viernes, 7 de febrero de 2014

O DR. KNAPP SERÁ O ENCARGADO DE INAUGURAR A ESCOLA DE COLUMNA DE BURELA

O vindeiro luns, 10 de febreiro, ás 13 horas terá lugar a inauguración da escola de columna de Burela. O acto contará cun invitado de honra, o propio Dr.Knapp, segundo informa a Concellería de Servizos Sociais. No salón de plenos do Concello será onde se desenvolverá a reunión informativa para aquelas persoas que desexen participar na Escola de Columna de Burela. 
 
Diana Durán explica que “debido ao gran número de persoas interesadas en participar na escola de columna, a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade incrementa a oferta, pasando de 3 a 5 grupos de 10 persoas cada un, co cal serán un total de 50 persoas as que se verán beneficiadas por este novo programa. As persoas que figuran en lista de agarda serán chamadas seguindo a rigorosa orde de chegada”. 

A edil popular lembrou que “os requisitos para poder participar na Escola de Columna de Burela son: estar empadroados/as en Burela, non presentar contraindicacións e ser maiores de 18 anos e sen límite de idade”. Finalmente, as clases impartiranse os martes de 8:15 a 9:15 horas, de 9:15 a 10:15 horas e de 10:15 a 11:15 horas e os mércores de 19 a 20 horas e de 20 a 21 horas, na Aula de Familia da Casa de Cultura. Ditas clases comezarán o martes 11 ou mércores 12, dependendo da quenda que elixa cada persoa.

Durán sinala que “hai anos que o Dr. Knapp desenvolveu técnicas que aumentaron a eficacia de algúns tratamentos xa empregados con éxito por escolas alemás. Os exercicios da Escola de Columna completaron a difícil tarefa de eliminar a dor nas costas dolorosas. Co conxunto do método Knapp obtéñense hoxe os resultados tan positivos no tratamento – non cirúrxico – das dores de costas. Diagnósticos precisos e a combinación de tratamentos médicos e fisioterapéuticos personalizados, resolven hernias de disco, lumbalxias, canal raquídeo estreito, ciáticas, fibromialxias e o síndrome das costas dolorosas”.

A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade indica que “na nosa Escola de Columna os grupos de rehabilitación serán reducidos cun máximo de 10 persoas en cada un e unha monitora especialmente adestrada atenderá ao detalle o traballo de cada persoa. Con esta nova iniciativa social igualámonos a dúas das grandes cidades galegas, pois soamente A Coruña e Santiago de Compostela ofrecen este programa de carácter terapéutico e preventivo e no que se educa para tonificar a musculatura das costas, co fin de conseguir unhas costas e columna vertebral sen dor, fortes e preparadas para as necesidades da vida diaria mediante sesións de exercicios físicos específicos”.

Diana Durán engade que “con iniciativas deste tipo, unha vez máis, o equipo de goberno burelés amosa que unha das súas apostas mais fortes é o benestar dos veciños e veciñas e segue a cumprir co seu compromiso social, polo que dende o Concello de Burela, a través da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade queremos ofrecer este novo servizo baseado no método do Dr. Knapp, a Escola de Columna, consistente na selección moi especial de exercicios que procuran rehabilitar as estruturas que mais sufriron a falta de movemento. Trátase de devolver o mais rapidamente posible a forza ás estruturas que perderon a capacidade de garantir a mobilidade intervertebral”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario