lunes, 14 de abril de 2014

A DELEGACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS, MULLER, IGUALDADE E SANIDADE APOIA O VIII ENCONTRO DE PALILLEIRAS

Burela acollerá o 10 de maio o VIII Encontro de Palilleiras organizado por Expomar e As Encaixeiras

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
O salón de plenos do Concello acolleu o pasado xoves a presentación do VIII Encontro de Palilleiras, que organizan a Fundación Expomar e a asociación cultural e artesanal de mulleres palilleiras As Encaixeiras de Burela. 

O evento, que patrocinan o Concello, ABSA, a Confraría de Pescadores de Burela e a Deputación de Lugo, terá lugar o 10 de maio no porto burelés de 10 a 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. 

O programa dará comezo ás 10 da mañá coa recepción ás palilleiras participantes e de 10:30 a 13 horas haberá unha demostración de traballos. Ás 11.30 da mañá terá lugar a inauguración do encontro e ás 12 do mediodía haberá unha degustación de empanada de pescada. Ademais duna viaxe ao Monte Castelo e á igrexa de Vila do Medio, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio natural e histórico de Burela ás asistentes. 

Xa pola tarde a partires das 16 horas seguirá a demostración de traballos e nova viaxe a eses dous lugares. Ás 17:30 horas terá lugar un sorteo de agasallos e ás 19 horas rematará o VIII Encontro de Palilleiras de Burela. Ao longo de toda a xornada tamén haberá visitas ao barco museo Reina del Carmen e ao Museo Histórico.

O prazo de inscrición para participar neste evento estará aberto ata o vindeiro 29 de abril. As interesadas en acudir a esta cita poden anotarse no seguinte número de teléfono: 653 29 59 12. 

O alcalde, José Mª González Barcia, sinalou que “este encontro é un bo motivo para a promoción do noso concello, máxime tendo en conta que este xa é o terceiro ano no que esta actividade se fai na nave de redes, porque a Fundación Expomar colabora directamente na organización deste evento. O encontro ten unha enorme repercusión para Burela porque a presenza de xente, tanto de palilleiras coma de acompañantes, é moi importante e sen dúbida ningunha axuda a dinamizar a economía local”.

O rexedor dixo que “con esa cita Burela inicia un calendario de actividades que a levarán durante todo o verán a ter eventos case todas as fins de semana. Durante esa fin de semana, a do 10 de maio, tamén se celebrarán as xornadas técnicas e os encontros empresariais, que organiza todos os anos a Fundación Expomar, haxa ou non feira de mostras. Esa segunda fin de semana de maio é importante e un bo motivo para que persoas vinculadas ao mundo do mar se acheguen a Burela, pero tamén aquelas outras ás que lles guste disfrutar duns días tranquilos nun sitio tan receptivo e tan acolledor como Burela”.

González Barcia engadiu que “nós continuaremos apoiando á asociación de mulleres palilleiras que temos no noso concello. É un colectivo que está a traballar ben, a xunta directiva se esforza para facer as cousas de forma adecuada. Por este motivo continuará a ter o apio do Concello ao igual que nos últimos anos, ao mellor non todo o que nós quixéramos dar, tendo en conta a situación económica que estamos a vivir, pero si desde logo entre o Concello e a Fundación Expomar o impulso que se lle deu nos últimos anos a este encontro é realmente importante”. O alcalde tivo palabras de eloxio para a xunta directiva de As Encaixeiras: “a nosa noraboa á xunta directiva e o noso recoñecemento a ese traballo que están a facer, porque contribúe a realizar unha oferta alternativa de ocio para as mulleres durante todo o ano e a levar a cabo un evento de divulgación do noso concello o vindeiro 10 de maio”. 

Ao acto de presentación, celebrado este mediodía no Concello, acudiron o alcalde, José Mª González Barcia, a concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, a concelleira de Mar e Medio Ambiente, Patricia López Eijo, o Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Burela, Basilio Otero, e varias representantes de As Encaixeiras, ademais da xerente da Fundación Expomar, Catalina Sánchez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario