jueves, 24 de abril de 2014

SERVIZOS SOCIAIS BURELA OFRECE INFORMACIÓN PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA "REENCONTROS NA TERRA PARA RESIDENTES NO EXTERIOR" DA SECRETARÍA XERAL DE EMIGRACIÓN


Os Servizos Sociais do Concello de Burela ofrecen información para participar no "Programa Reencontros na Terra para Residentes no Exterior", que organiza a Secretaría Xeral de Emigración durante este ano 2014 (DOG nº 73 do 15/04/2014). 
 
A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, sinala que “o obxecto do programa é promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía en residencia, e cos seus familiares, fortalecendo os vínculos de unión con Galicia”. 
 
En total convócanse un total de 135 prazas, distribuídas por países: Arxentina 81, Brasil 9, Cuba 7, Uruguai 34, Venezuela 2, e outros países 2.

As persoas beneficiarias do programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

Os requisitos que deben reunir son os seguintes:

a) Ser emigrante galego/a.

b) Ter nacionalidade española.

c) Residir en América.

d) Ter 65 ou máis anos de idade na data de remate do prazo de solicitude.

e) Levar polo menos os últimos 15 anos naturais sen participar en programas de viaxes trasatlánticos a Galicia da S.X de Emigración ou do estado español.

f) Valerse por sí mesmo e non padecer trastorno psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar a viaxe.

g) Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das pensións asistenciais por ancianidade do Estado español, fixado en 2014 para o país de residencia. Se o/a solicitante convive con outra/as persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70% da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

Poderán beneficiarse as persoas unidas por matrimonio,unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, cumprindo os requisitos dos puntos 3, 5 e 6.

A presentación das solicitudes deberá realizarse:

- Na Secretaría Xeral de Emigración.
- Nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitantes. Tamén a través do Rexistro electrónico da Xunta de Galicia.

Ata o 16 de Xuño de 2014 está aberto o prazo de presentación de solicitudes. Os interesados en obter máis información poder dirixirse ós Servizos Sociais, Área de Inmigración do Concello de Burela, de 8 a 15 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario