lunes, 29 de octubre de 2012

A UNIDADE DE ATENCIÓN TEMPERÁ, QUE CADA ANO ATENDE A 100 NENOS E NENAS DA COMARCA DA MARIÑA, CAMBIA DE UBICACIÓN. SEGUIRÁ NA CASA DO MAR, PERO ESTARÁ NA PRIMEIRA PRANTA. DIANA DURÁN EXPLICA QUE “SE GAÑA EN ESPACIO E SE MELLORA A CALIDADE DO SERVIZO QUE SE PRESTA”.



A unidade de atención temperá cambia de ubicación. O director do Hospital da Costa, José Insua, o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, visitaron as que serán as novas instalacións deste centro cara finais do presente ano. 

Diana Durán e González Barcia explicaron que “a unidade está a funcionar na pranta baixa da Casa do Mar. E agora a instalación pasará á primera pranta, porque conta máis superficie e con máis luz para atender en mellores condicións aos nenos e nenas da comarca da Mariña”. As novas dependencias estánse a adecuar para albergar a partires de finais deste 2012 á unidade de atención temperá, “imos gañar en calidade na prestación do servizo”.

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais lembraron que “dita unidade ten carácter comarcal, aínda que o Concello de Burela asume a práctica totalidade dos gastos derivados do persoal xunto ao Hospital da Costa. O centro hospitalario fáise cargo da fisioterapeuta e o Concello da psicóloga e da pedagoga”.

A unidade de atención temperá de Burela presta un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á comunidade e ten como obxectivo atender o máis axiña posible as necesidades transitorias ou permanentes que presenten os nenos/as con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñan risco de padecelos. En dita unidade traballan profesionais de orientación disciplinar con formación específica en atención temperá.

Pola unidade de atención temperá de Burela pasan ao ano 100 nenos e nenas da comarca da Mariña. Diana Durán sinala que “a atención temperá contémplase como atención global ao neno/a e á súa familia nos primeiros meses ou anos da súa vida”. 

González Barcia agradece “a colaboración da Consellería de Sanidade a través do Sergas, e a implicación da Consellería de Traballo e Benestar para poder cambiar a ubicación do centro. Quero facer un agracedemento especial á conselleira Beatriz Mato e á delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias”. O rexedor tamén recoñeceu “o traballo que se está a facer desde a unidade de atención temperá” e considera que “este cambio de ubicación non é mais ca un novo exemplo da absoluta implicación que o Concello de Burela ten cos servizos sociais. Si alguén pensaba o contrario, xa pode cambiar de opinión”. 

Visitaron as futuras instalacións da unidade de atención temperá de Burela, o director do Hospital da Costa, o alcalde burelés e a concelleira de Servizos Sociais.

viernes, 19 de octubre de 2012

O CONCELLO DE BURELA INCREMENTA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

O CONCELLO DE BURELA INCREMENTA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DE ATENCIÓN A PERSOAS DEPENDENTES E PASA A PRESTAR UN TOTAL DE 16.608 HORAS ANUAIS.

O Concello de Burela reforza a atención a persoas en situación de dependencia a través do servizo de axuda no fogar a dependentes. En total prestará 16.608 horas anuais.

O Alcalde de Burela, José González Barcia, confirmou coa Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a ampliación do servizo de atención a dependentes financiado pola Xunta de Galicia. González Barcia declarou que, “con este apoio da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, conseguimos atender a un número maior de persoas con grao e nivel de dependencia recoñecidos polo Sistema Galego de Atención á Dependencia (SAAD) e así igualarnos á media de atención da comunidade autónoma mediante o servizo de axuda no fogar”.

Nesta liña a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán asegurou que “se verán beneficiadas varias das persoas que estaban en lista de agarda, lista que vén dada pola propia xefatura territorial en Lugo da Consellería de Traballo e Benestar e que se xestiona mediante unha ferramenta informática que é o SIGAD (Sistema de Información Galego de Atención á Dependencia) a través do módulo PAR-SAF (Programa de Asignación de Recursos do Servizo de Axuda no Fogar), en función do baremo acadado de cada persoa usuaria”.

Alcalde e concelleira ven nesta actuación “unha medida moi vantaxosa non só para as persoas dependentes, senón tamén para a súa familia, medida que tamén afectará á cobertura do servizo de axuda no fogar básico, xa que varias das persoas que pasan ao servizo de dependencia proveñen deste programa, polo que tamén serán dados de alta neste último trimestre do ano casos novos deste servizo”.

O equipo de goberno municipal burelés segue a amosar o seu compromiso coa terceira idade e coas persoas en situación de dependencia ao igual que o goberno autonómico de Alberto Núñez Feijoo, que a través da Consellería de Traballo e Benestar vén de por en marcha o Plan Galego das Persoas Maiores 2010-2013, Horizonte 2015, instrumento que nos vindeiros anos servirá en Galicia para converter nun dos grandes eixes neurálxicos da acción do goberno do Partido Popular as políticas e actuacións destinadas a promover a atención e a calidade de vida das persoas maiores.

Entre o servizo de axuda no fogar básico e o destinado a dependentes o Concello de Burela atende a 74 unidades familiares.

miércoles, 17 de octubre de 2012

O CONCELLO ACABA DE RECIBIR UNHA SUBVENCIÓN DA XUNTA DE MÁIS DE 28.000 EUROS PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DIRIXIDOS Á POBOACIÓN INMIGRANTE. DIANA DURÁN ASEGURA QUE OS SERVIZOS SOCIAIS SEMPRE FORON UNHA PRIORIDADE PARA O EQUIPO DE GOBERNO MUNICIPAL.




O Concello acaba de recibir unha subvención da Xunta de máis de 28.000 euros para a realización de programas dirixidos á poboación inmigrante. A edil de Servizos Sociais subliña o apoio que a Xunta lle está a dar ao Concello burelés e ás entidades sen ánimo de lucro da vila. 

Diana Durán indicou que “a Xunta de Galicia lle segue a brindar o total apoio ao propio Concello e ás entidades sen ánimo de lucro da vila”. A concelleira popular explica que “dende a administración local se solicitou, entre outras, unha subvención á Secretaría Xeral de Emigración para a realización de proxectos destinados ao asesoramento e á formación da poboación inmigrante extracomunitaria na comunidade autónoma galega, para este exercicio de 2012”.

A responsable de Servizos Sociais sinala que “Burela ven de recibir esta subvención por importe de 28.168,48 euros para o desenvolvemento de programas dirixidos ao Punto de Información e Asesoramento e para a formación na Aula de Adultos do Programa de Integración de Inmigrantes. Estamos moi satisfeitos porque se trata do 100% do solicitado”.

José María González Barcia, alcalde de Burela, constata que “con esta subvención da Secretaría Xeral de Emigración podemos seguir traballando sobre a realidade migratoria e a gran traxectoria da mesma ao longo de moitos anos no noso termo municipal. Esta subvención permítenos seguir apostando polo funcionamento do Programa de Integración de Inmigrantes, que conta cun equipo técnico que leva demostrado con creces a súa valía e profesionalidade para traballar por e para o colectivo das persoas inmigrantes”. 

Diana Durán sinalou que “mentres a oposición adopta a actitude da mentira negando o traballo dos Servizos Sociais en Burela desde a Xunta séguese a prestar apoio ás iniciativas de carácter social, tanto ás que realizamos desde o Concello como ás que levan adiante entidades sen ánimo de lucro. Para mostra aí temos os 44.000 euros que recibiu o CIM de Burela, a subvención de 11.464 euros que nos concederon para desenvolver programas dirixidos á redución do abandono escolar, a recente apertura do Centro de Día de Discapacidade Intelectual da Fundación Eu Son, o incremento de horas de prestación do servizo de axuda no fogar de modalidade Dependencia, os distintos obradoiros das persoas maiores e das mulleres, a adxudicación da nova escola infantil, etc...os datos falan por si mesmos e a cidadanía debe coñecelos e valoralos”. 

Alcalde e concelleira recordan que os servizos sociais “sempre foron unha prioridade para o equipo de goberno municipal e a mellor maneira de demostralo é con feitos, tal e como se está a facer”.

A EDIL POPULAR DIANA DURÁN PRESENTA A EXPOSICIÓN "O TEU CAFÉ, BO PARA TODO O MUNDO"



Dende o PROGRAMA DE ATENCIÓN A INMIGRANTES da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e en colaboración coa Ong Panxea, queremos apoiar a iniciativa do Fondo Galego de divulgar e sensibilizar a poboación da realidade social do mundo que nos rodea. 

No mes de outubro celébrase en moitos países europeos a semana contra a pobreza e aquí en Galicia, gracias á axuda das diferentes ongs, podemos dar a coñecer distintas visións sobre o desenvolvemento socioeconómico e a grande diversidade de situacións que se dan no mundo actual. 

Dende aquí, eliximos a exposición titulada “O teu café, bo para todo o mundo”, un conxunto de 10 paneis de cartón pluma. Nesta ocasión, debido á temática da citada exposición, quixemos implicar ao comercio hosteleiro do noso pobo na dita actividade, polo que ao longo do mes de outubro os paneis están ubicados en distintas cafeterías e/ou restaurantes do municipio, concretamente ata mediados de mes están no Bar Da Costa e Bar Estación e dende esta data a finais de mes estarán no Valle de Oro e Doner Kebab.

Queremos agradecerlles aos participantes nesta iniciativa a súa implicación e colaboración con nós, así como animar ao público en xeral a súa visualización.

lunes, 8 de octubre de 2012

SERVIZOS SOCIAIS DE BURELA CHAMA A PARTICIPAR NUNHA XUNTANZA A FAMILIARES DE PERSOAS ENFERMAS DE ALZHEIMER

TRAS O PRIMEIRO ENCONTRO MANTIDO CON FAMILIAS DE ENFERMOS DE ALZHEIMER PARA VER AS POSIBLES AXUDAS A PRESTAR A ESTAS PERSONAS COIDADORAS DESDE O CONCELLO, ALCALDE E CONCELLEIRA INVITAN A UN SEGUNDO ENCONTRO A TODAS AS FAMILIAS QUE DESEXEN ASISTIR. SERÁ HOXE LUNS, 8 DE OUTUBRO.

O alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, tras unha primeira toma de contacto con 15 familiares de persoas enfermas de alzheimer para ver as posibles axudas que desde o Concello de Burela se lles poidan prestar a estes coidadores, animan a todas aquelas familias afectadas por esta doenza a unha segunda xuntanza que se celebrará hoxe luns, 8 de outubro, ás 12 horas, na Casa do Concello.

O alcalde sinalou que “en principio a nosa intención, e así se lles expuxo, é a de colaborar na medida das nosas posibilidades con estes coidadores de enfermos de alzheimer. É unha situación moi complexa, que ás veces incluso carrexa mesmo problemas de saúde para os propios coidadores. Nós somos conscientes que desde o Concello de dalgunha forma hai que botarlles unha man”.

González Barcia lembrou que “agora mesmo aquí, en Burela, hai un centro de día, na residencia da terceira idade, onde se acolle a persoas que padecen alzheimer ademais doutras enfermidades neurodexenerativas. E desde o Concello nos brindamos fundamentalmente a colaborar con eles na organización dunha asociación que aglutine aos coidadores, ás familias dos enfermos de alzheimer, para axudarlles na tramitación de toda a documentación e conseguir así liñas de axuda, subvencións, etcétera para paliar esa situación que os coidadores moitas veces teñen. Neste sentido a intención nosa é poñelos en contacto con colectivos semellantes que están xa traballando e operando noutros puntos da nosa comunidade autónoma”.

Alcalde, concelleira de Servizos Sociais e familiares manterán un novo encontro no día de hoxe “para acabar de concretar e definir a constitución da asociación e ver qué pasos comezamos a dar”, sinalou Diana Durán.

Así mesmo a concelleira burelesa aclarou que “o obxectivo do primeiro encontro era manter un contacto inicial con familiares de enfermos de alzheimer, usuarios do centro de día de maiores, porque dalgunha maneira podíamos valorar as necesidades que presentan estas familias tanto de Burela como da comarca da Mariña en xeral, pero con esto non quere dicir que se exclúan calquera outros familiares que non sexan beneficiarios deste equipamento. Entendemos que á xuntanza do vindeiro luns deberían acudir todas as familias que o desexen e así llo facemos chegar para aunar esforzos entre todos e deseñar liñas de actuación específicas para este colectivo”.

González Barcia dixo ser consciente “dos efectos positivos que pode e debe ter a constitución desta asociación. A consecución de axudas, subvencións, etcétera, non se van plasmar nin tan sequera a medio prazo, os efectos vanse a ver a longo prazo, pero eu creo que desde a administración municipal temos que abrir unha porta á colaboración con esas persoas na medida das nosas posibilidades. Somos plenamente conscientes de que os recursos agora mesmo son limitados, pero eu creo que si colaboramos con eles e si nos organizamos os logros poden e deber vir, sempre en beneficio precisamente desas persoas que viven día a día e de forma moi directa as implicacións e a consecuencias das enfermidades neurodexenerativas”.

E engadiu que “a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, vai comezar xa a dar pasos nese sentido, coñece ao persoal de Servizos Sociais, e nesa reunión do vindeiro luns, 8 de outubro, seguramente que acabaremos por concretar e por definir cales van ser os primeiros pasos que imos dar para intentar axudar na medida das nosas posibilidades a esas persoas”.

miércoles, 3 de octubre de 2012

O CENTRO DE DÍA PARA PERSONAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL DA FUNDACIÓN EU SON ABRE AS PORTAS DENTRO DO PRAZO ESTIPULADO POLA CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS DIANA DURÁN

O LÚNS DÍA 1 DE OUTUBRO ABRIU AS SÚAS PORTAS EN BURELA O CENTRO DE DÍA PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL DA FUNDACIÓN EU SON. GONZÁLEZ BARCIA DESTACA A POSTA EN MARCHA DUN PROXECTO QUE NO SEU DÍA INICIOU O PP. DIANA DURÁN SUBLIÑA A IMPORTANCIA QUE TERÁN ESTAS INSTALACIÓNS PARA AS PERSOAS USUARIAS E PARA AS SÚAS FAMILIAS.
 
Este luns abriu as súas portas en Burela o centro de día para persoas con discapacidade intelectual da Fundación Eu Son, segundo daba a coñecer a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán.

O horario de funcionamento será de dez da mañá a seis da tarde de lunes a venres. Contará con comedor, coidados persoais e atención individual e saúde, programas psicosociais, rehabilitación menor e atención psicolóxica. O centro de día da Fundación Eu Son contará cunha psicóloga, con terapeuta ocupacional, técnico de integración social, mestre en audición e linguaxe, monitores de obradoiros, fisioterapeuta e coidadores.

Durante o mes de setembro houbo un período de adaptación entre familias, persoas usuarias e profesionais, para que agora en outubro se fixese efectiva a apertura do centro de día para persoas con discapacidade intelectual.

Diana Durán amósase moi satisfeita da apertura do centro de día para persoas con discapacidade intelectual, pertencente á Fundación Eu Son, da que é vocal do padroado xunto ao Alcalde de Burela, José Mª González Barcia, presidente do mesmo. A edil popular sinalou que “pouco a pouco fomos cumprindo os prazos que nos marcamos ata chegar a este importante día”.

O alcalde de Burela deixou constancia de que “este equipo de goberno traballa, resolve problemas e pon en marcha servizos” e lembrou que “este proxecto naceu na anterior etapa do equipo de goberno do PP e sorprendentemente durante cuatro anos non se fixo absolutamente nada ao respecto. Que cadaquen saque as súas propias conclusións”.

A delegada burelesa de Servizos Sociais dixo que “o alcalde José Mª González Barcia e máis eu mesma tratamos este tema, de absoluta prioridade para o noso equipo de goberno, coa secretaria autonómica de Política Social, Coro Piñeiro, e coa conselleira de Benestar, Beatriz Mato. E xunto á dirección do centro tamén se mantiveron varias reunións coa Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en materia de dependencia”. 

A edil popular indicou que “non foi unha labor fácil, mais ben todo o contrario, pero non por iso se deixou de traballar, e agora o que era un proxecto acaba de converterse en realidade, nunha realidade moi importante tanto para as persoas usuarias do centro como para as súas familias”.

José María González Barcia manifestou que “en escasamente ano e medio puxemos en marcha servizos e resolvemos problemas que en catro anos brillaron pola súa ausencia. Esta liña de traballo continuará durante os tres vindeiros anos”. O alcalde de Burela agarda que “os que non iniciaron nada sobre este asunto e os que dicían que nunca se abriría agora saiban recoñecer o traballo desenvolvido para poñelo en marcha”.

O centro de día da Fundación Eu Son bota a andar con 6 usuarios e tres persoas máis están pendentes de iniciar os trámites para comezar a empregar estas instalacións, que contan con 20 prazas de capacidade.

Durán e González Barcia, que visitaron o centro nas últimas horas, sinalaron que “é de ámbito comarcal e que calquera persoa que queira beneficiarse deste equipamento pode poñerse en contacto cos servizos sociais do seu Concello, do de Burela ou coa propio dirección da Fundación Eu Son, xa que están totalmente coordinados”.