viernes, 21 de febrero de 2014

CATORCE INMIGRANTES RECIBIRON OS DIPLOMAS DE ASISTENCIA A UN CURSO FORMATIVO DE INSERCIÓN SOCIAL DESTINADO A ESTRANXEIROS


OLYMPUS DIGITAL CAMERA 


Un grupo de 14 inmigrantes, chegados nos últimos meses a Burela, recibiron onte a mediodía os diplomas tras asistir en decembro a un curso formativo de inserción social destinado a estranxeiros. Son cidadáns procedentes de Cabo Verde, Nigeria, Senegal e China. 
 
Os diplomas fóronlles entregados polo Alcalde, José Mª González Barcia, e pola Concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán. O obxectivo do curso, segundo explicou a edil popular, “foi facilitarlles a súa chegada e a súa integración en Burela, explicámoslles os recursos existentes nesta zona e recibiron información dos procesos migratorios e dos países de procedencia de todos eles. Tamén lles contamos o funcionamento dos servizos sociais municipais e as normas fundamentais do estado español que lles afectan máis directamente coma os apartados relativos aos dereitos e deberes dos cidadáns estranxeiros e a lingua”.

Diana Durán engadiu que “achegámolos ás responsabilidades parentais que teñen aquí e ao sistema educativo, así coma aos recursos cos que contan para buscar emprego e a todos os servizos que poden atopar en Burela: o centro de saúde, os trámites que poden realizar desde o Concello, onde están os centros de ensino, etc, etc… o que perseguimos é normalizar a súa situación na nosa vila o máis axiña posible desde que chegan a Burela”.

A Concelleira de Servizos Sociais subliñou que “o curso resultou moi produtivo, todos os participantes se sentiron máis arroupados ao asistir a esta cita e ao ver que dispoñen de moitos servizos aos que dirixirse”. 

Este curso é froito do traballo coordinado entre o departamento de Educación Familiar e o Programa de Atención ao Inmigrante, dependentes ámbolos dous da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario