miércoles, 11 de diciembre de 2013

O ALCALDE DE BURELA PARTICIPA HOXE NO ENCONTRO COA DELEGACIÓN CABOERDIANA


 - O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza unha xuntanza na Fegamp con representantes de trinta concellos da comunidade

- O presidente da Asociación de Municipios do arquipélago, unha alcaldesa e un xornalista percorren o país no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde


O Alcade de Burela, Chema Barcia, participa no día de hoxe en Santiago de Compostela no encontro coa delegación caboverdiana que visitiou Burela o pasado luns e organizado polo "Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade", entidade da que é socio o Concello de Burela. Representantes duns trinta municipios confirmaron a súa presenza na xuntanza, que dará comezo ás 12.30 horas na sede da "Federación Galega de Municipios e Provincias" (Fegamp), unha vez rematada a recepción institucional e a rolda de prensa que comezarán ás 11.30 horas. O evento encádrase na Irmandade Galicia-Cabo Verde, que se materializa ao longo desta semana coa visita da misión africana para visibilizar os proxectos de desenvolvemento apoiados no arquipélago atlántico.


Poñer en valor a cooperación realizada polas administracións locais e provinciais a través do Fondo Galego durante os últimos once anos é o obxectivo do Encontro co Municipalismo Galego ‘O municipalismo en Cabo Verde: realidade e desafíos’. Ao tempo, porase de manifesto que a cooperación internacional abre tamén oportunidades para a economía, a cultura, etc. nomeadamente nos países lusófonos. Búscase asemade sensibilizar sobre as desigualdades entre o Norte e do Sur, nun exercicio de transparencia e intercambio. 


A comitiva africana está encabezada por Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e alcalde da Ribeira Grande, localidade da que maioritariamente procede a comunidade caboverdiana asentada na Mariña lucense. A misión complétase con Rosa Lopes, presidenta da Cámara Municipal de Porto Novo e única alcaldesa entre os 23 municipios de Cabo Verde, e Vlademiro Almeida, redactor do xornal ‘Expresso das Ilhas’. 


Tras o acto na Fegamp, continuarán logo o seu percorrido cunha recepción na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, ás 14.30 horas. Xa pola tarde, realizarán unha visita institucional ao Concello de Cambre ás 17.30 horas, onde tamén coñecerán o museo romano e a igrexa da vila. O xoves viaxarán ao Concello de Vigo e o venres a Redondela e Allariz. Nos días anteriores xa pasaron polos concellos de Burela e Oleiros e mais as deputacións de Lugo e A Coruña.



33 proxectos no arquipélago

O Fondo Galego iniciou a cooperación bilateral coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos no ano 2002 e desde entón ten impulsado 33 proxectos de cooperación internacional  centrados en áreas como a habitabilidade, o xénero, a saúde e a educación, principalmente nas illas de Santiago, Santo Antão e Maio, mais tamén con presenza nas illas de Fogo, São Vicente e Brava. Promovéronse asemade once asistencias técnicas vinculadas ao programa de voluntariado internacional "Vacacións con Traballo", un seminario sobre políticas de xénero, a realización de varios documentos audiovisuais e distintas misións  político-institucionais  tanto en Cabo Verde como en Galicia.



O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.


No hay comentarios:

Publicar un comentario