martes, 4 de febrero de 2014

POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA AXILMENTE



A  CONCELLARIA DE SERVIZOS SOCIAIS, MULLER, IGUALDADE E SANIDADE DO CONCELLO DE BURELA,

INFORMA QUE:

           
Dende o día 4 de febreiro e ata o 14 de febreiro de 2014 (ambos os dous incluídos), as persoas maiores de 65 anos residentes no Concello de Burela, con preferencia os/as empadroados/as, poderán inscribirse no PROGRAMA “AXILMENTE”, que terá lugar os MARTES e XOVES de 17 A 18:30 horas na CASA DA TERCEIRA IDADE DE BURELA, dando comezo o martes 18 de febreiro, ata o 15 de maio.

Trátase dun obradoiro de promoción da autonomía persoal, de carácter gratuíto, baseado na estimulación cognitiva e na prevención da dependencia, no que se pretenden traballar as variables que determinan o envellecemento exitoso, de forma que incidindo nelas, as persoas maiores adquiran as ferramentas necesarias para mellorar a súa calidade de vida, ser autónomas nas actividades da vida diaria e incorporar unha serie de hábitos de autocoidado, tanto no ámbito sanitario como no cognitivo.

Este obradoiro, de ximnasia mental, busca o tratamento da persoa maior como un todo no que se traballan as distintas áreas que son necesarias para manterse autónomo/a o maior tempo posible e diminuír os factores de risco de padecer certas enfermidades, sobre todo, o alzheimer o outras enfermidades neurodexenerativas.

A intervención con maiores convértese non só nun obxectivo social, senón nunha inversión de futuro. O fin último é previr a dependencia e afrontar o envellecemento dende unha actitude positiva e aberta.

A inscrición será na Casa do Concello, en horario de 8:00 a 15:00 horas (presentar DNI).

Para calquera dúbida poden poñerse en contacto, no mencionado horario, chamando ao teléfono 982 58 06 09, ou ben persoalmente.


-GRAZAS POLA SÚA DIFUSIÓN-

Diana Durán García
Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade

No hay comentarios:

Publicar un comentario