lunes, 15 de septiembre de 2014

O CONCELLO DE BURELA DESTINA 4.000 € ÁS AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR DO CURSO 14/15

O Concello destina 4.000 euros ás axudas para a adquisición de material escolar do curso 2014/2015. As bases e a convocatoria foron publicadas este xoves no Boletín Oficial da Provincia.
 
A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, sinala que “ditas axudas están destinadas ás familias con menos poder adquisitivo do municipio, non sendo compatibles con calquera outra que perciban polo mesmo concepto. O fin último destas axudas é favorecer a integración sociocultural e garantir as necesidades básicas destas unidades familiares no eido da educación”. 

O importe máximo das axudas non superará os 75 euros para educación infantil e os 60 euros para educación primaria e educación secundaria obrigatoria. 

Poderán solicitar as mesmas aquelas persoas que non dispoñan de ingresos suficientes para afrontar os gastos derivados da situación de escolarización; os beneficiarios deberán estar empadroados en Burela e cursando estudos neste municipio ou noutros e deben presentar a solicitude dentro do prazo sinalado, xunto á documentación esixida. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Burela. E o prazo será de 40 días naturais dende a súa publicación no BOP e no taboleiro de edictos da Casa do Concello.

No hay comentarios:

Publicar un comentario