jueves, 28 de agosto de 2014

CONCENTRACIÓN SILENCIOSA EN BURELA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA


OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Na mañá deste martes tivo lugar unha concentración silenciosa ás portas do Concello de Burela para amosar a repulsa dos veciños e das veciñas do municipio contra a violencia machista, que onte se cobraba unha nova víctima mortal en Barro (Pontevedra). O acto foi convocado pola asociación Mulleres en Igualdade e polo Concello e nel participaron representantes dese colectivo así coma o alcalde, José Mª González Barcia, e as concelleiras Mónica Pedre, Patricia López Eijo e Diana Durán (Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade).

miércoles, 27 de agosto de 2014

O CIM DE BURELA TRAMITA AS SOLICITUDES DO TALLER FORMATIVO SOBRE SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

O Instituto da Muller, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e a Escola Galega de Administración Pública, organizan un Taller de Formación en materia de Sociedade da Información dirixido a mulleres que conten con estudos superiores e se atopen actualmente en situación de desemprego. 
 
O curso terá unha duración de 40 horas e levarase a cabo entre o 22 e o 26 de setembro en Santiago de Compostela. As veciñas burelesas interesadas en acudir poden tramitar xa as súas solicitudes no CENTRO DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES do Concello de Burela (CIM) a través da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade. 
 
Diana Durán, concelleira de Servizos Sociais en Burela, aclarou que “neste curso poderán participar todas as mulleres que conten con estudos de nivel de diplomatura, licenciatura ou equivalente, FPII e coñecementos de informática, a nivel de usuario/a. Tamén deberá tratarse de mulleres que actualmente se encontren en situación de desemprego”. 

Dende o CIM de Burela informan de que este curso contará cunha duración de 40 horas, distribuídas en horario de 8:30 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas o 22 e 23 de setembro, de 08:30 a 14:30 e de 16:30 A 19:30 o 24 e de 08:30 a 14:30 o 25 e 26 dese mesmo mes.

O curso levarase a cabo nas dependencias que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ten en Santiago de Compostela. A solicitude de inscrición pode facerse xa no correo electrónico promocion.igualdade@xunta.es ou a través do CIM de Burela. As interesadas deberán indicar nestas solicitudes os seus datos persoais, a través dun formulario que se oferta tanto en galego coma en castelán. Tamén terán que acompañar unha copia do seu currículo actualizado. O criterio de selección será por estrito orde de inscrición.

lunes, 25 de agosto de 2014

O CONCELLO DE BURELA TRAMITA AXUDAS PARA O PAGO DA FACTURA ELÉCTRICA A TRAVÉS DO TICKET ELÉCTRICO SOCIAL

O Concello tramita as axudas para o pago de parte da factura eléctrica a través do ticket eléctrico social, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia do pasado 4 de agosto. As persoas interesadas poden dirixirse ao departamento dos Servizos Sociais Municipais ata o 4 de novembro.

Segundo explica a concelleira Diana Durán poderán beneficiarse “todas aquelas familias nas que convivan fillos/as menores de 18 anos, e nas cales, a suma dos ingresos totais da unidade de convivencia durante o ano 2013 non superen o IPREM”.

Os requisitos para poder presentar as solicitudes de axudas son os seguintes: ser residente da Comunidade Autónoma de Galicia, ter fillos/as menores a cargo, estar aboando a correspondente factura de enerxía eléctrica a unha comercializadora, non superar os límites de renda establecidos e non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións.

A documentación a entregar polas persoas interesadas consistirá na presentación electrónica da solicitude de axuda, xunto a unha copia dixitalizada do DNI en vigor da persoa que realiza o trámite, así coma do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia. Ademais, os/as solicitantes terán que achegar unha autorización dos Servizos Sociais Municipais para a presentación electrónica da solicitude e da documentación, unha declaración de que os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2013 non superaron o IPREM, un informe de valoración da situación emitido polos Servizos Sociais Comunitarios Básicos Municipais, unha copia dixitalizada do libro de familia, un certificado de empadroamento do/a solicitante acreditando os seis primeiros meses do 2014, unha copia do título de familia numerosa se fose o caso, un certificado de convivencia e as facturas emitidas no 2014 en concepto de subministro eléctrico da vivenda xunto aos xustificantes de pagamento. No caso de arrendamento, cando o/a arrendatario/a se faga cargo dos gastos de electricidade, achegarase contrato de arrendamento. 

Dende a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela recordan que o prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 4 de novembro. As persoas interesadas deberán dirixirse aos Servizos Sociais Municipais, sitos na Casa do Concello de luns a venres en horario de 08.00 a 15.00 horas.

DÍA DE PERÚ EN BURELA

280714 Foto festa PerúA concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Diana Durán, participou o sábado 26 de xullo nos actos do "193 Aniversario da Independencia de Perú", que organizou a comunidade asentada en Burela. 

Segundo explicou a edil popular “trátase dun día moi especial para os peruanos e peruanas que viven no noso pobo, polo que se reúnen e celebran a xornada con bailes tradicionais, un mundialito de fútbol e un xantar de fraternidade no que degustan produtos típicos do seu país e tamén de Burela, como símbolo de unión de ambos pobos”. 

Diana Durán engadiu que “por iso desde o Concello quixemos celebrar xunto a este conxunto de veciños e veciñas esta festividade tan importante para estas persoas”. Os actos foron organizados pola "Asociación Raíces Peruanas" en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela.

viernes, 22 de agosto de 2014

MEDIO CENTO DE ALUMNOS E ALUMNAS DA ESCOLA DE COLUMNA E DE XIMNASIA PREVENTIVA DE BURELA PARTICIPARON NO PROGRAMA "TURISMO DE SAÚDE" DA CONCELLARÍA DE SERVIZOS SOCIAIS E SANIDADE

Dentro do Programa Turismo de Saúde da Concellaría de Servizos Sociais e Sanidade neste mes de agosto foi organizada unha andaina polo porto e por outros lugares de interese de Burela ata chegar ao Cantiño. Segundo explica Diana Durán “trátase de realizar unha xornada de exercicio ao aire libre. Arredor de 50 persoas da escola de columna e da ximnasia preventiva acudiron a esta cita”. 
 
As persoas participantes xantaron xuntas no Cantiño “no que foi a súa comida de fin de curso, co fin de gozar dunha xornada ao aire libre facendo tamén exercicio”, engadiu a concelleira de Servizos Sociais e Sanidade. 

E, tamén en agosto, partiron cara Xixón “para disfrutar dun día de talasoterapia, onde participaron nun circuíto termal de tres horas de duración. A mediodía disfrutaron dun xantar tradicional asturiano nun lagar da cidade. Despois da comida realizaron unha visita guiada ao Lagar da Sidra e visitaron tamén as termas romanas de Xixón. Agardamos que pasarann un día moi agradable por terras asturianas, servindo como colofón de fin de curso”, dixo Diana Durán, quen anima ás persoas veciñas de Burela a seguir participando en todo este abano de programas sociais que se oferta dende a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade".

O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL DE BURELA XA ESTÁ NO CONCELLO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA No Concello está xa o proxecto de construción da nova escola infantil de Burela e a solicitude de concesión da correspondente licenza de obra. A instalación terá 41 prazas, estará situada nun solar de 2.200 metros cadrados e ocupará unha superficie de 400 metros cadrados. O pasado 28 de xullo tivo lugar a sinatura da acta de ocupación cos donos do solar e ao día seguinte houbo unha sesión extraordinaria da xunta de goberno local para concederlle a licenza de obra. O alcalde, José Mª González Barcia, amósase moi satisfeito de ir cumprindo pouco a pouco cos compromisos sociais adquiridos con Burela.

O rexedor explicou que “o pasado mes chegou ao Concello o proxecto de obra da que será a segunda escola infantil de Burela. Como se sabe, isto era un proxecto que nós tiñamos en mente desde que chegamos ao goberno municipal, comprometémonos no seu día a que Burela ía contar cunha nova escola infantil e pouco a pouco imos pechando ese círculo e cumprindo ese compromiso adquirido”.

Neste senso, a edil popular, Diana Durán explica que “a nova escola infantil terá, como se sabe, 41 prazas. Estará situada nun solar de 2.200 metros cadrados e a superficie que ocupará este equipamento será practicamente de 400 metros cadrados. O edificio ten unha única planta, na que hai un porche de 92 metros cadrados, ten tamén un semisótano de 35,15 metros cadrados e ao seu carón haberá un porche cuberto de 62,67 metros cadrados. Contará con tres aulas: unha para nen@s de 0 a 1 anos, outra para nen@s de 1 a 2 anos e outra para nen@s de 2 a 3 anos. Tamén disporá dunha aula de carácter mixto, dunha sala de usos múltiples de 54 metros cadrados metros cadrados, de comedor, de sala de aseo, de cociña, de despensa, de lavandería e demais dependencias obrigatorias segundo a lexislación vixente dentro dunha instalación coma esta”.

O alcalde subliñou que “o pasado 28 de xullo procedeuse a asinar a acta de ocupación cos donos, ata o momento, do solar onde se ubicará a nova escola infantil. E o día 29 de xullo celebramos unha sesión extraordinaria da xunta de goberno local para concederlle a licenza de obra ao Consorcio de Servizos Sociais, xa que xunto co proxecto a administración autonómica ven de remitir a solicitude de concesión de licenza de obra. O Concello a finais de xullo comunicoulle á Xunta de Galicia todas estas cuestións de carácter administrativo para que a administración autonómica poña en marcha a construción desta segunda escola infantil de Burela”.

Diana Durán, Concelleira de Servizos Sociais, indicou que “nós asumimos no seu día dotar a Burela dunha nova escola infantil. A actual está ao tope de ocupación, ten 120 prazas e todas estas cubertas. Ademais hai lista de agarda, que este ano é, por agora, de 21 nen@s. Hai pais e nais que non pre matriculan aos seus fillos e fillas na escola infantil de Burela porque saben que poden quedar fóra e evitan esa posibilidade”. Durán subliñou que “a poboación de Burela segue a medrar, Burela segue a ser un dos Concellos coa media de idade máis baixa e ao seguir medrando é lóxico que o equipo de goberno pense en ampliar os servizos xa existentes. A ninguén se lle escapa tampouco a conciliación da vida familiar e laboral, cunha nova gardería 41 familias poderán deixar aos seus fillos e fillas nunha escola infantil pública, e poderán traballar e conciliar a vida laboral e familiar. Deste xeito asentamos poboación en Burela, os/as cidadáns buscamos para vivir aqueles sitios onde máis comodidades e máis servizos podemos ter”.

González Barcia engadiu que “con este novo servizo Burela converterase nun dos poucos concellos que conta con dúas escolas infantís públicas, dependentes da Xunta. E ao mesmo tempo que asentamos poboación xeramos postos de traballo, e xeramos postos de traballo con esta nova escola infantil durante a súa construción, que durará uns 7 ou 8 meses, e despois da súa posta en funcionamento porque terá que haber persoal cualificado para atender a eses 41 nenos e nenas que van usar a nova escola infantil do noso concello”.

O Alcalde de Burela e a Concelleira de Servizos Sociais agardan e confían en que durante o mes de setembro poidan dar comezo as obras. 

González Barcia indica que “e así deste xeito que a xente vexa cos seus propios ollos que aquelo que prometimos no seu día non era unha promesa electoral, non era un acto máis de campaña, senón un compromiso serio e rigoroso adquirido con Burela e que o estamos a cumprir. Nós sabemos como se fan as escolas infantís, porque cando gobernamos na etapa anterior fixemos a primeira fase da actual gardería e tamén a segunda fase desa instalación, que me tocou rematar a min. Cando estivemos na oposición pedímoslle ao bipartito burelés reiteradamente que puxera a disposición da Xunta un solar para facer unha escola infantil como Deus manda. O bipartito, co seu alcalde á cabeza, negouse e optaron por non facer xestións para dotar a Burela dun servizo que é fundamental e que estamos completamente seguros de que os cidadáns de Burela van agradecer”.