que é onde se desenvolve a actividade. Para calquera información e/ou aclaración, as/os interesadas/os, poden chamar ao seguinte número de teléfono 982 58 06 09 ou achegarse ás oficinas de información do Concello.