lunes, 25 de agosto de 2014

O CONCELLO DE BURELA TRAMITA AXUDAS PARA O PAGO DA FACTURA ELÉCTRICA A TRAVÉS DO TICKET ELÉCTRICO SOCIAL

O Concello tramita as axudas para o pago de parte da factura eléctrica a través do ticket eléctrico social, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia do pasado 4 de agosto. As persoas interesadas poden dirixirse ao departamento dos Servizos Sociais Municipais ata o 4 de novembro.

Segundo explica a concelleira Diana Durán poderán beneficiarse “todas aquelas familias nas que convivan fillos/as menores de 18 anos, e nas cales, a suma dos ingresos totais da unidade de convivencia durante o ano 2013 non superen o IPREM”.

Os requisitos para poder presentar as solicitudes de axudas son os seguintes: ser residente da Comunidade Autónoma de Galicia, ter fillos/as menores a cargo, estar aboando a correspondente factura de enerxía eléctrica a unha comercializadora, non superar os límites de renda establecidos e non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións.

A documentación a entregar polas persoas interesadas consistirá na presentación electrónica da solicitude de axuda, xunto a unha copia dixitalizada do DNI en vigor da persoa que realiza o trámite, así coma do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia. Ademais, os/as solicitantes terán que achegar unha autorización dos Servizos Sociais Municipais para a presentación electrónica da solicitude e da documentación, unha declaración de que os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2013 non superaron o IPREM, un informe de valoración da situación emitido polos Servizos Sociais Comunitarios Básicos Municipais, unha copia dixitalizada do libro de familia, un certificado de empadroamento do/a solicitante acreditando os seis primeiros meses do 2014, unha copia do título de familia numerosa se fose o caso, un certificado de convivencia e as facturas emitidas no 2014 en concepto de subministro eléctrico da vivenda xunto aos xustificantes de pagamento. No caso de arrendamento, cando o/a arrendatario/a se faga cargo dos gastos de electricidade, achegarase contrato de arrendamento. 

Dende a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela recordan que o prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 4 de novembro. As persoas interesadas deberán dirixirse aos Servizos Sociais Municipais, sitos na Casa do Concello de luns a venres en horario de 08.00 a 15.00 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario