miércoles, 27 de agosto de 2014

O CIM DE BURELA TRAMITA AS SOLICITUDES DO TALLER FORMATIVO SOBRE SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

O Instituto da Muller, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e a Escola Galega de Administración Pública, organizan un Taller de Formación en materia de Sociedade da Información dirixido a mulleres que conten con estudos superiores e se atopen actualmente en situación de desemprego. 
 
O curso terá unha duración de 40 horas e levarase a cabo entre o 22 e o 26 de setembro en Santiago de Compostela. As veciñas burelesas interesadas en acudir poden tramitar xa as súas solicitudes no CENTRO DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES do Concello de Burela (CIM) a través da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade. 
 
Diana Durán, concelleira de Servizos Sociais en Burela, aclarou que “neste curso poderán participar todas as mulleres que conten con estudos de nivel de diplomatura, licenciatura ou equivalente, FPII e coñecementos de informática, a nivel de usuario/a. Tamén deberá tratarse de mulleres que actualmente se encontren en situación de desemprego”. 

Dende o CIM de Burela informan de que este curso contará cunha duración de 40 horas, distribuídas en horario de 8:30 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas o 22 e 23 de setembro, de 08:30 a 14:30 e de 16:30 A 19:30 o 24 e de 08:30 a 14:30 o 25 e 26 dese mesmo mes.

O curso levarase a cabo nas dependencias que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ten en Santiago de Compostela. A solicitude de inscrición pode facerse xa no correo electrónico promocion.igualdade@xunta.es ou a través do CIM de Burela. As interesadas deberán indicar nestas solicitudes os seus datos persoais, a través dun formulario que se oferta tanto en galego coma en castelán. Tamén terán que acompañar unha copia do seu currículo actualizado. O criterio de selección será por estrito orde de inscrición.

No hay comentarios:

Publicar un comentario