Burela desenvolverá infinidade de actividades ata o luns 22 con motivo da Semana Europea da Mobilidade
Un grupo de alumnos e alumnas do CEIP Vista
Alegre participaron este martes no Concello nunha charla sobre
mobilidade e educación vial, que foi impartida por membros da Policía
Local e polas monitoras de Gaia. Os rapaces e rapazas foron recibidos polo Alcalde, José Mª González Barcia, e pola Concelleira de Servizos
Sociais, Diana Durán. Deste xeito daban comezo as actividades da Semana
Europea da Mobilidade, que seguirán ata o vindeiro luns, 22 de setembro.
Charlas, circuítos de karts, paseos desde o colexio ata Concello,
mesas informativas e xogos compoñen a programación deste ano, que
organizou a Delegación Municipal de Medio Ambiente. Ademais o sábado, 20
de setembro, de 18.30 a 19.30 horas haberá un espectáculo de maxia na
praza da Mariña, a cargo do Mago Pi.
E o domingo, 21 de setembro, será o día sen coches. Así desde as nove
da mañá ás dez da noite estarán pechadas ao tráfico as rúas Pardo Bazán
(no treito da intersección de Curros Enríquez e Eijo Garay) e Eijo
Garay (no treito da intersección de Rosalía de Castro e Pardo Bazán). En
Pardo Bazán haberá carreiras de mobilidade, organizadas por Gaia e na
praza da Mariña situaranse mesas informativas das asociacións Esperanza e
Mulleres en Igualdade. Esa xornada terá lugar tamén un obradoiro de
maquillaxe e outro de manualidades, unha actividade denominada
Palillando na rúa, a cargo de As Encaixeiras e Dispara a gol coa
participación de xogadores/as dos equipos de fútbol sala de Burela.
Haberá de novo maxia, unha merenda infantil patrocinada por ACIA Burela e
as actuacións musicais de Rabentola, Batuko Tabanka e Nós Bandera. O
programa de actividades da Semana Europea da Mobilidade concluirá o
luns.
Desde
a Concellería de Medio Ambiente lembran que “Burela é un participante
destacado na Semana da Mobilidade. Este é o sétimo ano consecutivo en
que celebramos esta cita, que ten por slogan neste 2014 Unha rúa mellor é
a túa elección”. Das 450 cidades participantes en toda España, 6 son
galegas: A Coruña, Burela, Barco de Valdeorras, Lugo, Ourense e
Vilagarcía de Arousa. “Burela participa cunha semana de actividades,
adoptando medidas permanentes e celebrado o día da cidade sen coches.
Somos un participante destacado ao celebrar a SEM nestes tres
apartados”, engaden desde o Concello.
As actividades da Semana Europea da Mobilidade foron presentadas pola
concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, e polas técnicas
que participarán nas mesmas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario