lunes, 8 de octubre de 2012

SERVIZOS SOCIAIS DE BURELA CHAMA A PARTICIPAR NUNHA XUNTANZA A FAMILIARES DE PERSOAS ENFERMAS DE ALZHEIMER

TRAS O PRIMEIRO ENCONTRO MANTIDO CON FAMILIAS DE ENFERMOS DE ALZHEIMER PARA VER AS POSIBLES AXUDAS A PRESTAR A ESTAS PERSONAS COIDADORAS DESDE O CONCELLO, ALCALDE E CONCELLEIRA INVITAN A UN SEGUNDO ENCONTRO A TODAS AS FAMILIAS QUE DESEXEN ASISTIR. SERÁ HOXE LUNS, 8 DE OUTUBRO.

O alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, tras unha primeira toma de contacto con 15 familiares de persoas enfermas de alzheimer para ver as posibles axudas que desde o Concello de Burela se lles poidan prestar a estes coidadores, animan a todas aquelas familias afectadas por esta doenza a unha segunda xuntanza que se celebrará hoxe luns, 8 de outubro, ás 12 horas, na Casa do Concello.

O alcalde sinalou que “en principio a nosa intención, e así se lles expuxo, é a de colaborar na medida das nosas posibilidades con estes coidadores de enfermos de alzheimer. É unha situación moi complexa, que ás veces incluso carrexa mesmo problemas de saúde para os propios coidadores. Nós somos conscientes que desde o Concello de dalgunha forma hai que botarlles unha man”.

González Barcia lembrou que “agora mesmo aquí, en Burela, hai un centro de día, na residencia da terceira idade, onde se acolle a persoas que padecen alzheimer ademais doutras enfermidades neurodexenerativas. E desde o Concello nos brindamos fundamentalmente a colaborar con eles na organización dunha asociación que aglutine aos coidadores, ás familias dos enfermos de alzheimer, para axudarlles na tramitación de toda a documentación e conseguir así liñas de axuda, subvencións, etcétera para paliar esa situación que os coidadores moitas veces teñen. Neste sentido a intención nosa é poñelos en contacto con colectivos semellantes que están xa traballando e operando noutros puntos da nosa comunidade autónoma”.

Alcalde, concelleira de Servizos Sociais e familiares manterán un novo encontro no día de hoxe “para acabar de concretar e definir a constitución da asociación e ver qué pasos comezamos a dar”, sinalou Diana Durán.

Así mesmo a concelleira burelesa aclarou que “o obxectivo do primeiro encontro era manter un contacto inicial con familiares de enfermos de alzheimer, usuarios do centro de día de maiores, porque dalgunha maneira podíamos valorar as necesidades que presentan estas familias tanto de Burela como da comarca da Mariña en xeral, pero con esto non quere dicir que se exclúan calquera outros familiares que non sexan beneficiarios deste equipamento. Entendemos que á xuntanza do vindeiro luns deberían acudir todas as familias que o desexen e así llo facemos chegar para aunar esforzos entre todos e deseñar liñas de actuación específicas para este colectivo”.

González Barcia dixo ser consciente “dos efectos positivos que pode e debe ter a constitución desta asociación. A consecución de axudas, subvencións, etcétera, non se van plasmar nin tan sequera a medio prazo, os efectos vanse a ver a longo prazo, pero eu creo que desde a administración municipal temos que abrir unha porta á colaboración con esas persoas na medida das nosas posibilidades. Somos plenamente conscientes de que os recursos agora mesmo son limitados, pero eu creo que si colaboramos con eles e si nos organizamos os logros poden e deber vir, sempre en beneficio precisamente desas persoas que viven día a día e de forma moi directa as implicacións e a consecuencias das enfermidades neurodexenerativas”.

E engadiu que “a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, vai comezar xa a dar pasos nese sentido, coñece ao persoal de Servizos Sociais, e nesa reunión do vindeiro luns, 8 de outubro, seguramente que acabaremos por concretar e por definir cales van ser os primeiros pasos que imos dar para intentar axudar na medida das nosas posibilidades a esas persoas”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario