martes, 29 de abril de 2014

BOTA A ANDAR O PROXECTO DE CONSTRUCCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL DA BURELA CON 41 PRAZAS E A ESTUDIO A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE DÍA DE DISCAPACIDADE INTELECTUAL DA FUNDACIÓN EU SON ASÍ COMO A CONSTRUCCIÓN DUNHA RESIDENCIA PARA ESTE COLECTIVO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS


140428 burela 05xO alcalde, José González Barcia, desprazouse este luns a Santiago de Compostela para manter unha xuntanza coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Tragsa está a elaborar o proxecto de construción da nova escola infantil do municipio que se levantará no solar co que xa conta o Concello. 
 
Este foi un dos asuntos abordados ao igual que a posible ampliación do centro de día para discapacitados intelectuais da Fundación Eu Son e a construción dunha residencia para persoas con discapacidades intelectuais, un proxecto de hai anos que o Concello pretende retomar agora. González Barcia valorarou de xeito positivo a celeridade coa que foi recibido por Beatriz Mato para falar de todos estes asuntos de sumo interese para Burela e para o seus cidadáns. 
 
O rexedor explicou que “un dos asuntos que estivo enriba da mesa é o da nova escola infantil, que vai ter 41 prazas e o Concello de Burela ten asinado un convenio coa Xunta de Galicia, como xa é sabido, para a súa construción. En principio a día de hoxe e logo da aprobación definitiva do plan xeral de ordenación municipal o Concello de Burela conta cunha parcela, que xa está fixada no propio plan xeral para uso dotacional exclusivo para unha nova escola infantil e os trámites para a súa adquisición van comezar en breve”. González Barcia subliñou que “de feito xa mantivemos conversas cos propietarios do solar e nestes momentos, por encargo da Consellería de Traballo e Benestar, xa se está elaborando o proxecto construtivo do que será a nova escola infantil municipal do noso concello, que vai contar con 41 prazas e que, de non haber ningún impedimento, vaise construír nun solar, que é solo dotacional, situado na rúa Circunvalación e nas proximidades da vía de Feve”.

Ampliación do centro de día da Fundación Eu Son
 
No encontro celebrado esta mañá en Compostela entre Beatriz Mato e José Mª González Barcia “outro asunto que estaba enriba da mesa é a posible ampliación do centro de día de discapacitados intelectuais da Fundación Eu Son, que ten uns locais cedidos polo Concello na rúa Suafonte. Precisamente nese mesmo baixo estaba instalado o centro de formación ocupacional para persoas desempregadas, que está agora ocupando os locais que o Concello ten nas inmediacións do parque de Tíjola. Polo tanto en Suafonte quedan locais libres”. 

O rexedor burelés indicou que “a petición da propia Fundación Eu Son o Concello está estudando a posibilidade de ampliar as instalacións do centro de día para persoas con discapacidade intelectual. Pero nin a fundación nin o Concello temos suficientes recursos económicos para proceder a unha ampliación, que nosoutros en principio consideramos positiva e polo tanto propúxoselle á conselleira ver as posibles vías de colaboración entre a Consellería, por un lado, e o Concello e a Fundación Eu Son, polo outro, para poder levar a cabo esa ampliación. Non tería porque ocupar obrigatoriamente todos os locais que o centro de formación ocupacional para desempregados ten deixado libres, pero que evidentemente en caso de que se vexa que poden ser precisos optariamos por ocupar os que sexan necesarios”. 

González Barcia contou que “Beatriz Mato ve ben a ampliación do centro de día para discapacitados intelectuais da Fundación Eu Son porque entende que se está facendo unha labor moi interesante dende a fundación e dende o propio Concello. De feito quedaron canles de comunicación abertos entre os técnicos e os responsables políticos da Consellería coa concelleira delegada de Servizos Sociais, Diana Durán, para acabar de perfilar todas esas posibles vías de colaboración que se abren entre a Xunta e o Concello de cara a unha posible ampliación deste centro de día”.

Intención de retomar un antigo proxecto
 
Finalmente o alcalde burelés manifestou que “esta mañá analizamos un terceiro asunto, que no seu día xa se propuxera por parte do goberno do Partido Popular cando estivemos no Concello na nosa anterior etapa, que é a posible construción dunha residencia para persoas con discapacidade intelectual. Nese sentido somos plenamente conscientes de que a situación económica evidentemente é moi complicada e hoxe en día facer calquera investimento que teña seis cifras ou máis é difícil. Pero nós expuxémoslle a idea que xa tiña o goberno do PP no seu momento, mostrámoslle o proxecto que xa nosoutros redactáramos e comezáramos a tramitar coa Xunta e que despois os gobernos bipartitos, tanto da Xunta como do Concello, paralizaron”. Para José Mª González Barcia “aquí ocorre exactamente o mesmo que no caso da ampliación do centro de día para discapacitados: imos ver que capacidades reais hai de asumir esta obra e de establecer marcos de colaboración, porque aquí estamos falando dunha inversión de seis cifras ou incluso superior, que loxicamente na situación en que estamos entendemos que é sumamente complexo sacala adiante. Pero se non movemos os temas nunca sairán adiante”.

O rexedor engadiu que “sendo conscientes da dificultade económica e tamén de que os asuntos hai que movelos no caso deste tema, que nosoutros levábamos no noso programa electoral dentro do apartado de servizos sociais, vamos empezar a movelo porque entendemos que é unha idea que, coa súa complexidade, pode ser perfectamente factible. Pode levar tempo sacalo adiante, pero exactamente igual que o logramos noutras cuestións creo que esta hoxe bota de novo a andar. Nese sentido, exactamente igual que no anterior, dende a Delegación Municipal de Servizos Sociais vaise ter un contacto permanente coa Consellería de Traballo para ver que fórmulas temos de establecer de cara a unha colaboración para que isto empece a tomar corpo”. 

Tanto o alcalde burelés coma a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, valoraron de xeito positivo a xuntanza mantida hoxe coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é Roberto Rodríguez: “temos que agradecer a celeridade coa que a propia conselleira nos ten recibido, porque a entrevista solicitouse a principios da semana pasada, e agradecer tamén a receptividade e o grao de compromiso establecido entre a conselleira e o seu departamento co Concello de Burela”.

domingo, 27 de abril de 2014

O CONCELLO DE BURELA ACOLLERÁ O PRÓXIMO MÉRCORES UNHA XORNADA GRATUÍTA SOBRE O PRESENTE E O FUTURO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR


O Concello de Burela organiza unha xornada baixo o título "Novas perspectivas no Servizo de Axuda no Fogar: presente e futuro". Celebrarase o vindeiro mércores, 30 de abril, de 10 a 12 horas no salón de plenos municipal. 

A asistencia é gratuíta e as persoas interesadas en participar deben inscribirse a través da bolsa de emprego, no teléfono982.58.16.30 ou por medio do correo electrónico emprego@burela.org.

A xornada será inaugurada ás dez da mañá polo terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Economía, Facenda, Emprego e Industria en Burela, José Casas Martínez, quen presentará as relatoras. A continuación intervirán as ponentes, que son a segunda tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade en Burela, Diana Durán García; a traballadora social e responsable do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Burela, Dolores Rodríguez Moreda; e a traballadora social coordinadora do programa do SAF en Burela, da empresa Centro Clínico Ribadeo SL, Yolanda Pérez Rey.

Despois das tres charlas haberá unha mesa redonda aberta a intervencións de todos os participantes e a clausura da xornada está programada para as doce do mediodía.

sábado, 26 de abril de 2014

O CIM BURELÉS OFRECE INFORMACIÓN E TRAMITA AS AXUDAS DA XUNTA PARA VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO


A Concellería de Servizos Sociais, Muller e Igualdade de Burela lembra que o pasado mércores saíu publicada no Diario Oficial de Galicia: a Resolución do 16 de abril de 2014 da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014. 

Esa resolución inclúe dous tipos de axudas: unhas dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego; e outras dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou ás e aos menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas. 

As mulleres interesadas en obter máis información ou en realizar os trámites para acceder a estas axudas poden dirixirse ao CIM de Burela de luns a venres en horario de 8 a 15 horas. O prazo de presentación de solicitudes deu comezo onte, 24 de abril. No caso das indemnizacións do artigo 43 de Lei galega 11/2007 dito prazo rematará o 31 de outubro de 2014. E no caso das axudas do artigo 27 de Lei orgánica 1/2004 rematará o 30 de novembro de 2014.

ENTREGA DE PREMIOS DOS CONCURSOS DE LEMAS E DIBUXO-PINTURA PARA A ELIMINACIÓN DA DISCRIMINACIÓN RACIAL


OLYMPUS DIGITAL CAMERA
O salón de plenos acolleu este venres a entrega de premios aos gañadores dos concursos de Lemas e de Debuxo-Pintura para a eliminación da discriminación racial, que convocou a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade a través do Programa de Atención a Inmigrantes.

A gañadora do I Concurso de Lemas foi Carla Fra García de 12 anos de idade do CEIP Virxe do Carme polo lema “Burela en igualdade, Burela calidade”. No caso do I Concurso de Debuxo-Pintura os gañadores foron Iria Calvo Fernández, de 8 anos de idade do CEIP Vista Alegre, e Kemer Monteiro da Costa, tamén de 8 anos de idade e do CEIP Virxe do Carme.
Na categoría especial os gañadores foron o debuxo común realizado pola Asociación de axuda ó Enfermo Mental A Mariña e o de Ángeles Cao Fernández da Fundación Eu Son.
Diana Durán deulles as grazas a todos por participar na convocatoria e animóunos a seguir loitando para conseguir unha sociedade que conviva en igualdade e na que non exista a discriminación racial.

jueves, 24 de abril de 2014

SERVIZOS SOCIAIS BURELA OFRECE INFORMACIÓN PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA "REENCONTROS NA TERRA PARA RESIDENTES NO EXTERIOR" DA SECRETARÍA XERAL DE EMIGRACIÓN


Os Servizos Sociais do Concello de Burela ofrecen información para participar no "Programa Reencontros na Terra para Residentes no Exterior", que organiza a Secretaría Xeral de Emigración durante este ano 2014 (DOG nº 73 do 15/04/2014). 
 
A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, sinala que “o obxecto do programa é promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía en residencia, e cos seus familiares, fortalecendo os vínculos de unión con Galicia”. 
 
En total convócanse un total de 135 prazas, distribuídas por países: Arxentina 81, Brasil 9, Cuba 7, Uruguai 34, Venezuela 2, e outros países 2.

As persoas beneficiarias do programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

Os requisitos que deben reunir son os seguintes:

a) Ser emigrante galego/a.

b) Ter nacionalidade española.

c) Residir en América.

d) Ter 65 ou máis anos de idade na data de remate do prazo de solicitude.

e) Levar polo menos os últimos 15 anos naturais sen participar en programas de viaxes trasatlánticos a Galicia da S.X de Emigración ou do estado español.

f) Valerse por sí mesmo e non padecer trastorno psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar a viaxe.

g) Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das pensións asistenciais por ancianidade do Estado español, fixado en 2014 para o país de residencia. Se o/a solicitante convive con outra/as persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70% da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

Poderán beneficiarse as persoas unidas por matrimonio,unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, cumprindo os requisitos dos puntos 3, 5 e 6.

A presentación das solicitudes deberá realizarse:

- Na Secretaría Xeral de Emigración.
- Nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitantes. Tamén a través do Rexistro electrónico da Xunta de Galicia.

Ata o 16 de Xuño de 2014 está aberto o prazo de presentación de solicitudes. Os interesados en obter máis información poder dirixirse ós Servizos Sociais, Área de Inmigración do Concello de Burela, de 8 a 15 horas.

MAÑÁ VENRES FARASE ENTREGA DOS PREMIOS DOS CONCURSOS DE LEMAS E PINTURA E DEBUXO PARA A ELIMINACIÓN DA DISCRIMINACIÓN RACIAL CONVOCADOS POLOS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE BURELA

Mañá, venres 25 de abril, ás 11:30 horas no Salón de Plenos Casa do Concello terá lugar a entrega de premios ás persoas gañadoras dos concursos de Lemas e de Debuxo-Pintura para a eliminación da discriminación racial, que convocou a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade a través do Programa de Atención a Inmigrantes. 
 
A gañadora do I Concurso de Lemas foi Carla Fra García de 12 anos de idade do CEIP Virxe do Carme polo lema Burela en igualdade, Burela calidade

No caso do I Concurso de Debuxo-Pintura os gañadores foron Iria Calvo Fernández de 8 anos de idade do CEIP Vista Alegre e Kemer Monteiro da Costa tamén de 8 anos de idade e do CEIP Virxe do Carme.

Na categoría especial os gañadores foron o debuxo común realizado pola Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña e o de Ángeles Cao Fernández da Fundación Eu Son.

O Concello de Burela estivo a realizar nas últimas semanas unha serie de actividades para traballar no fomento da igualdade e da non discriminación racial e nesa liña seguirá ao longo dos vindeiros meses.

GONZÁLEZ BARCIA E DURÁN GARCÍA MANTERÁN O LUNS UNHA REUNIÓN CON SUSANA LÓPEZ ABELLA SOBRE A VIVENDA QUE O CONCELLO PREVÉ DESTINAR A EMERXENCIA SOCIAL


O Alcalde, José  González Barcia, e a Concelleira de Servizos Sociais e Muller, Diana Durán, manterán o luns 28 de abril un encontro en Santiago coa Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, co obxectivo de fixar os protocolos de uso da vivenda que o Concello prevé destinar a emerxencia social. Por outra banda, Barcia indicou que a mediados de maio poderían ser entregados ás asociacións os catro locais habilitados noutra vivenda dos mestres do CEIP Virxe do Carme. 
 
O rexedor explicou que “na obra que se fixo co obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove reformamos dúas das vivendas dos mestres do CEIP Virxe do Carme. Unha delas destínase a locais para asociacións e de feito confiamos en entregar estes locais, que xa teñen solicitantes, na segunda quincena de maio”. González Barcia sinalou que “aí hai catro locais para asociacións e todos eles xa teñen solicitantes e adxudicatarios. Quedan pequenos detalles por facer, como enganches de auga e de luz. Isto é unha forma de axudar ás asociacións a poder desempeñar as súas actividades. Son moi poucos os colectivos de Burela que teñen locais propios. Todas as dependencias que hai para asociacións na antiga praza de abastos están ocupadas e coa adecuación desa vivenda conséguense catro locais máis”.

A Concelleira Diana Durán sinalou que “a segunda vivenda queremos destinala a emerxencia social. Por exemplo, algún caso de violencia de xénero podería atenderse alí, tamén podería servir para un caso puntual dun desfiuzamento, pero sempre contando co informe preceptivo dos servizos sociais municipais e da Xunta de Galicia. Esta vivenda está case lista, pero faltan uns detalles”.

Para concretar o uso e a posible execución dos mesmos rexedor e concelleira manterán o vindeiro luns, 28 de abril, unha entrevista en Santiago coa Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella. “Xa faláramos deste tema, pero agora que as obras acabaron e sabemos os detalles que quedan por executar, temos a idea bastante clara do que queremos facer con esta vivenda e entonces pedimos esta reunión para concretar os detalles. Confiamos en que desde a Xunta de Galicia se nos poida botar unha man, a pesar de que a situación económica non é boa, para ultimar estes detalles e fixar criterios e protocolos para uso da vivenda”, engadiu José Mª González Barcia.

O rexedor lembrou que “o obradoiro de emprego que desenvolvemos xunto con Xove e Cervo foi de grande utilidade para o Concello e para os cidadáns, porque, aparte de crear en Burela 9 postos de traballo e en total 27 durante seis meses, a actuación que se fixo foi importante e moi beneficiosa para os intereses municipais e dos cidadáns. Escollemos este tipo de obras porque se trata de actuacións dun forte contido social, que nestes momentos é onde as administracións públicas temos que facer máis fincapé”.

O CONCELLO DE BURELA TRAMITA AS SOLICITUDES PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA DE VACACIÓNS IMSERSO-CODEMFE 2014 PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A Concellería de Servizos Sociais de Burela informa que está aberto o prazo do Programa Vacacións Imserso – Codemfe 2014 para persoas con discapacidade.
 
Requisitos:

-Persoas que acrediten un grao de discapacidade física ou orgánica igual ou superior ao 33%, tendo prioridade os que superen o 50%.

-Ser maior de 16 anos. Autorizacion do pai, nai ou titor/a en caso de menores de idade.

-Poder asistir con carácter excepcional os fillos das persoas beneficiarias menores de 16 anos, sempre que se xustifique a imposibilidade de poder viaxar sen a súa compañía.

-Terán que levar acompañante, aquelas persoas que utilicen cadeira de rodas ou que requiran axuda para desenvolver as actividades básicas da vida diaria.

Servizos inclúidos nas quendas:

- Habitación doble compartida.

- Hotel accesible (non adaptado) en réxime pensión completa.

- Non se garante a adxudicacion de habitación adaptada.

- Seguro de viaxe.

- Monitores de apoio para o grupo durante toda a viaxe.

- Transporte adaptado durante toda a viaxe nas quendas da península.

- Nas quendas de illas inclúe billete de avión en liña regular desde Madrid e transporte adaptado Aeroporto-Hotel-Aeroporto.

- As quendas de Termalismo inclúen consulta médica e tratamento termal personalizado.

- Nas quendas de illas, haberá dúas excursións obrigatorias. 

O prazo de presentacion da solicitude será dous meses de antelación á data de saída. 

Para máis información, entrega de documentación e solicitude, deberán dirixirse ós Servizos Sociais do Concello de Burela, de 8 a 15 horaS, de luns a venres.

miércoles, 23 de abril de 2014

MOI BOA ACOLLIDA NA REUNIÓN COAS ASOCIACIÓNS PARA XESTIONAR GRUPOS NOS PROGRAMAS DE TURISMO TERMAL E CULTURAL

Reunión coas asociacións de Burela durante a mañá de onte

 O Salón de Plenos do Concello de Burela acolleu este martes unha xuntanza con representantes das asociacións do municipio para darlles a coñecer a posibilidade de participar como grupos en programas de turismo termal e cultural. 

OLYMPUS DIGITAL CAMERASegundo explicou a edil Diana Durán “houbo moi boa aceptación e moi boa participación”. No acto estiveron o alcalde, José González Barcia, a concelleira de Servizos Sociais, e representantes do Grupo Oca Augas Santas, que é o que oferta a actividade que pode ter unha duración dun ou de varios días.

Os grupos poden orgtanizarse con maiores, persoas con distintas discapacidades, infancia e xuventude, dependendo das necesidades e gustos de cada colectivo específico.

martes, 22 de abril de 2014

O CONCELLO BURELÉS TRAMITA ATA O 10 DE MAIO AS SOLICITUDES PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA DE "BENESTAR EN BALNEARIOS" DA XUNTA DE GALICIA

A Concellería de Servizos Sociais e Sanidade informa que o prazo do Programa de Benestar en Balnearios (anteriormente Turismo Social) da Xunta de Galicia dirixido ás persoas maiores permanece aberto ata o 10 de maio. 
Os requisitos que deben reunir @s interesad@s en participar son os seguintes: 

a) ser maior de 65 anos ou maior de 60 reunindo a condición de pensionista; 
b) residir na Comunidade Autónoma de Galicia; 
c) valerse por sí mesmo, atoparse en condicións de asistir ó Programa e non padecer enfermidade infecto-contaxiosa; 
d) non padecer trastornos mentais ou conductuais que poidan altera-la convivencia durante o transcurso da quenda; 
e) e precisar os tratamentos balneoterapéuticos solicitados e carecer de contraindicación médica para a recepción dos mesmos.

Desde a Concellería de Servizos Sociais engaden que “así mesmo, poderán ser beneficiarios das prazas os cónxuxes ou os que acrediten relación análoga a conxugal dos que cumpran os requisitos anteriores, sempre que reúnan as condicións dos apartados b), c), d), e)”.

As persoas solicitantes poden pedir balnearios de calquera provincia, sendo o desprazamento por conta dos/as beneficiarios/as. Ademais terán que presentar a solicitude dentro do prazo establecido e acadar a puntuación que lle permita.

No caso de que dúas persoas queiran acudir xuntas ao mesmo destino e quenda, presentarán unha única solicitude, para a súa baremación conxunta.

Os prezos inclúen, aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en habitacións de uso compartido durante 10 días e 9 noites.

Para máis información e entrega de documentación e solicitude, deberán dirixirse ós Servizos Sociais do Concello de Burela, de 8 a 15 horas.

lunes, 21 de abril de 2014

I XORNADA EMPREGO BURELA E SERVIZOS SOCIAIS: "NOVAS PERSPECTIVAS NO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR: PRESENTE E FUTURO"



SERVIZOS SOCIAIS E SANIDADE DE BURELA CONVOCA ÁS ASOCIACIÓNS PARA INFORMALAS SOBRE PROGRAMAS DE TURISMO TERMAL E CULTURAL

O Concello de Burela convoca ás asociacións para informalas sobre programas de turismo termal e cultural


O Concello de Burela, a través da Delegación de Servizos Sociais, convoca para o vindeiro martes, día 22 de abril, unha reunión coas persoas representantes das asociacións do municipio para darlles a coñecer a posibilidade de participar como grupos en programas de turismo termal e cultural. 
A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Diana Durán García, explicou que esta actividade, ofertada polo Grupo Oca Augas Santas, pode ter unha duración dun día ou de varios. 



A xuntanza celebrarase no Salón de Plenos da Casa do Concello o vindeiro martes ás 11:30 da mañá.

martes, 15 de abril de 2014

O CONCELLO DE BURELA TRAMITA AS AXUDAS DA XUNTA PARA PERSOAS EMIGRANTES RETORNADAS EMPRENDEDORAS ATA O 30 DE SETEMBRO

O Concello de Burela tramita as axudas a emprendedores/as para persoas emigrantes retornadas. As persoas interesadas poden recibir información e asesoramento sobre ditas axudas de luns a venres de 8 a 15 horas, tanto no Servizo de Atención a Inmigrantes e a Emigrantes Retornados como no propio Servizo de Emprego Municipal, a través da Bolsa de Emprego. 
 
Desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade lembran que “no ano 2013 a Secretaría Xeral de Emigración puxo en marcha unha medida de apoio aos galegos e galegas residentes no exterior, co fin de favorecer o seu retorno a Galicia de modo que puidesen fixar aquí a súa residencia e realizar a súa actividade profesional e empresarial nesta comunidade autónoma”. 

Dando continuidade a esa iniciativa, con data de 26 de febreiro de 2014, no DOG publicouse a resolución pola que se aproban as bases reguladoras destas subvencións destinadas a promover o autoemprego e a actividade emprendedora deste colectivo. 

O prazo de presentación de solicitudes para acollerse a estas subvencións da Secretaría Xeral da Emigración para persoas emigrantes retornadas emprendedoras estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

lunes, 14 de abril de 2014

A DELEGACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS, MULLER, IGUALDADE E SANIDADE APOIA O VIII ENCONTRO DE PALILLEIRAS

Burela acollerá o 10 de maio o VIII Encontro de Palilleiras organizado por Expomar e As Encaixeiras

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
O salón de plenos do Concello acolleu o pasado xoves a presentación do VIII Encontro de Palilleiras, que organizan a Fundación Expomar e a asociación cultural e artesanal de mulleres palilleiras As Encaixeiras de Burela. 

O evento, que patrocinan o Concello, ABSA, a Confraría de Pescadores de Burela e a Deputación de Lugo, terá lugar o 10 de maio no porto burelés de 10 a 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. 

O programa dará comezo ás 10 da mañá coa recepción ás palilleiras participantes e de 10:30 a 13 horas haberá unha demostración de traballos. Ás 11.30 da mañá terá lugar a inauguración do encontro e ás 12 do mediodía haberá unha degustación de empanada de pescada. Ademais duna viaxe ao Monte Castelo e á igrexa de Vila do Medio, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio natural e histórico de Burela ás asistentes. 

Xa pola tarde a partires das 16 horas seguirá a demostración de traballos e nova viaxe a eses dous lugares. Ás 17:30 horas terá lugar un sorteo de agasallos e ás 19 horas rematará o VIII Encontro de Palilleiras de Burela. Ao longo de toda a xornada tamén haberá visitas ao barco museo Reina del Carmen e ao Museo Histórico.

O prazo de inscrición para participar neste evento estará aberto ata o vindeiro 29 de abril. As interesadas en acudir a esta cita poden anotarse no seguinte número de teléfono: 653 29 59 12. 

O alcalde, José Mª González Barcia, sinalou que “este encontro é un bo motivo para a promoción do noso concello, máxime tendo en conta que este xa é o terceiro ano no que esta actividade se fai na nave de redes, porque a Fundación Expomar colabora directamente na organización deste evento. O encontro ten unha enorme repercusión para Burela porque a presenza de xente, tanto de palilleiras coma de acompañantes, é moi importante e sen dúbida ningunha axuda a dinamizar a economía local”.

O rexedor dixo que “con esa cita Burela inicia un calendario de actividades que a levarán durante todo o verán a ter eventos case todas as fins de semana. Durante esa fin de semana, a do 10 de maio, tamén se celebrarán as xornadas técnicas e os encontros empresariais, que organiza todos os anos a Fundación Expomar, haxa ou non feira de mostras. Esa segunda fin de semana de maio é importante e un bo motivo para que persoas vinculadas ao mundo do mar se acheguen a Burela, pero tamén aquelas outras ás que lles guste disfrutar duns días tranquilos nun sitio tan receptivo e tan acolledor como Burela”.

González Barcia engadiu que “nós continuaremos apoiando á asociación de mulleres palilleiras que temos no noso concello. É un colectivo que está a traballar ben, a xunta directiva se esforza para facer as cousas de forma adecuada. Por este motivo continuará a ter o apio do Concello ao igual que nos últimos anos, ao mellor non todo o que nós quixéramos dar, tendo en conta a situación económica que estamos a vivir, pero si desde logo entre o Concello e a Fundación Expomar o impulso que se lle deu nos últimos anos a este encontro é realmente importante”. O alcalde tivo palabras de eloxio para a xunta directiva de As Encaixeiras: “a nosa noraboa á xunta directiva e o noso recoñecemento a ese traballo que están a facer, porque contribúe a realizar unha oferta alternativa de ocio para as mulleres durante todo o ano e a levar a cabo un evento de divulgación do noso concello o vindeiro 10 de maio”. 

Ao acto de presentación, celebrado este mediodía no Concello, acudiron o alcalde, José Mª González Barcia, a concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, a concelleira de Mar e Medio Ambiente, Patricia López Eijo, o Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Burela, Basilio Otero, e varias representantes de As Encaixeiras, ademais da xerente da Fundación Expomar, Catalina Sánchez.

CEA DAS ALUMNAS DOS CURSOS DE OCIO E TEMPO LIBRE DO CIM DE BURELA

120414 Foto cea muller talleres Burela

Máis de 70 mulleres dos cursos de ocio e tempo libre do CIM de Burela reuníronse este venres á noite nunha cea, que se celebrou no restaurante Palacio de Cristal. 
Estiveron acompañadas pola concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán. Houbo sorteo de agasallos e baile.

REMATOU O OBRADOIRO DE EMPREGO "SENDAS DE BURELA, CERVO E XOVE", A TRAVÉS DO CAL SE ACONDICIONARON DÚAS VIVENDAS, UNHA DESTINADA A LOCAL PARA ASOCIACIÓNS E OUTRA PARA EMERXENCIA SOCIAL

obradoiro 
Tras seis meses de traballo rematou o obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove, que permitiu realizar unha serie de actuacións nos tres concellos. No caso de Burela aos participantes acondicionar dúas vivendas dos mestres do CEIP Virxe do Carme. Una será destinada a local para asociacións e outra para emerxencia social.

O rexedor contou que “no día de hoxe rematou o obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove, que no seu día solicitamos de forma conxunta os tres Concellos co obxectivo de formar a persoas desempregadas e ao mesmo tempo facer tamén unha serie de actuacións en cada un dos tres concellos”.

A Concelleira de Servizos Sociais sinalou que “en concreto aquí, en Burela, o que fixemos foi acondicionar dúas vivendas dos mestres do CEIP Virxe do Carme, das que estaban deshabitadas, para destinar unha delas a locais para asociacións e a outra como vivenda de emerxencia social. Estamos moi satisfeitos co traballo feito polos alumnos que nos corresponderon aquí, en Burela, e polos seus monitores, porque recuperar estas dúas vivendas vainos permitir, por un lado, ofertar aos colectivos de Burela, que hai moitos, locais para que poidan celebrar as súas reunións, pois aínda hai asociacións que non contan con local nin propio nin cedido polo Concello. E, por outra parte, efectivamente tamén é moi importante nos tempos que corren, tendo en conta as problemáticas actuais que están xurdindo, contar cunha vivenda de emerxencia social. Neste caso aínda non está completamente rematada a actuación, xa que lle faltan algunhas cuestións que esperamos solucionar nos próximos meses”.

O alcalde de Burela indicou que “estamos bastantes satisfeitos de que 22 persoas máis tres monitores e outras dúas persoas que levaron a dirección deste obradoiro, en total 27 persoas, puideran estar traballando durante seis meses e ao mesmo tempo facer actuacións importantes para os tres concellos”.

Para José Mª González Barcia “a aposta que estamos facendo é importante no sentido de axudarlles a formarse ás persoas que están en situación de desemprego e polo tanto facilitarlles unha vía de inserción laboral. E, por outra parte, os tres Concellos estamos satisfeitos de como se levou a cabo este obradoiro polo que significa de paso adiante no sentido de colaborar entre os tres Concellos, como xa estamos facendo noutras cousas, á hora de pedir subvencións e de levar a cabo actuacións que, como se ve, repercuten en beneficio de todos”.

Durán García recorda que a Xunta destinou para este obradoiro Sendas de Burela, Cervo e Xove un total de 200.000 euros.

jueves, 10 de abril de 2014

O BURELA FS recibe a Selección de Vietnam nun amigable solidario

O Burela FS Pescados Rubén recibirá en Semana Santa a Selección de Vietnam, dirixida polo técnico galego Bruno García, nun amigable solidario, o martes 15 de abril, ás 20.30 horas, en Vista Alegre. 

A entidade laranxa habilitará unha Fila 0 para a ocasión; parte da recadación destinarase á Asociación Camiña e á Fundación Eu Son de Burela

O prezo da entrada para adult@s será de 5 euros e os menores de 18 anos terán acceso gratuíto; tamén se habilitarán huchas solidarias no pavillón.

Xunto ao presidente burelista, Manuel Blanco, o compromiso amigable foi presentado na mañá de onte, na sede do club mariñán, pola directora da Fundación Eu Son, Noelia Eijo; o presidente da Asociación Camiña, Silvino Oroza; e a concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, representando o padroado de Eu Son.

Aquelas persoas que non poidan asistir á cita tamén poderán colaborar cos devanditos colectivos facendo as súas doazóns en:

Asociación Camiña: 2100-2460-80-0200084741 (La Caixa)
Fundación Eu Son: 2091-0109-83-3040018867 (NovaGalicia Banco)

BURELA APOSTA POLA SAÚDE


martes, 8 de abril de 2014

O CIM DE BURELA TRAMITA AS AXUDAS DA XUNTA DIRIXIDAS A MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

A Concellería de Servizos Sociais tramita as axudas dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta. Éstas saíron publicadas no DOG o pasado 28 de marzo. 
 
Trátase de axudas dirixidas a mulleres que sofren violencia de xénero e que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor que as obriga á convivencia e lles impide afrontar o seu futuro con independencia dos seus agresores. 

Segundo explica Diana Durán “a finalidade destas axudas é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo”. 

O prazo de solicitude destas axudas rematará o 31 de outubro de 2014 e poden solicitalas no Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Burela en horario de 8 a 15 horas de luns a venres. 

A contía da axuda establecerase en función dos ingresos da solicitante, e poden oscilar dende os 300 ata os 800 euros por mes, segundo o caso.

SERVIZOS SOCIAIS DE BURELA LEMBRA QUE ESTÁ ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN DA XUNTA PARA MOZOS E MOZAS E PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A Concellería de Servizos Sociais lembra que ata o 10 de abril está aberta a oferta de prazas xuvenís dentro do Programa Campaña de Verán – 2014 (Orde do 17 de marzo do 2014, DOGA nº 59 de 26 de Marzo de 2014 da Consellería de Traballo e Benestar). 
 
O obxectivo pasa por facilitarlle á mocidade galega a participación en actividades de tempo libre a través da oferta dun plan xeral de actividades que se desenvolverán tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas, en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración, durante os meses de xullo e agosto.

Persoas beneficiarias:

**Mozos/as nados/as no ano sinalado no anexo I para cada actividade. En canto á idade mínima e máxima para participar deberase ten en conta o seguinte:

-Os/as nados/as no ano 1996 non poderán facer 18 anos antes da finalización do campamento.

-Os/as nados/as no ano 2005 deberán ter feitos 9 anos ao inicio do campamento.

**Persoas con discapacidade: As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33% e inferior ao 65% poderán participar nesta convocatoria sempre:

-Teñan capacidade de integración nun grupo.

-As súas limitacións e/ou necesidades especiais deben permitirlles manexarse nas instalacións do campamento que elixan e participar e beneficiarse das actividades que nel se van a desenvolver.

Documentación:

A solicitude pode ser individual ou múltiple (no suposto de grupos de ata catro irmáns). Cada persoa interesada só poderá cubrir unha solicitude e un máximo de cinco quendas ou actividades por solicitude.

-Procedemento xeral: Solicitude individual (anexoII) / Solicitude múltiple (anexo III).

-Procedemento das prazas reservadas para inclusión (exclusivamente para os campamentos e quendas que se inclúen no anexo I B) Solicitude individual (anexo IV) / Solicitude múltiple (anexo V). 

As persoas solicitantes con discapacidade deben optar por unha destas dúas vías, de xeito que quedarán excluídas no suposto de que presenten a solicitude por ambos procedementos. 

Para máis información e trámite, os interesados deberán dirixirse ós Servicios Sociais Municipais, sitos na Casa do Concello, en horario de 8 a 15 horas, de luns a venres.

lunes, 7 de abril de 2014

Celebra a Semana Santa EDUCANDO EN VALORES co II Ciclo de Cine Infantil


II Ciclo de Cine Infantil: EDUCANDO EN VALORES




Dende o Programa de Atención a Inmigrantes e o Programa de Educación Familar da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela estanse a realizar unha serie de actividades para traballar no fomento da igualdade e da non discriminación.

Aproveitando as vacacións escolares de Semana Santa, os días 14, 15 e 16 de abril  proxectarase na Casa da Cultura o II Ciclo de Cine Infantil titulado “EDUCANDO EN VALORES”, posto que consideremos que é fundamental que as nenas e nenos perciban as interrrelacións que hai entre as diferentes partes do mundo, intentando dun xeito máis lúdico sensibilizar aos máis pequenos da importancia e necesidade de manter boas relacións cos iguais e fomentar a tolerancia e convivencia intercultural, dotando ás nenas e nenos de coñecementos que lles permitan promover esos valores e xerar cambios nas propias vidas e no seu entorno.

Por todo isto, os días sinalados a partir das 17:30 horas vanse proxectar as seguintes películas, coas que pretendemos traballar os valores en idades temperás (infantil e primaria).

-Día 14 de abril: Pocahontas
-Día 15 de abril: Ratatouille
-Día 16 de abril: El jorobado de Notre Dame

CELEBRA A SEMANA SANTA EDUCANDO EN VALORES!!!








jueves, 3 de abril de 2014

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE: A REFLEXOLOXÍA COMO TERAPIA ALTERNATIVA


ESTE ANO O DÍA MUNDIAL DA SAÚDE ESTARÁ ADICADO Á REFLEXOLOXÍA



O Concello de Burela, a través da Concellería de Servizos Sociais e Sanidade, celebra o vindeiro luns, 7 de abril, o DÍA MUNDIAL DA SAÚDE e que este ano está dedicado á REFLEXOLOXÍA entendida como medicina alternativa complementaria á medicina tradicional.

Diana Durán puntualiza que "a Reflexoloxía é unha técnica terapéutica baseada na masaxe de zonas reflexas do cráneo e cara, columna vertebral, mans e pes, onde se atopan as zonas representativas de todas as demais partes do corpo, conectadas pola vía nerviosa. Esta técnica axuda principalmente a aliviar o estrés, a mellorar as funcións de órganos e aparatos do corpo, calmar a dor, facilitar eliminación de toxinas, prevención de enfermidades e disturbios da saúde, entre moitos outros beneficios. Tamén, resulta ser eficaz como complemento de tratamentos específicos para diferentes enfermidades".

A edil popular fai fincapé en que "é importante saber que non substitúe o coidado médico, pero con enerxía suficiente e desexos de recuperación, axudará en gran medida".

A Concelleira de Servizos Sociais e Sanidade explica que a "Reflexoloxía pode ser aplicada desde nenos ata adultos. Soamente non é recomendada cando se teñen problemas arteriais importantes, feridas nos pes e enfermidades cardiovasculares".

Esta charla formativa será o luns 7 de abril, ás 19:30, no Salón de Plenos da Casa do Concello a cargo da Reflexóloga Puri Pinín.

CURSO FORMATIVO PARA COIDADORES FAMILIARES SOBRE ALZHEIMER E OUTRAS DEMENCIAS


BURELA APOIA AOS COIDADORES FAMILIARES DE PERSOAS AFECTADAS DE ALZHEIMER E OUTRAS DEMENCIAS



O Concello de Burela organiza un “Curso formativo para coidadores familiares de persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias”, que terá lugar todos os luns de abril (7, 14, 21 e 28), en horario de 17 a 19 h no Salón de Plenos da Casa do Concello.

FAGAL (Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias), en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, achega unha vez mais a Burela o “PROGRAMA RED PARAGUAS”, esta vez para profundizar na doenza do Alzheimer e outras demencias con coidadores familiares. Dito curso formativo será realizado por profesionais das asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer e é totalmente gratuíta.

O obxectivo é achegar a formación específica á maior cantidade de coidadores familiares posibles.

A través deste curso formativo queremos apoiar aos familiares que se ocupan de atender a outras persoas e axudarlles a mellorar os seus coñecementos en aquelas prácticas que contribúen a procurarlles unha maior calidade de vida diaria ás persoas enfermas (comunicación, estimulación cognitiva, pautas de tratamento, prevención de escaras, mobilidade, etc.).