jueves, 19 de diciembre de 2013

DIANA DURÁN, CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS, MULLER, IGUALDADE E SANIDADE E O EQUIPO DO CIM DESÉXALLES FELICES FESTAS CHEAS DE PAZ E IGUALDADE E PROPERIDADE PARA O 2014


A CASA DA CULTURA DE BURELA ACOLLERÁ UN CURSO DE RISOTERAPIA DENDE XANEIRO ATA MAIO DE 2014

O Concello de Burela organiza un CURSO DE RISOTERAPIA que se vai desenvolver dende xaneiro ata maio do vindeiro ano 2014. Hai 20 prazas e a inscrición ábrese o día 23 deste mes de decembro. A actividade levarase a cabo na aula de familia da Casa da Cultura. 
 
Os interesados en participar deben inscribirse na Casa do Concello en horario de 7:45 a 15:15 horas. O prazo remata o 10 de xaneiro próximo. O curso empezará o 16 de xaneiro, xoves, e desenvolverase de 20:30 a 22 horas. 

É unha actividade que está organizada polo Centro de Información ás Mulleres, dependente da Concellaría de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, coa colaboración do colectivo Mujeres en Igualdad Burela.

A concelleira de Muller e Igualdade, Diana Durán, explicou que “dada a boa acollida que tivo a pasada edición deste curso e o interese amosado polas participantes decidiuse organizar de novo esta actividade”. E engadiu que “o equipo de goberno está moi satisfeito da demanda que teñen este tipo de iniciativas entre as veciñas e veciños de Burela, polo que temos previsto seguir traballando na mesma liña”.





A CASA DA CULTURA DE BURELA ACOLLEU O LUNS UN ESPECTÁCULO PARA PREVIR A VIOLENCIA DE XÉNERO ENTRE AS MOZAS E OS MOZOS

A Casa da Cultura de Burela acolleu o pasado luns, 16 de decembro, ás 12:45 horas un espectáculo titulado I´ll be watching you (Hei estar vixiándote), que ten como obxectivo previr a violencia de xénero entre os rapaces e rapazas. Forma parte dos actos organizados polo Concello en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. 
 
A concelleira de Muller e Igualdade, Diana Durán, explicou que “é un proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial de consumo masivo. Os obxectivos son actuar na prevención da violencia de xénero e promover o pensamento crítico entre os rapaces e rapazas”.

Diana Durán anunciou que “está prevista a asistencia duns 200 alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º de ESO dos institutos de Burela”.

GONZÁLEZ BARCIA E DURÁN VISITARON O MERCADIÑO SOLIDARIO DE NADAL DAS ASOCIACIÓNS BURELESAS


mercado-burelaO alcalde de Burela, José María González Barcia, e a concelleira de Servicios Sociais, Diana Durán García, visitaron oficialmente no mediodía do pasado sábado o Mercadiño Solidario de Nadal que organizan na Praza de Abastos durante esta fin de semana as asociacións do municipio.

O alcalde e a concelleira comprobaron o enorme traballo que están a realizar as asociacións burelesas e agradeceron e recoñeceron a dedicación e esforzo que fan. De feito, Diana Durán afirmou que “o traballo que están realizando hai que resaltaloo e tamén agradecelo, sobre de todo aqueles colectivos máis vinculados coas problemáticas sociais, e que se están a implicar absolutamente para colaborar cos máis necesitados”.

A concelleira de Servizos Sociais tamén asegurou que “a implicación do equipo de goberno coas asociacións é total, e se non facemos máis é porque non podemos: tanto é así que nos últimos dous anos impulsamos a creación de colectivos que antes non existían, e colaboramos decididamente con todas elas. Non hai semana na que non haxa, dun xeito ou doutro, reunións e conversas con asociacións, porque cremos que nestes momentos difíciles no eido económico a sociedade civil ten que ter un papel determinante na sociedade”.

González Barcia e Durán García recorreron todos os postos. A concelleira aproveitou para dicirlles aos colectivos que “este equipo de goberno aposta polas asociacións: por iso recuperou as subvencións, por iso as manterá para o vindeiro 2014, tal e como anunciou o alcalde onte mesmo. E xa nos gustaría poder dar máis axudas: non é posible porque o bipartito deixou ao Concello con moitas débedas que agora, en vez de pagalas eles soliños que é o que tiñan que facer, estamos pagandoas entre todos”.

Diana Durán engadiu que “as portas do Concello están aberta para todos os colectivos, ao igual que a colaboración que podemos prestar, e eles o saben perfectamente”.

RESUMO DO BEN QUE O PASARON AS PEQUENAS E PEQUENOS NO CONTACONTOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste pequeno espazo podemos apreciar o ben que o pasaron as pequenas e pequenos (e aquelas persoas non tan pequenas) que participaron no CONTACONTOS POLA IGUALDADE: CONTOS VELLOS, NOVOS FINAIS, dentro da Programación das Actividades Contra a Violencia de Xénero, a cargo de CAXOTO CATIVO, e organizado pola Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela, a través do CIM (Centro de Información ás Mulleres).




















miércoles, 11 de diciembre de 2013

O ALCALDE DE BURELA PARTICIPA HOXE NO ENCONTRO COA DELEGACIÓN CABOERDIANA


 - O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza unha xuntanza na Fegamp con representantes de trinta concellos da comunidade

- O presidente da Asociación de Municipios do arquipélago, unha alcaldesa e un xornalista percorren o país no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde


O Alcade de Burela, Chema Barcia, participa no día de hoxe en Santiago de Compostela no encontro coa delegación caboverdiana que visitiou Burela o pasado luns e organizado polo "Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade", entidade da que é socio o Concello de Burela. Representantes duns trinta municipios confirmaron a súa presenza na xuntanza, que dará comezo ás 12.30 horas na sede da "Federación Galega de Municipios e Provincias" (Fegamp), unha vez rematada a recepción institucional e a rolda de prensa que comezarán ás 11.30 horas. O evento encádrase na Irmandade Galicia-Cabo Verde, que se materializa ao longo desta semana coa visita da misión africana para visibilizar os proxectos de desenvolvemento apoiados no arquipélago atlántico.


Poñer en valor a cooperación realizada polas administracións locais e provinciais a través do Fondo Galego durante os últimos once anos é o obxectivo do Encontro co Municipalismo Galego ‘O municipalismo en Cabo Verde: realidade e desafíos’. Ao tempo, porase de manifesto que a cooperación internacional abre tamén oportunidades para a economía, a cultura, etc. nomeadamente nos países lusófonos. Búscase asemade sensibilizar sobre as desigualdades entre o Norte e do Sur, nun exercicio de transparencia e intercambio. 


A comitiva africana está encabezada por Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e alcalde da Ribeira Grande, localidade da que maioritariamente procede a comunidade caboverdiana asentada na Mariña lucense. A misión complétase con Rosa Lopes, presidenta da Cámara Municipal de Porto Novo e única alcaldesa entre os 23 municipios de Cabo Verde, e Vlademiro Almeida, redactor do xornal ‘Expresso das Ilhas’. 


Tras o acto na Fegamp, continuarán logo o seu percorrido cunha recepción na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, ás 14.30 horas. Xa pola tarde, realizarán unha visita institucional ao Concello de Cambre ás 17.30 horas, onde tamén coñecerán o museo romano e a igrexa da vila. O xoves viaxarán ao Concello de Vigo e o venres a Redondela e Allariz. Nos días anteriores xa pasaron polos concellos de Burela e Oleiros e mais as deputacións de Lugo e A Coruña.



33 proxectos no arquipélago

O Fondo Galego iniciou a cooperación bilateral coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos no ano 2002 e desde entón ten impulsado 33 proxectos de cooperación internacional  centrados en áreas como a habitabilidade, o xénero, a saúde e a educación, principalmente nas illas de Santiago, Santo Antão e Maio, mais tamén con presenza nas illas de Fogo, São Vicente e Brava. Promovéronse asemade once asistencias técnicas vinculadas ao programa de voluntariado internacional "Vacacións con Traballo", un seminario sobre políticas de xénero, a realización de varios documentos audiovisuais e distintas misións  político-institucionais  tanto en Cabo Verde como en Galicia.



O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.


BURELA, ESCENARIO O PASADO LUNS DE DIVERSOS ACTOS DA IRMANDADE GALICIA-CABO VERDE

091213 Foto visita Cabo Verde

Burela acolleu o pasado luns diversos actos da Irmandade Galicia-Cabo Verde. O alcalde, José Mª González Barcia, subliñou o significado que ten para o concello acoller esta celebración “que recoñece o traballo feito tanto pola comunidade caboverdiana asentada en Burela como pola acollida que este pobo lles deu a estes inmigrantes”.

O rexedor explicou que “o luns tiveron lugar aquí, en Burela, distintos actos que se enmarcan dentro das actividades de irmandade entre a comunidade autónoma galega e a República de Cabo Verde. Para nosoutros é moi significativo e ademais estamos orgullosos pola elección de Burela como sede dos actos que hoxe se celebran na comunidade autónoma galega, que se fan aquí, porque sen dúbida ningunha veñen a recoñecer o traballo feito tanto pola comunidade caboverdiana asentada en Burela desde mediados dos anos 70 do século pasado e que hoxe son a comunidade de inmigrantes máis importante que temos e, por outra parte, a acollida que o pobo de Burela lles deu a estes inmigrantes que hoxe forman parte moi activa da nosa sociedade”.
Diana Durán, Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade manifestou que “valoramos de forma importante a celebración destes actos polo que teñen de continuación na sensibilización sobre o cooperativismo e sobre o municipalismo. Aquí hai dous factores, por un lado a colaboración entre países, entre pobos, entre sociedades de distintas etnias. Nós si por algo nos caracterizamos é por que Burela sempre acolleu cos brazos abertos a calquera persoa chegada doutras terras. E no caso concreto da poboación de orixe caboverdiana eu creo que é máis que patente a capacidade de integración que houbo entre as dúas sociedades: a nosa e a caboverdiana. Por outro lado convén resaltar tamén, dentro deste marco de actuación do que é o cooperativismo, a capacidade que tivo Burela no seu momento de dar un paso máis cara a diante no sentido de irmandarse con Cabo Verde á hora de poder contribuír ao desenvolvemento daquel país, evidentemente dun xeito moi humilde, e á hora tamén de integrar máis e mellor á poboación caboverdiana aquí, en Burela”.

O alcalde de Burela considera que “non deberíamos pasar por alto a presenza que a comunidade autónoma galega tivo en Cabo Verde hai aproximadamente dous meses na celebración da feira pesqueira Expomar alí, en Cabo Verde, que contou coa presenza do Secretario Xeral de Pesca, Juan Maneiro, e da xerente da Fundación Expomar, Catalina Luengo, en representación da propia fundación como exemplo da implicación da Fundación Expomar e por extensión do Concello de Burela no desenvolvemento da República de Cabo Verde”.

En referencia ao reforzo do municipalismo González Barcia indicou que “hoxe contamos aquí con Rosa Lopes Rocha, que é a presidenta da Cámara Municipal de Portonovo, na illa de San Antonio, e dáse a circunstancia de que é a única muller alcaldesa que hai en Cabo Verde. Isto dálle máis realce a este acto porque vén representar o apoio que damos desde a comunidade autónoma galega á presenza da muller en postos de responsabilidade política e doutra orde en calquera país. Temos tamén a Manuel de Pina, que é o presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e presidente da Cámara Municipal de Ribeira Grande de Santiago, curiosamente a localidade do país de maior procedencia da comunidade caboverdiana asentada en España”.

O rexedor engadiu que “para nosoutros é un motivo de satisfacción poder contar con estes actos aquí, en Burela, e tamén hoxe mércores asistimos a un acto que se vai desenvolver en Santiago de Compostela, en concreto na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias, precisamente cos representantes caboverdianos tamén estará presente o Concello de Burela na miña persoa para contribuír neste camiño dunha maior sensibilización en canto ao cooperativismo, á solidariedade e tamén á relación entre responsables políticos de ámbito municipal tanto dun país, Cabo Verde, como da nosa comunidade autónoma, Galicia”.

Pola mañá houbo un contacontos intercultural na Casa da Cultura destinado ao alumnado de 5º e 6º de primaria dos colexios municipais e tamén unha visita institucional ao Concello por parte da delegación caboverdiana que estes días está en Galicia. Esta tarde, ás 17:30 horas, inaugurouse a exposición "Caboverdianos na Mariña" na Casa da Cultura. Está organizada polo Concello de Burela e pola Asociación Cultural Tabanka. E ás 18:00 horas tivo lugar un encontro coa comunidade caboverdiana na Casa do Concello. Alí estiveron tamén os grupos Batuko Tabanka e Rabentola, quenes nos deleitaron con sendas batukadas, dando paso, a continuación a un intercambio de pareceres e opinións sobre a inmigración entre os distintos alcaldes e os veciños e veciñas de Burela de orixe caboverdiana.














jueves, 5 de diciembre de 2013

DIANA DURÁN INFORMA SOBRE A ACCIÓN FORMATIVA DE INSERCIÓN SOCIAL, DIRIXIDA A PERSOAS INMIGRANTES



O "Programa Municipal de Atención a Inmigrantes", dependente da Concellería de Servizos Sociais, Muller e Igualdade do Concello de Burela, está a organizar un programa formativo de Inserción social no entorno de acollida, neste caso, no pobo de Burela.

A acción formativa está dirixida a persoas inmigrantes e o seu obxectivo principal é dar a coñecer os recursos e servizos de Burela a estranxeiros recén chegados, co fin de dar un coñecemento máis integral e práctico para unha óptima integración social.

Esta acción desenvolverase os días 9, 10, 11, 12 e 13 de decembro, en horario de 9:30 a 12:30 na Casa do Concello, e será a cargo da Educadora Familiar xunto á técnico responsable do Departamento de Inmigración.

BARCIA E DURÁN PARTICIPAN NA IRMANDADE CABO VERDE-GALICIA DO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE



O "Programa de Atención a Inmigrantes" da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Burela, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, vai participar a semana do 9 ao 13 de decembro nos actos da Irmandade Galicia-Cabo Verde. 

Debido ao grande traballo realizado no ámbito da cooperación en Cabo Verde, máis de 15 anos, dous membros dos municipios caboverdianos cos que se traballou veñen a Galicia para fomentar e sensibilizar sobre o cooperativismo e o municipalismo. Concretamente o grupo de persoas que veñen de Cabo Verde está formado por un alcalde, a única alcaldesa do país e un xornalista:

-Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de municipios caboverdianos e presidente da Cámara municipal de Ribeira Grande de Santiago, curiosamente a localidade do país de maior procedencia da comunidade caboverdiana asentada en Burela.

-Rosa Lopes Rocha, presidenta da Cámara municipal de Porto Novo, na illa de Santo Antao, polo momento a única localidade caboverdina cunha muller alcaldesa, debido en grande medida polo  traballo do Fondo Galego neste municipio sobre cuestións de igualdade de xénero.

-Vlademiro Almeida Marçal, xornalista do Expresso das Ilhas é o encargado de conectar Galicia e Cabo Verde durante a semana do 9 ao 13 de decembro.

Concretamente en Burela esta delegación vai estar o día 9 de decembro e, durante todo este, terán lugar diferentes actos para distintos públicos, co fin de divulgar a importancia desta visita. Os actos son os seguintes:

**12:30 h  Contacontos titulado “Antía, Wamba e o regato pequeno” da Tropa de Trapo. Contacontos intercultural organizado para o alumnado de 5º e 6º de primaria dos colexios municipais e será representado na Casa da Cultura.

**13:30 h  Visita institucional e Rolda de prensa no Concello de Burela. Recepción polo Sr. Alcalde do Concello de Burela e pola Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade.

**17:30 h  Inauguración da Exposición “Caboverdianos na Mariña” na Casa da Cultura, organizada polo Concello de Burela e a Asociación Batuko-Tabanka.

**18:00 h  Encontro coa comunidade caboverdiana na Casa do Concello, acompañando o encontro os grupos Batuko- Tabanka e Rabentola.

CONTOS VELLOS, NOVOS FINAIS. BURELA SEGUE COA PROGRAMACIÓN DAS ACTIVIDADES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, NESTE CASO CO CONTACONTOS POLA IGUALDADE

Foto: Seguindo coa conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25 de novembro) este domingo, día 8 de decembro, ás 17:30 horas na antiga Praza de Abastos de Burela terá lugar o CONTACONTOS "CONTOS VELLOS, NOVOS FINAIS" a cargo de Caxoto Contacontos.
Está dirixido a nenos/as de idades comprendidas entre os 4 e 9 anos.
ESPERÁMOSVOS!! 



Seguindo coa conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25 de novembro) este domingo, día 8 de decembro, ás 17:30 horas na antiga Praza de Abastos de Burela terá lugar o CONTACONTOS "CONTOS VELLOS, NOVOS FINAIS" a cargo de Caxoto Contacontos.

Está dirixido a nenos/as de idades comprendidas entre os 4 e 9 anos.



 ESPERÁMOSVOS!!



O CONCELLO DE BURELA FIXO ENTREGA DOS PREMIOS DO XII CERTAME DE CARTEIS DO DÍA DA SIDA


OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Ducias de persoas achegáronse o xoves pasado en Burela á mesa informativa instalada nas inmediacións do Centro de Saúde para conmemorar o Día Mundial da Sida, que se celebra o 1 de decembro.

A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Diana Durán, dixo que “con esta xornada lembramos como previr a enfermidade e se mostra o apoio a aquelas persoas que xa a contraeron”. 

Ás once e media da mañá tivo lugar a entrega de premios do XII Certame de Carteis do Día Mundial da Sida do Concello de Burela. Este ano recaeron en Antía Baño Rodríguez e Saray Rozas Regal, do IES Perdouro, na categoría escolar; e nas Asociacións A Mariña e na Fundación Eu Son de Burela en categoría especial. Os agasallos foron entregados por Diana Durán e polo alcalde, José Mª González Barcia. 

A edil popular subliñou que “o principal obxectivo desta campaña é a sensibilización da sociedade e o recordo de que a sida existe e está nas mans de todas e todos tomar medidas de prevención para poder freala. Durante toda a xornada informamos a todos aquelas persoas interesadas e repartíronse folletos informativos, preservativos, lazos e calendarios de peto co lema Previr a SIDA día a día”.

O CONCELLO DE BURELA DESTINA ESTE ANO 7.400 EUROS ÁS ENTIDADES ASOCIATIVAS DE CARÁCTER LOCAL

OLYMPUS DIGITAL CAMERA O alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, asinaron o pasado venres coas entidades asociativas de carácter social os convenios das subvencións que o Concello lles concedeu para este 2013. Trátase de 10 colectivos que reciben un total de 7.400 euros.

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña recibe 2.000 euros; a Cáritas Parroquial foille concedida unha subvención de 1.000 euros; a asociación Esperanza recibe 300 euros; Camiña outros 300 euros; Mulleres en Igualdade 500 euros; a asociación de Amas de Casa conta cunha subvención de 300 euros; 500 euros recibe a asociación Xuntanza; a Confraría da Semana Santa conta con 1.500 euros; a asociación Vagalume recibe unha subvención de 300 euros e 400 euros son pas os xubilados A Moncloa. 

O rexedor avanzou que “nos orzamentos do vindeiro ano consignaranse partidas presupostarias para a concesión de subvencións nominativas, aínda que polo momento non están fixadas as contías que se concederán nin as asociacións que as recibirán”.

Tanto González Barcia como Diana Durán subliñaron “o compromiso do equipo de goberno coas asociacións de carácter social. Estaremos ao seu carón axudándolles na medida das nosas posibilidades”.

19 FAMILIAS DO CONCELLO DE BURELA CON ESCASOS RECURSOS BENEFICIÁRONSE DAS AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR


OLYMPUS DIGITAL CAMERAO Concello concede este ano 2.108,73 euros ás 19 familias que solicitaron axudas para a adquisición de material escolar para o curso 2013/2014. 

Segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, “todas as solicitudes presentadas cumpren cos requisitos establecidos a tal efecto. No Concello tiñamos unha partida de 4.900 euros para facerlle fronte a este gasto, aínda que as axudas solicitadas e concedidas ascenden a 2.108,73 euros”. 

A edil popular sinala que “o importe máximo das axudas era de 75 euros para educación infantil e de 60 euros para primaria e ESO e estaban destinadas a alumnos/as empadroados/as en Burela cursen ou non os seus estudios no noso municipio. Debían pertencer ás familias con menos poder adquisitivo de Burela”.

Diana Durán engade que “o fin último destas axudas é favorecer a integración sociocultural e garantir as necesidades básicas destas unidades familiares no eido da educación. Para este equipo de goberno é unha prioridade o traballo coas familias”.

A concelleira de Servizos Sociais lembrou que “o Concello tamén custea os comedores escolares e as actividades extraescolares polas tardes para tentar facilitar a conciliación da vida laboral e familiar no noso municipio. Xa podo adiantar que nos orzamentos do vindeiro ano, que están en proceso de elaboración, haberá unha partida económica destinada á adquisición de material escolar para as familias con menos recursos”. 

O alcalde, José Mª González Barcia, e Diana Durán reuníronse coas familias beneficiarias.