O Concello concede este ano 2.108,73 euros ás
19 familias que solicitaron axudas para a adquisición de material
escolar para o curso 2013/2014.
Segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán,
“todas as solicitudes presentadas cumpren cos requisitos establecidos a
tal efecto. No Concello tiñamos unha partida de 4.900 euros para
facerlle fronte a este gasto, aínda que as axudas solicitadas e
concedidas ascenden a 2.108,73 euros”.
A edil popular sinala que “o importe máximo das axudas era de 75
euros para educación infantil e de 60 euros para primaria e ESO e
estaban destinadas a alumnos/as empadroados/as en Burela cursen ou non
os seus estudios no noso municipio. Debían pertencer ás familias con
menos poder adquisitivo de Burela”.
Diana Durán engade que “o fin último destas axudas é favorecer a
integración sociocultural e garantir as necesidades básicas destas
unidades familiares no eido da educación. Para este equipo de goberno é
unha prioridade o traballo coas familias”.
A concelleira de Servizos Sociais lembrou que “o Concello tamén
custea os comedores escolares e as actividades extraescolares polas
tardes para tentar facilitar a conciliación da vida laboral e familiar
no noso municipio. Xa podo adiantar que nos orzamentos do vindeiro ano,
que están en proceso de elaboración, haberá unha partida económica
destinada á adquisición de material escolar para as familias con menos
recursos”.
O alcalde, José Mª González Barcia, e Diana Durán reuníronse coas familias beneficiarias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario