martes, 27 de enero de 2015

O CONCELLO DE BURELA INFORMA SOBRE AS SOLICITUDES E AXUDAS DA XUNTA PARA A REDUCCIÓN DE XORNADA LABORAL E AS ANPAS


A concellería de Servizos Sociais de Burela está a colaborar estes días cos veciños e veciñas do municipio en dúas convocatorias de axudas ofertadas pola Xunta de Galicia para o presente ano 2015. A primeira é a destinada a conceder subvencións a asociacións de nais e pais do alumnado pertencente a centros educativos galegos, sostidos con fondos públicos. E a segunda está dirixida a aquelas persoas que contasen, no pasado ano 2014, con redución de xornada laboral nos seus traballos. Nos dous casos, a concellería burelesa ofrece información e axuda aos veciños para poder levar a cabo os trámites necesarios na solicitude destas subvencións. Os/as interesados/as poden coñecer detalladamente estas dúas convocatorias nas oficinas municipais dos Servizos Sociais de Burela, situadas na Casa do Concello e abertas en horario de 8 a 15 horas. O prazo de presentación de solicitudes das dúas convocatorias está aberto ata o vindeiro 20 de febreiro. 
 
A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, explicou que “no caso das axudas destinadas ás ANPAS, poderán participar na convocatoria todas as asociacións de centros educativos sostidos con fondos públicos que estean inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. As axudas están destinadas á realización de programas de actividades extraescolares e complementarias, dirixidas a alumn@s de educación infantil, primaria e centros de educación especial que teñan como obxectivo contribuír á conciliación da vida laboral e familiar no curso 2014-2015. Na valoración das solicitudes, tal e como establece a Xunta, primarase a programación de actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero”. A contía máxima desta subvención será de 6.000 euros por entidade e o prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 20 de febreiro.

No caso das axudas destinadas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. A edil de Servizos Sociais comentou que “poderán ser beneficiarios dela todos os homes, traballadores por conta allea, que se atopasen en situación de redución de xornada laboral ata o pasado 31 de decembro de 2014. Ademais, tamén o serán todas aquelas familias monoparentais, tanto homes coma mulleres, que se atopen nesta situación. O obxectivo destas axudas é contribuír á conciliación da vida laboral e familiar e impulsar un cambio de roles, implicando aos homes no coidado e atención dos seus fillos e fillas e facilitando o mantemento das traballadoras que teñen responsabilidades familiares no mercado laboral”. A contía destas axudas irá dende os 1.600 ata os 3.600 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada e do número de menores ao cargo. A concesión destas axudas realizarase na modalidade de pagamento único e de forma continuada, tal e como establece a Xunta na correspondente convocatoria. Ao igual que na axuda ás ANPAS, o prazo de solicitude remata o 20 de febreiro.

Diana Durán, animou ás persoas interesadas “a achegarse ata os Servizos Sociais do Concello para coñecer máis polo miúdo estas convocatorias e contar coa axuda dos nosos técnicos municipais á hora de facer os trámites que precisen”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario