viernes, 22 de agosto de 2014

O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL DE BURELA XA ESTÁ NO CONCELLO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA No Concello está xa o proxecto de construción da nova escola infantil de Burela e a solicitude de concesión da correspondente licenza de obra. A instalación terá 41 prazas, estará situada nun solar de 2.200 metros cadrados e ocupará unha superficie de 400 metros cadrados. O pasado 28 de xullo tivo lugar a sinatura da acta de ocupación cos donos do solar e ao día seguinte houbo unha sesión extraordinaria da xunta de goberno local para concederlle a licenza de obra. O alcalde, José Mª González Barcia, amósase moi satisfeito de ir cumprindo pouco a pouco cos compromisos sociais adquiridos con Burela.

O rexedor explicou que “o pasado mes chegou ao Concello o proxecto de obra da que será a segunda escola infantil de Burela. Como se sabe, isto era un proxecto que nós tiñamos en mente desde que chegamos ao goberno municipal, comprometémonos no seu día a que Burela ía contar cunha nova escola infantil e pouco a pouco imos pechando ese círculo e cumprindo ese compromiso adquirido”.

Neste senso, a edil popular, Diana Durán explica que “a nova escola infantil terá, como se sabe, 41 prazas. Estará situada nun solar de 2.200 metros cadrados e a superficie que ocupará este equipamento será practicamente de 400 metros cadrados. O edificio ten unha única planta, na que hai un porche de 92 metros cadrados, ten tamén un semisótano de 35,15 metros cadrados e ao seu carón haberá un porche cuberto de 62,67 metros cadrados. Contará con tres aulas: unha para nen@s de 0 a 1 anos, outra para nen@s de 1 a 2 anos e outra para nen@s de 2 a 3 anos. Tamén disporá dunha aula de carácter mixto, dunha sala de usos múltiples de 54 metros cadrados metros cadrados, de comedor, de sala de aseo, de cociña, de despensa, de lavandería e demais dependencias obrigatorias segundo a lexislación vixente dentro dunha instalación coma esta”.

O alcalde subliñou que “o pasado 28 de xullo procedeuse a asinar a acta de ocupación cos donos, ata o momento, do solar onde se ubicará a nova escola infantil. E o día 29 de xullo celebramos unha sesión extraordinaria da xunta de goberno local para concederlle a licenza de obra ao Consorcio de Servizos Sociais, xa que xunto co proxecto a administración autonómica ven de remitir a solicitude de concesión de licenza de obra. O Concello a finais de xullo comunicoulle á Xunta de Galicia todas estas cuestións de carácter administrativo para que a administración autonómica poña en marcha a construción desta segunda escola infantil de Burela”.

Diana Durán, Concelleira de Servizos Sociais, indicou que “nós asumimos no seu día dotar a Burela dunha nova escola infantil. A actual está ao tope de ocupación, ten 120 prazas e todas estas cubertas. Ademais hai lista de agarda, que este ano é, por agora, de 21 nen@s. Hai pais e nais que non pre matriculan aos seus fillos e fillas na escola infantil de Burela porque saben que poden quedar fóra e evitan esa posibilidade”. Durán subliñou que “a poboación de Burela segue a medrar, Burela segue a ser un dos Concellos coa media de idade máis baixa e ao seguir medrando é lóxico que o equipo de goberno pense en ampliar os servizos xa existentes. A ninguén se lle escapa tampouco a conciliación da vida familiar e laboral, cunha nova gardería 41 familias poderán deixar aos seus fillos e fillas nunha escola infantil pública, e poderán traballar e conciliar a vida laboral e familiar. Deste xeito asentamos poboación en Burela, os/as cidadáns buscamos para vivir aqueles sitios onde máis comodidades e máis servizos podemos ter”.

González Barcia engadiu que “con este novo servizo Burela converterase nun dos poucos concellos que conta con dúas escolas infantís públicas, dependentes da Xunta. E ao mesmo tempo que asentamos poboación xeramos postos de traballo, e xeramos postos de traballo con esta nova escola infantil durante a súa construción, que durará uns 7 ou 8 meses, e despois da súa posta en funcionamento porque terá que haber persoal cualificado para atender a eses 41 nenos e nenas que van usar a nova escola infantil do noso concello”.

O Alcalde de Burela e a Concelleira de Servizos Sociais agardan e confían en que durante o mes de setembro poidan dar comezo as obras. 

González Barcia indica que “e así deste xeito que a xente vexa cos seus propios ollos que aquelo que prometimos no seu día non era unha promesa electoral, non era un acto máis de campaña, senón un compromiso serio e rigoroso adquirido con Burela e que o estamos a cumprir. Nós sabemos como se fan as escolas infantís, porque cando gobernamos na etapa anterior fixemos a primeira fase da actual gardería e tamén a segunda fase desa instalación, que me tocou rematar a min. Cando estivemos na oposición pedímoslle ao bipartito burelés reiteradamente que puxera a disposición da Xunta un solar para facer unha escola infantil como Deus manda. O bipartito, co seu alcalde á cabeza, negouse e optaron por non facer xestións para dotar a Burela dun servizo que é fundamental e que estamos completamente seguros de que os cidadáns de Burela van agradecer”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario