lunes, 23 de septiembre de 2013

GALEGO PARA INMIGRANTES EN BURELA


A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela xunto co servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa organiza unhas xornadas de iniciación da lingua galega para inmigrantes. O curso será impartido nas dependencias da Casa da Xuventude e dará comezo hoxe luns, 23 de setembro, ás 9:30 da mañá e terá unha duración total de 10 horas. 

“Con esta formación, preténdese que a poboación inmigrante recen chegada a Burela adquira nocións básicas da lingua da sociedade de acollida, posto que é a lingua unha das ferramentas principais para unha boa integración socio laboral”, segundo Diana Durán, concelleira de Servizos Sociais en Burela.

O curso comeza con 30 alumnos de 7 nacionalidades distintas.

jueves, 19 de septiembre de 2013

O EQUIPO DE GOBERNO BURELÉS BARALLA A ZONA DOS CASTROS PARA A CONSTRUCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL

A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, considera que a construción da nova escola infantil “vainos esixir un esforzo enorme ao equipo de goberno, pero entendemos que hai que buscar todos os mecanismos para sacar este tema adiante e así o faremos”. O lugar que baralla o equipo de goberno para a nova dotación é a zona de Os Castros. 
 
Diana Durán, como concelleira de Servizos Sociais, considera que “o paso dado no día de onte coa firma do convenio supón poñer os alicerces, aínda que sexa en formato papel, para o nova escola infantil de Burela. Evidentemente, a situación actual non é precisamente a mellor a nivel económico para o Concello. Vainos esixir un enorme esforzo, pero imos facer todo o posible para que o desexo que todos temos dunha nova infantil se faga realidade”.

A edil popular indicou que “no plan xeral de ordenación municipal hai chan dotacional para facer esta segunda escola infantil. Nós inclinámonos máis por levala cara a zona de Os Castros, nun ángulo que formarían a avenida da Mariña coa vía do ferrocarril. Aí hai unha bolsa de chan de aproximadamente 2.300 metros cadrados, que é onde entendemos que se pode situar esta nova infraestrutura”.

Durán lembrou que “no seu momento o goberno bipartito de Burela solicitaba a adaptación da Casa do Mar para unha gardería. Onte a propia conselleira Beatriz Mato e os técnicos da Xunta, porque estaba presente o xerente do Consorcio de Benestar, constataron que a Casa do Mar non reúne as condicións para unha nova escola infantil, co cal todo o que no seu día se manifestaba por parte do bipartito era fume. É máis: o Partido Popular estando na oposición no seu momento presentou unha moción na que instaba ao equipo de goberno bipartito de Burela a ofertar á Xunta de Galicia unha parcela para poder construír unha nova escola infantil”. A concelleira de Servizos Sociais dixo que “esa moción que nós presentamos no seu día rexeitouse por parte do equipo de goberno, co cal non había ningún tipo de interese, en absoluto, para sacar adiante a escola infantil. E, en todo caso, o que se facía era crear cortinas de fume falando da Casa do Mar, cando practicamente todo o mundo sabía, menos eles, que a Casa do Mar non reunía as condicións necesarias”.

Diana Durán insistiu: “sabemos que a situación é moi complicada, que a achega económica que ten que facer o Concello é moi elevada, pero entendemos que hai que buscar todos os mecanismos para sacar este tema adiante e así o faremos. De feito as familias así nolo están a pedir”.

A NOVA ESCOLA INFANTIL DE BURELA CONTARÁ CON 41 PRAZAS GRACIAS A UN INVESTIMENTO PÚBLICO DE 580.000 EUROS




eu son

A nova escola infantil de Burela contará con tres unidades e 41 prazas grazas a un investimento de máis de 580.000 euros. Isto permitirá elevar ata 161 as prazas da Galiña Azul no concello, un 34% máis que as que existen na actualidade. 
 
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, fixo este anuncio na súa visita á comarca da Mariña. En primeiro lugar, Mato asinou onte un convenio de colaboración co alcalde de Burela, José González Barcia, para a construción dunha nova escola no concello, o que é unha proba da aposta do departamento autonómico por facer posible a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Neste sentido, Mato lembrou as 8.600 prazas públicas que ofrece a rede A Galiña Azul no novo curso, que comezou a principios deste mes, preto do 5% máis que ao comezo do curso anterior e un 58% máis das que había en abril de 2009. En total a rede conta con 147 escolas en toda Galicia. Ademais engadiu que nos próximos catro anos está previsto crear 3.500 novas prazas, das que 2.000 xa están planificadas, asinadas en convenios e comezando a executarse no presente ano, sempre “en permanente diálogo e colaboración cos concellos”.

Formación e obradoiros
Posteriormente, a responsable de Traballo achegouse ata o centro de formación ocupacional da localidade onde salientou a aposta do departamento pola formación de calidade, e indicou que este ano estanse a destinar máis de 40 millóns de euros en formación para desempregados, con que se financian 900 cursos nos que toman parte 14.000 galegos e galegas. Destes, practicamente o cen por cen están ligados á obtención dun certificado de profesionalidade.

En concreto, no centro de formación de Burela fináncianse este ano un total de catro cursos para 60 alumnos e cun investimento superior aos 254.000 euros. Céntranse nas especialidades de pintura, animador turístico, auxiliar de enfermería en xeriatría e atención especializada para enfermos de Alzhéimer. Tamén en materia laboral, Burela, asociado con Cervo e Xove, contará cun obradoiro de emprego este ano para 22 alumnos, cunha duración de seis meses e un orzamento de preto de 200.000 euros centrado nas especialidades de pintura, albanelería, xardinería e axuda a domicilio.

Posteriormente, a responsable de Benestar desprazouse ata o centro ocupacional e centro de día ‘Eu Son’ para persoas con discapacidade, no que a Consellería ten 23 prazas concertadas nas que inviste 117.000 euros ao ano. Beatriz Mato salientou que desde 2009 creáronse 631 prazas públicas para persoas con discapacidade en toda Galicia, un 14,5% máis das que había en abril de 2009; e engadiu que malia a crise económica, en 2013 blindouse o presuposto destinado á discapacidade, que contará este ano con preto de 83 millóns de euros. Así mesmo, estase a traballar na mellora da normativa promovendo unha nova Lei de accesibilidade, que actualizará o texto vixente e que está previsto levar ao Parlamento de Galicia no presente período de sesións.

En canto ás persoas maiores, a responsable de Benestar indicou que o departamento autonómico ten como prioridade “a mellora, ampliación e racionalización dos servizos públicos” e está a esforzarse permanentemente “para garantir a calidade de vida dos nosos maiores e ofrecerlles os mellores recursos e servizos”. Este feito queda demostrados coas máis de 2.800 prazas públicas postas a disposición dos galegos e galegas nos últimos catro anos en residencias, centros de día e de alzhéimer. Esta cifra supón un incremento do 42% con respecto ás prazas existentes en 2009. Beatriz Mato engadiu que, en concreto, na provincia de Lugo creáronse máis de 500 prazas para maiores desde 2009, un 35% máis das que existían nesa data.

O ALCALDE DE BURELA E A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS CONSIDERAN QUE A VISITA DE MATO A BURELA "RATIFICA OS COMPROMISOS QUE A XUNTA TEN CO CONCELLO DE BURELA"


OLYMPUS DIGITAL CAMERAO alcalde de Burela, José González Barcia, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinaron a mañá de onte o convenio de colaboración para a construción dunha nova escola infantil na vila. O rexedor dixo que comeza un traballo arduo para conseguir esta importante dotación e subliña que a visita veu ratificar os compromisos que a Xunta ten con Burela e cos seus veciños e veciñas.

O rexedor explicou que “a presenza en Burela da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, trouxo unha importante nova para o noso concello como é a firma do convenio de colaboración para a construción dunha nova escola infantil. É unha noticia importante porque a escola infantil actual que temos en Burela ten 120 prazas, que están practicamente cubertas, hai lista de espera e tendo en conta que aumentamos poboación e que é previsible que a lista de espera non baixe o lóxico e normal é que o Concello se preocupe pola posta en marcha dunha nova escola infantil”.

González Barcia dixo que “a partires de agora empeza un traballo arduo para conseguir esta nova e importantísima dotación para o noso concello. Por parte do equipo de goberno que eu presido isto quere dicir que hai unha preocupación clara e notable tanto polos servizos sociais coma polo ensino”.

O alcalde burelés indicou que “a visita da conselleira tamén trouxo consigo a ratificación do compromiso que a Xunta ten, a través da súa consellería, co Concello en materia de formación de persoas desempregadas. Beatriz Mato puido comprobar o funcionamento do centro de formación ocupacional, onde agora mesmo se están a impartir catro cursos, dous deles da rama sanitaria, un de pintor e outro de animador turístico. En total estanse a formar 60 persoas que, por desgraza, están desempregadas. Cando rematen os cursos terán unha titulación homologada e o certificado de profesionalidade que lles facilitará un pouco máis as cousas”.

José González Barcia anunciou que “no día de onte se fixo a selección dos alumnos do obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove. En total estamos a falar dun investimento por parte da Xunta de 500.000 euros, dos que 250.000 euros son para os cursos antes indicados e outros 250.000 para ese obradoiro do emprego. Isto é unha aposta decidida da Consellería de Traballo de colaborar co Concello de Burela á hora de formar a persoas que se atopan en situación de desemprego”.

O alcalde de Burela contou que “Beatriz Mato se achegou ao centro de atención temperá, dentro da visita cursada hoxe aquí, xa que está financiado en parte pola súa consellería a través do plan concertado de servizos sociais. O centro atende a nenos e nenas de 0 a 6 anos de toda a comarca con algunha deficiencia. A conselleira de Traballo e Benestar pasou tamén polo centro da Fundación Eu Son para poder comprobar as ensinanzas que alí se imparten, compartir uns minutos tanto cos alumnos coma cos monitores e garantir a continuidade das prazas concertadas co centro”. González Barcia engadiu que “agora mesmo de 25 prazas temos 23 concertadas e todo apunta a que para o ano se poida concertar unha máis, co cal estaríamos xa con todas as prazas concertadas”.

Para o rexedor burelés “tratouse dunha visita interesante da conselleira Beatriz Mato, dun departamento como o de Traballo e Benestar que ten unha implicación e unha aposta directa por parte deste equipo de goberno, como vimos demostrando ano tras ano coa posta en marcha de cursos de formación, obradoiros, etc. E en materia de servizos sociais non se ten levado a cabo ningún tipo de axuste. Estamos máis que satisfeitos desta visita polo que significa de ratificación dos compromisos da Xunta de Galicia, do goberno que preside Alberto Núñez Feijoo, a través da Consellería de Traballo e Benestar. Nesta liña de colaboración institucional, nesta liña de boas e fluídas relacións continuaremos porque o nos que preocupa, tanto á consellería coma a nosoutros, é o benestar e a calidade de vida dos veciños e das veciñas de Burela”.

martes, 17 de septiembre de 2013

NO CONCELLO DE BURELA ESTÁ ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR PARA O CURSO 2013/2014. AS BASES APARECEN PUBLICADAS HOXE NO BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA


O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases do Concello de Burela que rexerán a convocatoria de axudas para a adquisición de material escolar para o curso 2013/2014. Están destinadas a alumnos/as empadroados/as en Burela, cursen estudos ou non no municipio en infantil, primaria e ESO.

Poderán solicitar ditas axudas aquelas persoas que non dispoñan de ingresos suficientes para afrontar os gastos derivados da escolarización dos seus fillos e fillas: ingresos non superiores ao importe do subsidio básico máis o complemento familiar da Risga que lle correspondería a cada caso en función do número de persoas que conforman cada unidade familiar; estar empadroados en Burela e cursando estudos neste municipio ou noutro e presentar a solicitude dentro do prazo sinalado, xunto á documentación esixida. 


O importe máximo das axudas será de 75 euros para educación infantil e 60 euros para primaria e ESO. O Concello destina para este fin un crédito máximo de 4.000 euros, segundo informa a Concellería de Servizos Sociais. Diana Durán explica que “o prazo de presentación será de 40 días naturais dende a súa publicación no BOP e no taboleiro de edictos do Concello”. 

A documentación que deben presentar os interesados en recibir estas axudas: fotocopia do DNI do solicitante, NIE ou pasaporte; fotocopia do libro de familia; factura do gasto orixinado pola adquisición do material escolar; fotocopia do certificado de discapacidade, resolución de invalidez ou do recoñecemento do grao de dependencia, no caso de que algún membro da unidade de convivencia estea afectado por algún tipo de discapacidade; declaración de ingresos de todos os membros da unidade familiar en idade laboral que convivan no domicilio; de ser o caso, copia da sentenza de separación, divorcio ou nulidade, xunto co convenio regulador e en defecto destes, declaración xurada de percibir ou non pensión alimenticia a favor de fillo/a a cargo; e declaración da renda do ano 2012 ou certificado negativo no caso de non estar obrigado/a a presentala. Documentación e impreso cuberto deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Burela. 

As bases e os seus anexos están a disposición das persoas interesadas nas dependencias dos servizos sociais comunitarios. Si as solicitudes non reunisen os requisitos sinalados, requiriráselle ós/ás interesados/as para que no prazo máximo e improrrogable de dez días corrixa as anomalías advertidas; de non facelo teráselle por desistida a súa solicitude.

viernes, 13 de septiembre de 2013

TRAS O DESCANSO ESTIVAL COMEZARON AS SESIÓNS DE XIMNASIA PREVENTIVA PARA MAIORES EN BURELA ORGANIZADA POLA CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS


OLYMPUS DIGITAL CAMERANo día de onte deu comezo o curso de ximnasia preventiva para maiores, tras o descanso estival. 

Segundo informa a Delegada de Servizos Sociais as sesións son impartidas por unha fisioterapeuta en tres quendas: os luns e os xoves de 9 a 10, de 10 a 11 e de 11 a 12 horas. 


A edil Diana Durán explica que “os grupos distribúense segundo as limitacións de mobilidade causadas polas doenzas que presenten as persoas maiores de 65 anos. Trátase de realizar exercicios en grupo de ximnasia preventiva para persoas non dependentes”.

A concelleira de Servizos Sociais asegurou que “o curso pasado foi un éxito, xa que contou cun centenar de participantes” e lembrou que “as persoas interesadas en obter máis información sobre esta actividade poden dirixirse ás oficinas de Servizos Sociais do Concello de Burela”.


BAILES DE ROMERÍA COMEZA CON GRAN ÉXITO EN BURELA

http://www.cronica3.com/wp-content/uploads/2013/09/bailes-burela.jpgO pasado venres deu comezo o curso de bailes de romaría, que organiza a Concellería de Servizos Sociais de Burela.

Vinte son as parellas que se anotaron para acudir ás clases, que se desenvolverán todos os venres de 21:30 a 22:30 horas ata maio de 2014. O curso impártese na Casa da Cultura. 

A edil Diana Durán acudiu ao inicio desta cita para darlles a benvida a todas as persoas participantes. A concelleira de Servizos Sociais sinalou que si hai máis persoas interesadas en acudir a este curso aínda poden anotarse estes días. A segunda clase será o venres 13 de setembro, onde xa se verá incrementado o número de participantes.

Diana Durán agradece a colaboración desinterasada da asociación sen ánimo de lucro MUJERES EN IGUALDAD DE BURELA, así como á profesora encargada de impartir as clases.

miércoles, 4 de septiembre de 2013

O SERVIZO DE TELETRADUCIÓN PARA MULLERES INMIGRANTES SEGUIRÁ EN FUNCIONAMENTO EN BURELA ATA AGOSTO DE 2014

Concello e Secretaría Xeral de Igualdade asinan unha addenda ao convenio para a asistencia social integral a mulleres inmigrantes a través do servizo teletradución, que funcionará durante un ano máis, é dicir, ata o 31 de agosto de 2014. 

A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, subliñou que “dado o interese e a boa acollida que o servizo ten amosado entre as mulleres estranxeiras, a Secretaría Xeral de Igualdade considerou de interese tramitar unha addenda ao convenio que asinamos o ano pasado coa finalidade de ampliar o seu prazo de duración ata o 31 de agosto de 2014”. 

A edil popular considera “moi positiva para Burela esta ampliación do servizo, xa que na actualidade existen rexistradas 44 nacionalidades diferentes no noso concello”.

Durán lembrou que “o servizo de teletradución está dispoñible de xeito gratuíto para todas as mulleres que o precisen no CIM. Ademais non supón custe algún para o Concello de Burela nin para as usuarias”.

lunes, 2 de septiembre de 2013

A AULA JUNIOR DO CONCELLO DE BURELA PRESENTARASE MAÑÁ NA CASA DE CULTURA

A Concellería de Servizios Sociais presentará mañá martes, 3 de setembro, ás 11 da mañá e ás 18 horas na Casa da Cultura o programa da Aula Junior para o curso 2013/14, destinado a familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos. 
 
O departamento que dirixe Diana Durán envioulles aos pais e nais nos últimos días unha carta convidándoos a asistir a este acto e na que lembra que “dito espazo educativo foi posto en marcha a principios do presente ano, co fin de seguir dando cobertura ás familias de nenos e nenas, cumprindo co compromiso deste goberno local, que prioriza en todo momento os Servizos Sociais en todos os seus ámbitos”.

Aula Junior é un programa de carácter gratuíto, dirixido ás familias que teñen nenos e nenas de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, “querendo así acompañarvos na vosa labor de educadores/as e axudarvos a resolver calquera dúbida que se vos presente na crianza dos/as vosos/as fillos e fillas”. 

Na carta enviada ás nais e pais a concelleira de Servizos Sociais explica que “tanto se o voso fillo ou filla asisten á escola infantil como se non, podedes participar, xa que é un programa de formación de nais e pais. Ademais, este ano, como o curso anterior, caracterízase por ser un programa semanal (mañá ou tarde) e nestas reunións a vosa presenza é vital, desenvolvendo actividades axeitadas a cada idade, nas que o obxectivo é difundir unha cultura da infancia e reforzar a competencia educativa familiar, promovendo espazos educativos nos que se acompaña á familia na aventura de medrar e no desafío de educar. Aula Junior terá continuidade durante todo o curso 2013/2014, agás na época estival, é dicir, levarase a cabo dende setembro a maio”.

A presentación da Aula Junior terá lugar o vindeiro martes, 3 de setembro. Durán subliña que “xa alí, na Casa da Cultura, as persoas interesadas poderán facer entrega ese mesmo día da folla de inscrición que aparece no reverso da carta que lles remitimos estes días. En caso de non poder asistir a ningunha das reunións e de estar interesado/a en participar no programa, poden deixar a folla de inscrición nas Oficinas de Información do Concello”.

A edil popular lembrou a grande participación que rexistrou o ano pasado a Aula Junior á que acudiron 70 familias.