martes, 15 de abril de 2014

O CONCELLO DE BURELA TRAMITA AS AXUDAS DA XUNTA PARA PERSOAS EMIGRANTES RETORNADAS EMPRENDEDORAS ATA O 30 DE SETEMBRO

O Concello de Burela tramita as axudas a emprendedores/as para persoas emigrantes retornadas. As persoas interesadas poden recibir información e asesoramento sobre ditas axudas de luns a venres de 8 a 15 horas, tanto no Servizo de Atención a Inmigrantes e a Emigrantes Retornados como no propio Servizo de Emprego Municipal, a través da Bolsa de Emprego. 
 
Desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade lembran que “no ano 2013 a Secretaría Xeral de Emigración puxo en marcha unha medida de apoio aos galegos e galegas residentes no exterior, co fin de favorecer o seu retorno a Galicia de modo que puidesen fixar aquí a súa residencia e realizar a súa actividade profesional e empresarial nesta comunidade autónoma”. 

Dando continuidade a esa iniciativa, con data de 26 de febreiro de 2014, no DOG publicouse a resolución pola que se aproban as bases reguladoras destas subvencións destinadas a promover o autoemprego e a actividade emprendedora deste colectivo. 

O prazo de presentación de solicitudes para acollerse a estas subvencións da Secretaría Xeral da Emigración para persoas emigrantes retornadas emprendedoras estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario