martes, 25 de febrero de 2014

O PROXECTO EDUCANDO EN FAMILIA ACOLLERÁ EN BURELA VARIAS FESTAS DE ENTROIDO

O proxecto Educando en Familia, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 6 anos acollerá esta semana varias festas de entroido, segundo ven de anunciar a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán. 
 
Educando en Familia, que veu darlle continuidade á Aula Junior, será escenario de 4 festas, unha por cada grupo de idade. O entroido será o protagonista o luns, 24 de febreiro, e o xoves, día 27, de 10:30 a 12:30 da mañá. E o martes 25 e tamén o xoves 27, de 16 a 18 horas. 

Diana Durán aproveitou para lembrar que “Educando en Familia é un programa de coeducación e igualdade e de formación de familias, onde a súa presenza é vital para educar a nenas e nenos de cero a seis anos do Concello de Burela, desenvolvendo as súas aptitudes, a súa aprendizaxe e a confianza en si mesmas/os, realizando actividades adaptadas a cada idade na que o obxectivo é difundir unha cultura da infancia e acompañar á familia na aventura de medrar e no desafío de educar”. 

Educando en Familia iniciou a súa andaina o pasado mes de xaneiro, dándolle continuidade á Aula Junior, tras o descanso das vacacións de Nadal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario