miércoles, 16 de octubre de 2013

O CONCELLO CONVOCA O III CONCURSO DE LEMAS E O VII DE MICRORRELATOS, CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN O 25 DE NOVEMBRO DO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES



O Concello convoca o III Concurso de Lemas e a VII edición do Concurso de Microrrelatos. Ambos certames realízanse con motivo da celebración o 25 de novembro do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. 

Segundo explica a concelleira de Muller e Igualdade, Diana Durán, “o obxectivo do concurso de lemas é transmitir a través de mensaxes curtas a importancia da educación en igualdade e da necesidade da eliminación da violencia contra as mulleres”. Poderán participar no III Concurso de Lemas todas as persoas empadroadas en Burela, que poderán enviar ata un máximo de 5 lemas á seguinte dirección de correo electrónico: cim@burela.org. No asunto debe figurar o nome do certame, o seu nome completo, o seu número de teléfono e tamén unha dirección de correo electrónico á que poida responder.

A edil popular subliña que “o lema debe constar de sete palabras como máximo e debe ser o suficientemente significativo e estar relacionado co tema proposto. Entre todos os enviados escollerase un, que será o que distinga a celebración do día internacional contra a violencia de xénero do vindeiro do 2014”.

O prazo de entrega de lemas rematará o 15 de novembro. O xurado pode declarar deserto o concurso. O lema gañador darase a coñecer nun acto público que terá lugar o 25 de novembro na Casa do Concello.

No VII Concurso de Microrrelatos poderán participar tamén todas as persoas empadroadas en Burela. Establécense dúas categorías: menores de 18 anos e desa idade en diante. A temática deberá axustarse á conmemoración do 25 de novembro. Diana Durán indicou que “os traballos teñen que presentarse en folios tamaño A4, cunha extensión máxima de media folla, con tipo de letra times new roman tamaño 12, en lingua galega segundo a normativa vixente e, no caso de ser posible, en soporte informático. Todos os traballos que se presenten serán inéditos e non presentados en anteriores concursos. Os orixinais quedarán en poder do CIM do Concello de Burela, que se reserva o dereito da súa publicación, exposición, doazón ou calquera outro tratamento posterior, sempre sen ánimo de lucro”.

Un xurado composto por persoas do mundo da cultura e das letras, do Concello e do CIM, decidirá cales son os dous traballos gañadores. O premio consistirá nun agasallo valorado en 75 euros para cada unha das categorías.

Os microrrelatos, asinados cun pseudónimo, deberán entregarse antes do 15 de novembro no CIM de Burela, na rúa Eijo Garay, 20. Deberán ir nun sobre ao que se adxuntará outro pechado no que figurarán os datos da persoa autora do microrrelato.

Ao igual que co concurso de lemas os premios daranse a coñecer no acto público que se celebrará o 25 de novembro. Desde a Concellería de Muller e Igualdade lembran que “a participación en ambos concursos supón a aceptación de todas as súas bases”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario