viernes, 19 de octubre de 2012

O CONCELLO DE BURELA INCREMENTA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

O CONCELLO DE BURELA INCREMENTA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DE ATENCIÓN A PERSOAS DEPENDENTES E PASA A PRESTAR UN TOTAL DE 16.608 HORAS ANUAIS.

O Concello de Burela reforza a atención a persoas en situación de dependencia a través do servizo de axuda no fogar a dependentes. En total prestará 16.608 horas anuais.

O Alcalde de Burela, José González Barcia, confirmou coa Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a ampliación do servizo de atención a dependentes financiado pola Xunta de Galicia. González Barcia declarou que, “con este apoio da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, conseguimos atender a un número maior de persoas con grao e nivel de dependencia recoñecidos polo Sistema Galego de Atención á Dependencia (SAAD) e así igualarnos á media de atención da comunidade autónoma mediante o servizo de axuda no fogar”.

Nesta liña a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán asegurou que “se verán beneficiadas varias das persoas que estaban en lista de agarda, lista que vén dada pola propia xefatura territorial en Lugo da Consellería de Traballo e Benestar e que se xestiona mediante unha ferramenta informática que é o SIGAD (Sistema de Información Galego de Atención á Dependencia) a través do módulo PAR-SAF (Programa de Asignación de Recursos do Servizo de Axuda no Fogar), en función do baremo acadado de cada persoa usuaria”.

Alcalde e concelleira ven nesta actuación “unha medida moi vantaxosa non só para as persoas dependentes, senón tamén para a súa familia, medida que tamén afectará á cobertura do servizo de axuda no fogar básico, xa que varias das persoas que pasan ao servizo de dependencia proveñen deste programa, polo que tamén serán dados de alta neste último trimestre do ano casos novos deste servizo”.

O equipo de goberno municipal burelés segue a amosar o seu compromiso coa terceira idade e coas persoas en situación de dependencia ao igual que o goberno autonómico de Alberto Núñez Feijoo, que a través da Consellería de Traballo e Benestar vén de por en marcha o Plan Galego das Persoas Maiores 2010-2013, Horizonte 2015, instrumento que nos vindeiros anos servirá en Galicia para converter nun dos grandes eixes neurálxicos da acción do goberno do Partido Popular as políticas e actuacións destinadas a promover a atención e a calidade de vida das persoas maiores.

Entre o servizo de axuda no fogar básico e o destinado a dependentes o Concello de Burela atende a 74 unidades familiares.

No hay comentarios:

Publicar un comentario