martes, 30 de septiembre de 2014

DIANA DURÁN VISITOU O CENTRO DE RECUPERACIÓN INTEGRAL PARA MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

A Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela, Diana Durán visitou este mércores o Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CRI), en Santiago de Compostela. A edil popular foi acompañada de profesionais dos Servizos Sociais Municipais, do Centro de Información ás Mulleres e da asociación Mulleres en Igualdade e indicou que “a finalidade da visita ao CRI por parte deste persoal foi establecer os protocolos de coordinación entre os distintos servizos para coñecer en cada momento cal é a función exacta de cada un deles e que papel xoga cada profesional ante unha situación de violencia de xénero en relación ao CRI, coa finalidade de evitar duplicidade de documentos, informes e intervencións que afecten á vítima de violencia de xénero de forma negativa”. Diana Durán explicou que “do que se trata é que esta coordinación quede perfectamente deseñada para simplificar os trámites que lle son requiridos á muller vítima de violencia machista, quedar rexistradas as nosas actuacións e programas no CRI dirixidas a estas mulleres con características específicas así como para poder prestar atención a outras mulleres que así o precisen, evitando desprazamentos innecesarios a este colectivo”.

A Concelleira de Muller e Igualdade agradece “ao CRI e á propia Secretaría Xeral da Igualdade esta xuntanza que redundará nunha maior calidade de atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero”. E lembra que “o CRI ten por finalidade desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero e ás persoas delas dependentes, especialmente aos seus fillos e fillas menores”.

O CRI é un servizo adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e realiza actuacións como: centro de referencia e coordinador da rede galega de acollemento; centro tramitador das derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e receptor das que chegue á nosa comunidade derivadas desde outras partes do Estado; centro de formación na loita contra a violencia de xénero, tanto para profesionais, como para o voluntariado e a cidadanía en xeral; centro colaborador co punto de coordinación das ordes de protección de Galicia; e centro impulsor da creación de grupos de autoaxuda, intervención e coñecemento entre mulleres que teñan sufrido, vivido e superado situacións de violencia de xénero”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario