jueves, 31 de octubre de 2013

ÉXITO DOS CURSOS DE TEMPO LIBRE PROGRAMADOS POLA CONCELLERÍA DE MULLER E IGUALDADE EN BURELA QUE COMEZAN CUN TOTAL DE 265 MULLERES



Un total de 256 mulleres acudirán durante a tempada 2013/14 aos cursos de tempo libre que organiza a Concellería de Muller e Igualdade de Burela, a través do CIM. 

Segundo explicou Diana Durán “o prazo de inscrición rematou o pasado venres e foron 256 as mulleres que se anotaron para participar nas nosas propostas. 81 acudirán a manualidades, 67 a bolillos e 108 a bordado. Aínda sendo moi elevado o número de inscricións, as prazas ofertadas son máis que as demandadas, polo que aquelas mulleres que se animen poderán inscribirse ao longo do curso, sempre e cando existan prazas dispoñibles. O que poden facer para clarexar as dúbidas que podan ter é contactar co Centro de Información ás Mulleres no 982 58 06 09 ou achegarse por alí persoalmente”. 

A edil popular subliñou que “nesta tempada 2013/14 verase reforzada a intensidade dos cursos cun mes máis de duración. Comezarán o 4 de novembro e rematarán en maio. Serán sete meses en total, cando antes eran seis. A exposición de fin de cursos cos traballos realizados está programada para o mes de xuño”.

lunes, 28 de octubre de 2013

SERVIZOS SOCIAIS DE BURELA ORGANIZA UN CURSO DE HABILIADES SOCIAIS DIRIXIDO A PERSOAS PERCEPTORAS DA RISGA

A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela, a través do Programa de Educación Familiar, está a organizar un programa formativo de habilidades sociais e orientación sociolaboral. 
 
Este programa está dirixido a persoas perceptoras da Renta de Integración Social de Galicia (RISGA) “e o que se pretende é potenciar as súas competencias sociais, comunicativas e relacionais co fin de mellorar a súa empregabilidade”, segundo explicou Diana Durán. 
 
A primeira acción formativa que se desenvolverá será un curso de habilidades sociais os días 28, 29, 30 e 31 de outubro e 4 de novembro, cunha duración total de 15 horas. 

No mes de novembro está programada a realización dun curso de orientación laboral e técnicas de busca activa de emprego. Ambas accións terán lugar na Casa do Concello.

miércoles, 16 de octubre de 2013

O CONCELLO CONVOCA O III CONCURSO DE LEMAS E O VII DE MICRORRELATOS, CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN O 25 DE NOVEMBRO DO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES



O Concello convoca o III Concurso de Lemas e a VII edición do Concurso de Microrrelatos. Ambos certames realízanse con motivo da celebración o 25 de novembro do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. 

Segundo explica a concelleira de Muller e Igualdade, Diana Durán, “o obxectivo do concurso de lemas é transmitir a través de mensaxes curtas a importancia da educación en igualdade e da necesidade da eliminación da violencia contra as mulleres”. Poderán participar no III Concurso de Lemas todas as persoas empadroadas en Burela, que poderán enviar ata un máximo de 5 lemas á seguinte dirección de correo electrónico: cim@burela.org. No asunto debe figurar o nome do certame, o seu nome completo, o seu número de teléfono e tamén unha dirección de correo electrónico á que poida responder.

A edil popular subliña que “o lema debe constar de sete palabras como máximo e debe ser o suficientemente significativo e estar relacionado co tema proposto. Entre todos os enviados escollerase un, que será o que distinga a celebración do día internacional contra a violencia de xénero do vindeiro do 2014”.

O prazo de entrega de lemas rematará o 15 de novembro. O xurado pode declarar deserto o concurso. O lema gañador darase a coñecer nun acto público que terá lugar o 25 de novembro na Casa do Concello.

No VII Concurso de Microrrelatos poderán participar tamén todas as persoas empadroadas en Burela. Establécense dúas categorías: menores de 18 anos e desa idade en diante. A temática deberá axustarse á conmemoración do 25 de novembro. Diana Durán indicou que “os traballos teñen que presentarse en folios tamaño A4, cunha extensión máxima de media folla, con tipo de letra times new roman tamaño 12, en lingua galega segundo a normativa vixente e, no caso de ser posible, en soporte informático. Todos os traballos que se presenten serán inéditos e non presentados en anteriores concursos. Os orixinais quedarán en poder do CIM do Concello de Burela, que se reserva o dereito da súa publicación, exposición, doazón ou calquera outro tratamento posterior, sempre sen ánimo de lucro”.

Un xurado composto por persoas do mundo da cultura e das letras, do Concello e do CIM, decidirá cales son os dous traballos gañadores. O premio consistirá nun agasallo valorado en 75 euros para cada unha das categorías.

Os microrrelatos, asinados cun pseudónimo, deberán entregarse antes do 15 de novembro no CIM de Burela, na rúa Eijo Garay, 20. Deberán ir nun sobre ao que se adxuntará outro pechado no que figurarán os datos da persoa autora do microrrelato.

Ao igual que co concurso de lemas os premios daranse a coñecer no acto público que se celebrará o 25 de novembro. Desde a Concellería de Muller e Igualdade lembran que “a participación en ambos concursos supón a aceptación de todas as súas bases”.

viernes, 11 de octubre de 2013

A TRAVÉS DA EXPOSICIÓN "NUTRICIÓN E DESENVOLVEMENTO. DEREITOS DA INFANCIA" O CONCELLO DE BURELA QUERE SENSIBILIZAR Á POBOACIÓN CONTRA A ERRADICACIÓN DA POBREZA



Dende o PROGRAMA DE ATENCIÓN A INMIGRANTES da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela, como socio do FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE e en colaboración coa ONG UNICEF, queremos apoiar a iniciativa do Fondo Galego de divulgar e sensibilizar á poboación da realidade social do mundo que nos rodea.

No mes de outubro celébrase en moitos países europeos a semana contra a pobreza e aquí en Galicia, gracias á axuda das diferentes ongs, podemos dar a coñecer distintas visións sobre o desenvolvemento socioeconómico e a grande diversidade de situacións que se dan no mundo actual.

Dende o Concello de Burela, eliximos a exposición titulada “Nutrición e desenvolvemento. Dereitos da infancia”, un conxunto de 17 paneis. Nesta ocasión, debido á temática da citada exposición, quixemos implicar ás farmacias e parafarmacias do noso pobo,  así como ao Centro de Saúde. Así, dende esta fin de semana ata o día 21 de outubro estarán expostos na Farmacia O Parque, Farmacia Fraiz e Ortofarma Burela e dende esta data ata o 11 de novembro estará a exposición completa no edificio do Centro de Saúde.
Queremos agradecerlles ás participantes nesta iniciativa a súa implicación e colaboración con nós, así como animar ao público en xeral a súa visualización.

COMEZA A INSCRICIÓN DOS CURSOS DE TEMPO LIBRE PARA MULLERES 2013-2014: MANUALIDADES, BOLILLOS E BORDADO. ESTE ANO VENSE REFORZADOS CUN MES MAIS!!


lunes, 7 de octubre de 2013

O CONCELLO DE BURELA A TRAVÉS DA DELEGACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS E SANIDADE COLABORA CON "UN DÍA EN ROSA" DA ASOCIACIÓN ESPERANZA PARA CONMEMORAR O DÍA MUNDIAL DO CANCRO DE MAMA CO SEU CONCERTO SOLIDARIO


O CIM DE BURELA RECIBE A SUBVENCIÓN MÁXIMA QUE PODÍA OBTER DA XUNTA, 45.000 EUROS. TAMÉN RECIBE SUBVENCIÓN AULA JUNIOR

A concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, amósase moi satisfeita tras as subvencións concedidas pola Xunta de Galicia ao Centro de Información ás Mulleres e á Aula Junior. En total as achegas suman máis de 51.000 euros. 
 
A edil popular sinalou que “do orzamento total solicitado para o desenvolvemento da Aula Junior (7.787 euros) foinos concedido o 80%, o que supón 6.222 euros. Para o funcionamento do CIM a subvención que recibimos ascende a 45.000 euros, que é o máximo ao que se pode optar, igualándonos a nivel galego a outros CIM de grandes cidades como son A Coruña, Ourense e Vigo e a nivel provincial a Lugo”.

Durán manifestou que “a concesión destas axudas que suman 51.222 euros supón a garantía da continuidade do CIM, así coma do programa Aula Junior. Pensamos que é a recompensa ao traballo desenvolvido a través do CIM de cara á promoción da igualdade”. A concelleira de Servizos Sociais lembrou que “a Aula Junior é un programa encadrado dentro da promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero”. 

A edil Diana Durán subliña que “o CIM de Burela é o máis destacado da provincia de Lugo, tanto polas prestacións que ofrece, coma pola cantidade de demandas atendidas e a calidade na atención dos profesionais que o conforman. Así o demostrou a puntuación acadada para optar á subvención que a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta convocou para este 2013. Concretamente, no proxecto presentado especificábanse, entre outros, as áreas nas que se traballa, o número e o tipo de consultas que se atenderon e as profesionais adscritas a este servizo. A puntuación obtida deu lugar a que o CIM de Burela perciba o 100% do total a solicitar, concretamente, 45.000 euros”.

A concelleira de Servizos Sociais aludiu “ao bo funcionamento do CIM e á cantidade de mulleres atendidas no mesmo, non só de Burela, senón tamén doutros concellos veciños que non dispoñen deste servizo”. A edil recorda que “se atenden áreas coma a xurídica, orientación profesional, emprego, recursos, información sobre axudas que ofrece a Secretaría Xeral de Igualdade, atención psicolóxica e outras”. Durán eloxia o traballo das profesionais do CIM de Burela “que fai que sexa o cabeceira da provincia. Esta subvención recibida garante a continuidade das tres profesionais que conforman o centro: asesora xurídica, psicóloga e administrativa e tamén conta cun servizo de teletraducción, que comezou a funcionar en agosto de 2012 e que segue en activo”.

A edil popular lembrou que “hoxe en día cada vez máis se está a destapar a problemática de discriminación e violencia de xénero que as mulleres veñen sufrindo ao longo da historia da humanidade, e querémoslle recordar a todas as mulleres mariñanas que teñen á súa disposición no Concello de Burela un Centro de Información ás Mulleres, que é un servizo pensado para apoiar á muller, proporcionándolle toda a información necesaria para solucionar o problema ou problemas que estea a padecer”.

Sobre a Aula Junior Diana Durán indicou que “é un espazo educativo que se creou en febreiro de 2013, co fin de dar cobertura ás familias de nenos e nenas de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, querendo así acompañar ás nais e pais na súa labor de educadores/as e axudarlles a resolver calquera dúbida que se lles presente na crianza dos seus fillos e fillas, cumprindo co compromiso deste goberno local que prioriza en todo momento os Servizos Sociais en todos os seus ámbitos en xeral e, en particular, naqueles colectivos con necesidades específicas. Como consecuencia, foron moitas as familias que formularon esta necesidade no Concello de Burela, entendendo desde a administración local e, concretamente, desde o Concellería de Servizos Sociais, Muller e Igualdade que co nacemento deste novo programa, precisamente axúdase a estas familias a exercer o seu rol parental de forma responsable, favorecendo a coeducación e desenvolvendo actividades dirixidas á poboación infantil no ámbito da familia, tal e como se recolle dentro das accións do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Burela na área de actuación 4: educación e formación”. 

A responsable de Servizos Sociais explicou que “Aula Junior é un programa baseado na necesidade que se pretende cubrir de cara á coeducación e ao ámbito familiar a través das actuacións que desenvolve, apoiado nos datos relativos á realidade que presenta Burela, pois non debemos esquecernos que estamos ante un dos concellos con poboación mais nova de todo o territorio de Galicia, xa que do total da poboación (9.653 habitantes), o 15’65% pertence a mozos e mozas en minoría de idade, dos cales o 17’86% son nenos e nenas de 0 a 3 anos”.