A concelleira de Servizos
Sociais, Diana Durán, considera que a construción da nova escola infantil
“vainos esixir un esforzo enorme ao equipo de goberno, pero entendemos que hai que buscar
todos os mecanismos para sacar este tema adiante e así o faremos”. O
lugar que baralla o equipo de goberno para a nova dotación é a zona de
Os Castros.
Diana Durán, como concelleira de Servizos Sociais, considera que “o
paso dado no día de onte coa firma do convenio supón poñer os alicerces,
aínda que sexa en formato papel, para o nova escola infantil de Burela.
Evidentemente, a situación actual non é precisamente a mellor a nivel
económico para o Concello. Vainos esixir un enorme esforzo, pero imos
facer todo o posible para que o desexo que todos temos dunha nova
infantil se faga realidade”.
A edil popular indicou que “no plan xeral de ordenación municipal hai
chan dotacional para facer esta segunda escola infantil. Nós
inclinámonos máis por levala cara a zona de Os Castros, nun ángulo que
formarían a avenida da Mariña coa vía do ferrocarril. Aí hai unha bolsa
de chan de aproximadamente 2.300 metros cadrados, que é onde entendemos
que se pode situar esta nova infraestrutura”.
Durán lembrou que “no seu momento o goberno bipartito de Burela
solicitaba a adaptación da Casa do Mar para unha gardería. Onte a propia
conselleira Beatriz Mato e os técnicos da Xunta, porque estaba presente
o xerente do Consorcio de Benestar, constataron que a Casa do Mar non
reúne as condicións para unha nova escola infantil, co cal todo o que no
seu día se manifestaba por parte do bipartito era fume. É máis: o
Partido Popular estando na oposición no seu momento presentou unha
moción na que instaba ao equipo de goberno bipartito de Burela a ofertar
á Xunta de Galicia unha parcela para poder construír unha nova escola
infantil”. A concelleira de Servizos Sociais dixo que “esa moción que
nós presentamos no seu día rexeitouse por parte do equipo de goberno, co
cal non había ningún tipo de interese, en absoluto, para sacar adiante a
escola infantil. E, en todo caso, o que se facía era crear cortinas de
fume falando da Casa do Mar, cando practicamente todo o mundo sabía,
menos eles, que a Casa do Mar non reunía as condicións necesarias”.
Diana Durán insistiu: “sabemos que a situación é moi complicada, que a
achega económica que ten que facer o Concello é moi elevada, pero
entendemos que hai que buscar todos os mecanismos para sacar este tema
adiante e así o faremos. De feito as familias así nolo están a pedir”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario