O alcalde de Burela, José González Barcia, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinaron a mañá de onte o convenio de colaboración para a construción dunha nova escola infantil na vila. O rexedor dixo que comeza un traballo arduo para conseguir esta importante dotación e subliña que a visita veu ratificar os compromisos que a Xunta ten con Burela e cos seus veciños e veciñas.
O rexedor explicou que “a presenza en Burela da conselleira de
Traballo e Benestar, Beatriz Mato, trouxo unha importante nova para o
noso concello como é a firma do convenio de colaboración para a
construción dunha nova escola infantil. É unha noticia importante porque
a escola infantil actual que temos en Burela ten 120 prazas, que están
practicamente cubertas, hai lista de espera e tendo en conta que
aumentamos poboación e que é previsible que a lista de espera non baixe o
lóxico e normal é que o Concello se preocupe pola posta en marcha dunha
nova escola infantil”.
González Barcia dixo que “a partires de agora empeza un traballo
arduo para conseguir esta nova e importantísima dotación para o noso
concello. Por parte do equipo de goberno que eu presido isto quere dicir
que hai unha preocupación clara e notable tanto polos servizos sociais
coma polo ensino”.
O alcalde burelés indicou que “a visita da conselleira tamén trouxo
consigo a ratificación do compromiso que a Xunta ten, a través da súa
consellería, co Concello en materia de formación de persoas
desempregadas. Beatriz Mato puido comprobar o funcionamento do centro de
formación ocupacional, onde agora mesmo se están a impartir catro
cursos, dous deles da rama sanitaria, un de pintor e outro de animador
turístico. En total estanse a formar 60 persoas que, por desgraza, están
desempregadas. Cando rematen os cursos terán unha titulación homologada
e o certificado de profesionalidade que lles facilitará un pouco máis
as cousas”.
José González Barcia anunciou que “no día de onte se fixo a selección
dos alumnos do obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove. En
total estamos a falar dun investimento por parte da Xunta de 500.000
euros, dos que 250.000 euros son para os cursos antes indicados e outros
250.000 para ese obradoiro do emprego. Isto é unha aposta decidida da
Consellería de Traballo de colaborar co Concello de Burela á hora de
formar a persoas que se atopan en situación de desemprego”.
O alcalde de Burela contou que “Beatriz Mato se achegou ao centro de
atención temperá, dentro da visita cursada hoxe aquí, xa que está
financiado en parte pola súa consellería a través do plan concertado de
servizos sociais. O centro atende a nenos e nenas de 0 a 6 anos de toda a
comarca con algunha deficiencia. A conselleira de Traballo e Benestar
pasou tamén polo centro da Fundación Eu Son para poder comprobar as
ensinanzas que alí se imparten, compartir uns minutos tanto cos alumnos
coma cos monitores e garantir a continuidade das prazas concertadas co
centro”. González Barcia engadiu que “agora mesmo de 25 prazas temos 23
concertadas e todo apunta a que para o ano se poida concertar unha máis,
co cal estaríamos xa con todas as prazas concertadas”.
Para o rexedor burelés “tratouse dunha visita interesante da
conselleira Beatriz Mato, dun departamento como o de Traballo e Benestar
que ten unha implicación e unha aposta directa por parte deste equipo
de goberno, como vimos demostrando ano tras ano coa posta en marcha de
cursos de formación, obradoiros, etc. E en materia de servizos sociais
non se ten levado a cabo ningún tipo de axuste. Estamos máis que
satisfeitos desta visita polo que significa de ratificación dos
compromisos da Xunta de Galicia, do goberno que preside Alberto Núñez
Feijoo, a través da Consellería de Traballo e Benestar. Nesta liña de
colaboración institucional, nesta liña de boas e fluídas relacións
continuaremos porque o nos que preocupa, tanto á consellería coma a
nosoutros, é o benestar e a calidade de vida dos veciños e das veciñas
de Burela”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario