miércoles, 11 de diciembre de 2013

BURELA, ESCENARIO O PASADO LUNS DE DIVERSOS ACTOS DA IRMANDADE GALICIA-CABO VERDE

091213 Foto visita Cabo Verde

Burela acolleu o pasado luns diversos actos da Irmandade Galicia-Cabo Verde. O alcalde, José Mª González Barcia, subliñou o significado que ten para o concello acoller esta celebración “que recoñece o traballo feito tanto pola comunidade caboverdiana asentada en Burela como pola acollida que este pobo lles deu a estes inmigrantes”.

O rexedor explicou que “o luns tiveron lugar aquí, en Burela, distintos actos que se enmarcan dentro das actividades de irmandade entre a comunidade autónoma galega e a República de Cabo Verde. Para nosoutros é moi significativo e ademais estamos orgullosos pola elección de Burela como sede dos actos que hoxe se celebran na comunidade autónoma galega, que se fan aquí, porque sen dúbida ningunha veñen a recoñecer o traballo feito tanto pola comunidade caboverdiana asentada en Burela desde mediados dos anos 70 do século pasado e que hoxe son a comunidade de inmigrantes máis importante que temos e, por outra parte, a acollida que o pobo de Burela lles deu a estes inmigrantes que hoxe forman parte moi activa da nosa sociedade”.
Diana Durán, Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade manifestou que “valoramos de forma importante a celebración destes actos polo que teñen de continuación na sensibilización sobre o cooperativismo e sobre o municipalismo. Aquí hai dous factores, por un lado a colaboración entre países, entre pobos, entre sociedades de distintas etnias. Nós si por algo nos caracterizamos é por que Burela sempre acolleu cos brazos abertos a calquera persoa chegada doutras terras. E no caso concreto da poboación de orixe caboverdiana eu creo que é máis que patente a capacidade de integración que houbo entre as dúas sociedades: a nosa e a caboverdiana. Por outro lado convén resaltar tamén, dentro deste marco de actuación do que é o cooperativismo, a capacidade que tivo Burela no seu momento de dar un paso máis cara a diante no sentido de irmandarse con Cabo Verde á hora de poder contribuír ao desenvolvemento daquel país, evidentemente dun xeito moi humilde, e á hora tamén de integrar máis e mellor á poboación caboverdiana aquí, en Burela”.

O alcalde de Burela considera que “non deberíamos pasar por alto a presenza que a comunidade autónoma galega tivo en Cabo Verde hai aproximadamente dous meses na celebración da feira pesqueira Expomar alí, en Cabo Verde, que contou coa presenza do Secretario Xeral de Pesca, Juan Maneiro, e da xerente da Fundación Expomar, Catalina Luengo, en representación da propia fundación como exemplo da implicación da Fundación Expomar e por extensión do Concello de Burela no desenvolvemento da República de Cabo Verde”.

En referencia ao reforzo do municipalismo González Barcia indicou que “hoxe contamos aquí con Rosa Lopes Rocha, que é a presidenta da Cámara Municipal de Portonovo, na illa de San Antonio, e dáse a circunstancia de que é a única muller alcaldesa que hai en Cabo Verde. Isto dálle máis realce a este acto porque vén representar o apoio que damos desde a comunidade autónoma galega á presenza da muller en postos de responsabilidade política e doutra orde en calquera país. Temos tamén a Manuel de Pina, que é o presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e presidente da Cámara Municipal de Ribeira Grande de Santiago, curiosamente a localidade do país de maior procedencia da comunidade caboverdiana asentada en España”.

O rexedor engadiu que “para nosoutros é un motivo de satisfacción poder contar con estes actos aquí, en Burela, e tamén hoxe mércores asistimos a un acto que se vai desenvolver en Santiago de Compostela, en concreto na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias, precisamente cos representantes caboverdianos tamén estará presente o Concello de Burela na miña persoa para contribuír neste camiño dunha maior sensibilización en canto ao cooperativismo, á solidariedade e tamén á relación entre responsables políticos de ámbito municipal tanto dun país, Cabo Verde, como da nosa comunidade autónoma, Galicia”.

Pola mañá houbo un contacontos intercultural na Casa da Cultura destinado ao alumnado de 5º e 6º de primaria dos colexios municipais e tamén unha visita institucional ao Concello por parte da delegación caboverdiana que estes días está en Galicia. Esta tarde, ás 17:30 horas, inaugurouse a exposición "Caboverdianos na Mariña" na Casa da Cultura. Está organizada polo Concello de Burela e pola Asociación Cultural Tabanka. E ás 18:00 horas tivo lugar un encontro coa comunidade caboverdiana na Casa do Concello. Alí estiveron tamén os grupos Batuko Tabanka e Rabentola, quenes nos deleitaron con sendas batukadas, dando paso, a continuación a un intercambio de pareceres e opinións sobre a inmigración entre os distintos alcaldes e os veciños e veciñas de Burela de orixe caboverdiana.














No hay comentarios:

Publicar un comentario