viernes, 21 de junio de 2013

ALFOZ, CERVO E BURELA ESTUDAN ASINAR UN CONVENIO CO OBXECTIVO DE BENEFICIARSE DA LIÑA DE AXUDAS QUE SACOU A XUNTA PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE. SEGUNDO DIANA DURÁN “SI NOS AGRUPAMOS PODEREMOS ACCEDER A UNHA PARTIDA ECONÓMICA MAIOR QUE SI O FACEMOS EN SOLITARIO”.


OLYMPUS DIGITAL CAMERA Os Concellos de Alfoz, Cervo e Burela estudan a posibilidade de asinar un convenio conxunto co obxectivo de beneficiarse da liña de axudas que sacou a Xunta para a promoción da igualdade. Os rexedores dos tres municipios: Emilio Lousas, Alfonso Villares e José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, mantiveron nas últimas horas unha xuntanza para abordar esta cuestión. 

A edil popular explicou que “a Secretaría Xeral de Igualdade publicou hai uns días as bases reguladoras para a concesión de axudas e subvencións a entidades locais de Galicia a promoción da igualdade, que están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Os Concellos poden agruparse e así optar a unha cantidade de cartos maior. A contía máxima desta convocatoria son 70.000 euros”.

Diana Durán lembrou que “só o Concello de Burela obtivo o ano pasado para a promoción da igualdade 44.100 euros. Fomos os primeiros de Lugo e os segundos de Galicia na contía destinada e concedida para este fin. Entón como desde Burela xa estamos a atender á poboación feminina doutros municipios como Alfoz ou Cervo en cuestións relativas á violencia de xénero é por iso que consideramos importante agruparnos para poder ter acceso a unha subvención maior”.

A concelleira de Servizos Sociais burelesa indicou que “si chegamos a acadar os 70.000 euros poderemos reforzar o persoal do Centro de Información ás Mulleres e mellorar así a calidade do servizo que se presta ás mulleres de Burela, de Cervo e de Alfoz”.
Durán engadiu que “esta foi a primeira xuntanza, pero ao longo dos vindeiros días manteremos máis. Agora serán os técnicos cos propios alcaldes os que analicen esta posibilidade, a de asinar un convenio entre os tres Concellos para poder acceder a unha subvención máis importante destinada á promoción da igualdade”. 

A concelleira de Servizos Sociais subliñou que “o CIM de Burela é o máis destacado da provincia de Lugo, tanto polas prestacións que ofrece como pola cantidade de demandas atendidas e a calidade na atención das profesionais que o conforman”. E insistiu en que “a puntuación obtida o ano pasado deu lugar a que o CIM de Burela percibira o 98% do total solicitado, o que nos supuxo garantir a continuidade da prestación do servizo. Tamén é de salientar que a subvención de 2012 viuse incrementada con respecto á de 2011, e queremos seguir incrementado esta cantidade concedida pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, para este 2013. Ademais xa estamos a estudar as do 2014”.

Diana Durán sinalou que “as áreas a compartir cos Concellos de Alfoz e de Cervo serían a xurídica, orientación profesional, emprego, recursos específicos en muller, información da Secretaría Xeral de Igualdade, atención psicolóxica e toda aquela información no ámbito da muller. Estas funcións estarían prestadas por unha asesora xurídica, unha psicóloga e unha técnico en administración que fai a súa función de directora do centro”.