O Alcalde, José
González Barcia, e a Concelleira de Servizos Sociais e Muller, Diana Durán, manterán o luns 28 de abril un encontro en Santiago coa Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, co obxectivo de
fixar os protocolos de uso da vivenda que o Concello prevé destinar a
emerxencia social. Por outra banda, Barcia indicou que a mediados de
maio poderían ser entregados ás asociacións os catro locais habilitados
noutra vivenda dos mestres do CEIP Virxe do Carme.
O rexedor explicou que “na obra que se fixo co obradoiro de emprego
Sendas de Burela, Cervo e Xove reformamos dúas das vivendas dos mestres
do CEIP Virxe do Carme. Unha delas destínase a locais para asociacións e
de feito confiamos en entregar estes locais, que xa teñen solicitantes,
na segunda quincena de maio”. González Barcia sinalou que “aí hai catro
locais para asociacións e todos eles xa teñen solicitantes e
adxudicatarios. Quedan pequenos detalles por facer, como enganches de
auga e de luz. Isto é unha forma de axudar ás asociacións a poder
desempeñar as súas actividades. Son moi poucos os colectivos de Burela
que teñen locais propios. Todas as dependencias que hai para asociacións
na antiga praza de abastos están ocupadas e coa adecuación desa vivenda
conséguense catro locais máis”.
A Concelleira Diana Durán sinalou que “a segunda vivenda queremos destinala a
emerxencia social. Por exemplo, algún caso de violencia de xénero
podería atenderse alí, tamén podería servir para un caso puntual dun
desfiuzamento, pero sempre contando co informe preceptivo dos servizos
sociais municipais e da Xunta de Galicia. Esta vivenda está case lista,
pero faltan uns detalles”.
Para concretar o uso e a posible execución
dos mesmos rexedor e concelleira manterán o vindeiro luns, 28 de abril, unha
entrevista en Santiago coa Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López
Abella. “Xa faláramos deste tema, pero agora que as obras acabaron e
sabemos os detalles que quedan por executar, temos a idea bastante clara
do que queremos facer con esta vivenda e entonces pedimos esta reunión
para concretar os detalles. Confiamos en que desde a Xunta de Galicia se
nos poida botar unha man, a pesar de que a situación económica non é
boa, para ultimar estes detalles e fixar criterios e protocolos para uso
da vivenda”, engadiu José Mª González Barcia.
O rexedor lembrou que “o obradoiro de emprego que desenvolvemos xunto
con Xove e Cervo foi de grande utilidade para o Concello e para os
cidadáns, porque, aparte de crear en Burela 9 postos de traballo e en
total 27 durante seis meses, a actuación que se fixo foi importante e
moi beneficiosa para os intereses municipais e dos cidadáns. Escollemos
este tipo de obras porque se trata de actuacións dun forte contido
social, que nestes momentos é onde as administracións públicas temos que
facer máis fincapé”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario