viernes, 26 de julio de 2013

O PLENO APROBOU INICIALMENTE A ORDENANZA REGULADORA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR E A TAXA CORRESPONDENTE


O Pleno aprobou inicialmente só cos votos do equipo de goberno a ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar e a ordenanza fiscal reguladora da taxa de prestación do devandito servizo. A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, non entende a actitude dos partidos da oposición, “porque é obrigatorio adaptar a normativa nesta materia”. 


A edil popular explicou que “coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e nos criterios de participación económica das persoas usuarias deste servizo, o Concello regula os requisitos e condicións da prestación do SAF a través da presente ordenanza”. Durán subliñou que “a súa non adaptación supón a inaccesibilidade á subvención coñecida coma Plan Concertado, que é a principal fonte de financiamento dos servizos sociais municipais. Do gasto total destinado ao SAF durante o 2012 (193.800 euros) a Xunta aportou 150.000 euros. Está claro que non podemos renunciar a dita subvención”. A concelleira de Servizos Sociais acusa aos partidos de oposición de poñer zancadillas á labor do equipo de goberno e non entende a súa actitude. 


Diana Durán indicou que “a ordenanza reguladora do SAF recolle varios protocolos de actuación para diversos supostos e 17 anexos nos que aparecen os básicos como solicitude do SAF, proxecto de intervención, modelo de acordo, informe social e médico e tamén outros moitos, co fin de que sempre quede constancia dos cambios propostos polas persoas beneficiarias, así como das respostas a eses cambios a través dos correspondentes informes municipais”.


No caso da ordenanza fiscal reguladora do servizo de axuda no fogar de Burela “esta ten como obxecto acordar baseándonos na normativa vixente, o establecemento do prezo público pola prestación do servizo. A súa non adaptación tamén supón a inaccesibilidade ao Plan Concertado”. A concelleira de Servizos Sociais informou ao pleno que “no proceso de adaptación da ordenanza fiscal do SAF do Concello de Burela ao Decreto 99/2012 un dos apartados a modificar é a participación no financiamento do servizo destinado ás persoas dependentes valoradas e ás persoas usuarias da modalidade de libre concurrencia. Respectando sempre os ratios máximos e mínimos establécese unha regulación progresiva de participación, caracterizada por presentar máis intervalos na capacidade económica das persoas beneficiarias do servizo e, polo tanto, máis porcentaxes na participación no custe do SAF, cumprindo co principio de equidade. Así evitaremos cargas excesivas coa clara finalidade de favorecer ao máximo posible a todas as persoas usuarias do servizo e, polo tanto, a aquelas que presentan as rendas máis baixas. De feito hai usuarios que quedan exentos do copagamento”. 

Diana Durán manifestou “a táboa presentada polo equipo de goberno está realizada en base ao decreto e a casos prácticos, xa que se empregou a capacidade económica de cada persoa beneficiaria do Saf de libre concurrencia, para coñecer en qué medida lles afectaría. O estudo está baseado na realidade social de Burela, podería presentarse en 4 intervalos e recadar o máximo para as arcas municipais, pero desglosóuse en 8 intervalos, ademais doutro para casos exentos de copagamento, co fin de que os veciños de Burela resulten o máis beneficiados posible, dentro do marco legal”. 

O equipo de goberno considerou oportuno “non modificar o prezo público deste servizo con afán recadatorio, senón exclusivamente para o mantemento do mesmo e favorecer así a todas as veciñas e a todos os veciños de Burela. Non debemos esquecer que o servizo a parte do copagamento das persoas usuarias, ten outras fontes de financiamento, provintes doutas administracións a través das correspondentes solicitudes realizadas para o efecto en tempo e forma”.

O CONCELLO RECIBE UNHA SUBVENCIÓN DA XUNTA DE MÁIS DE 14.500 EUROS PARA O SEU PROGRAMA DE PREVENCIÓN DO ABSENTISMO ESCOLAR. DIANA DURÁN AMÓSASE SATISFEITA POR ELO E TAMÉN POLO TRABALLO REALIZADO COS RAPACES E RAPAZAS DURANTE TODO O ANO



A Concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, amósase satisfeita tras coñecer que a Xunta de Galicia lle acaba de conceder ao Concello de Burela máis de 14.500 euros para o seu Programa de Prevención do Absentismo Escolar. Segundo subliña a edil popular “trátase do 80% do custe total do proxecto que se sitúa nos 18.000 euros, pero é a totalidade do que solicitamos, é dicir concedéronnos o 100% da subvención pedida para este fin”.

A subvención vai destinada a: orientación e asesoramento aos rapaces (4.520 euros); participación no protocolo de absentismo (260 euros); obradoiro de técnicas de estudio (753 euros); obradoiro de pais e nais (350 euros); orientación e asesoramento ás familias (6.781 euros) e coordinación entre os axentes sociais (1.970 euros). 

Diana Durán dixo que “estamos moi contentos de poder contar con esta subvención para levar adiante durante todo o ano o noso Programa de Prevención do Absentismo Escolar. Hai algunha actividade que realizamos durante o verán, pero a maioría desenrólanse durante todo o curso”.

O pasado 8 de xullo daba comezo a Escola de Pais e Nais, “un taller no que se tratan temas como as funcións parenterais, a prevención do fracaso escolar e o abandono prematuro da escola, as causas e consecuencias do absentismo escolar, estratexias de motivación para o estudio, etcétera”, dixo a concelleira de Servizos Sociais. Esta escola que se estivo a celebrar os luns de xullo de 12 a 14 horas na Casa do Concello, seguirá o vindeiro 29 de xullo e tamén o 5 de agosto.  

Durán lembrou que “en setembro, o protagonista será un obradoiro de técnicas de estudo, aprendizaxe e motivación dirixido sobre todo a rapazas e rapaces estudantes de ESO e PCPI ou que estean preparando algunha proba para a obtención do título en ESO, probas de acceso ou exames de recuperación. Realizarase do 2 ao 6 de setembro en horario de 12 a 14 horas na Casa do Concello”.

Os mozos, mozas e pais que precisen máis información poderán chamar ás Oficinas de Información do Concello ao teléfono 982 58 60 00 e preguntar por Noelia Legaspi, a educadora familiar.

lunes, 15 de julio de 2013

O ALCALDE DE BURELA E A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS, MULLER, IGUALDADE E SANIDADE AGRADECEN Á SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE A "ESPECIAL SENSIBILIDADE COAS DEMANDAS QUE LLE CHEGAN DENDE O CONCELLO"


abella en burela
O Alcalde, José Mª González Barcia, e a Concelleira, Diana Durán, agradecen a visita cursada a Burela pola Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, que mantivo un encontro con colectivos de mulleres para explicarlles o PROGRAMA EMEGA da Xunta de Galicia.

O rexedor dixo que “Susana López Abella veu explicar as características e as liñas xerais de actuación do Programa Emega aos colectivos de mulleres que hai aquí en Burela e tamén ás mulleres que figuran na nosa bolsa de emprego. Trátase do plan que puxo en marcha a Xunta para aquelas mulleres emprendedoras que queiran arrincar con algún negocio de xeito autónomo. O que se pretende é buscar fórmulas que palíen o paro que vive o sector feminino, é dicir, buscar fórmulas para a inserción laboral da muller mediante o auto emprego ou actividades semellantes”. 


Para González Barcia e Durán “é unha satisfacción que Susana López Abella teña elixido Burela para explicar as condicións do Plan Emega, tendo en conta que somos un concello cun importante tecido socioeconómico e tendo en conta tamén que a Secretaria Xeral de Igualdade ten especial sensibilidade co noso Concello. Ela, na medida das súas posibilidades, atende sempre as peticións que lle formulamos dende aquí, desde a Área de Muller e Igualdade. O ano pasado o Centro de Información á Muller tivo unha axuda por parte da súa Secretaría Xeral do 98% do importe total que se podía subvencionar. Nós pedimos 45.000 euros e nos deron 44.100 euros e iso é unha cifra importante para nosoutros”. 


Ao alcalde burelés tamén lle parece positivo que visite o centro San Aníbal, “porque dito centro é un exemplo do que debe ser a contribución das institucións non políticas nin administrativas en materia de servizos sociais. Si o Orde do Divino Celo se tivera que marchar de Burela teríamos un serio problema en canto á prestación de servizos sociais porque o traballo que elas están a facer o Concello non o podería abordar. Agradecemento dobre a Susana López Abella por vir a Burela e a esta congregación relixiosa por la aportación que están a facer tan importante en materia de servizos sociais para Burela e para toda a comarca”.

lunes, 8 de julio de 2013

A CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS INCREMENTA AS ACTIVIDADES RELACIONADAS CO SEU PROGRAMA DE PREVENCIÓN DO ABSENTISMO ESCOLAR. HOXE LUNS DARÁ COMEZO UNHA ESCOLA DE NAIS E PAIS



A Concellería de Servizos Sociais incrementa as actividades relacionadas co seu Programa de Prevención do Absentismo Escolar. Hoxe luns, 8 de xullo, dará comezo unha Escola de nais e pais. 

O programa de educación familiar da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade leva a cabo durante todo o ano o Programa de Prevención do Fracaso e do Absentismo Escolar que conta con varias actividades como son: 
 
-a orientación e o asesoramento a familias e rapaces e rapazas durante todo o ano,
-a coordinación cos centros educativos e outros axentes sociais e de emprego e a participación no protocolo do absentismo escolar desenvolto pola Consellería de Educación, a Deputación de Lugo e algúns Concellos de Lugo.

“Debido ao grande éxito que están tendo estas iniciativas no equipo do goberno decidimos crear outras tanto para a época estival como para a época dos exames de recuperación en setembro”, explica a edil Diana Durán. 

A actividade do verán será a Escola de Nais e Pais, “un taller no que se tratarán temas como as funcións parenterais, a prevención do fracaso escolar e do abandono prematuro da escola, as causas e consecuencias do absentismo escolar, estratexias de motivación para o estudio, etcétera”, dixo a concelleira de Servizos Sociais.  Esta escola levarase a cabo os días 8,15, 22 e 29 de xullo e 5 de agosto en horario de 12 a 14 horas na Casa do Concello.

E en setembro, o protagonista será un Obradoiro de Técnicas de Estudo, aprendizaxe e motivación dirixido sobre todo a rapazas e rapaces estudantes de ESO e PCPI ou que estean preparando algunha proba para a obtención do título en ESO, probas de acceso ou exames de recuperación. Realizarase do 2 ao 6 de setembro en horario de 12 a 14 horas na Casa do Concello.

Os mozos, mozas e nais/pais que precisen máis información poderán chamar ás Oficinas de Información do Concello ao teléfono 982 58 60 00 e preguntar por Noelia Legaspi, a educadora familiar.

O PRAZO PARA SOLICITAR AS VACACIÓNS DE IMSERSO PERMANECERÁ ABERTO ATA O 12 DE XULLO. AS PERSOAS INTERESADAS DEBERÁN DIRIXIRSE AOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS, SITOS NA CASA DO CONCELLO, EN HORARIO DE LUNS A VENRES DE 8 A 15 HORAS



O prazo para solicitar as vacacións do IMSERSO permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de xullo, segundo informa a Concellería de Servizos Sociais.  
 
Os requisitos que debe reunir os/as interesados/as en participar neste programa son: 

-ter como mínimo de 65 anos cumpridos
-ser pensionistas de xubilación do Sistema Público de Pensións
-ser pensionista de viudedade con idade igual ou superior aos 55 anos ou ser pensionista de invalidez doutras pensións ou prexubilados e ter en todos estes casos os 60 anos cumpridos

Aínda así, a concelleira Diana Durán  aclarou que “estes requisitos de idade e pensión non serán precisos para o/a cónxuxe que viaxe co/a solicitante. Tamén se admitirá como acompañante a un fillo ou filla con discapacidade, que teña un grao de minusvalía igual ou superior ó 45%, sempre que realice o viaxe cos seus pais”.

Para máis información ou para realizar o trámite, ”as persoas interesadas deberán dirixirse ós Servizos Sociais Municipais, sitos na Casa do Concello, en horario de 8 a 12 horas de luns a venres”.