lunes, 15 de septiembre de 2014

O CONCELLO DE BURELA PRESENTA Á SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE O PROXECTO DUNHA VIVENDA DE EMERXENCIA PARA MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

xunta-mulleres
O Concello traballa nun proxecto de vivenda de emerxencia para mulleres vítimas da violencia de xénero. Será o primeiro centro da Mariña lucense destas características. O Alcalde, José Mª González Barcia, a Concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Diana Durán, e Mary Fraga, Presidenta da asociación Mulleres en Igualdade de Burela, mantiveron este venres un encontro en Compostela coa Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, para presentarlle dito proxecto. 

Á saída da xuntanza o rexedor declarou que “lle presentamos este proxecto á Secretaría Xeral de Igualdade e temos moito interese en que saia para adiante, de aí a xuntanza deste venres en Santiago”. González Barcia lembrou que “a vivenda que se destinaría a ese fin está arranxada, pero precisa de mobiliario. Trátase dunha das dúas vivendas dos mestres do CEIP Virxe do Carme, que foron amañadas e que, como se sabe, unha irá destinada a locais de asociacións e a outra para casos de emerxencia social”.

Para a Concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, “é moi importante que esa vivenda teña coma destinatarias ás mulleres vítimas da violencia de xénero” e engadiu que “seguiremos a manter contactos coa Secretaria Xeral da Igualdade para concretar a viabilidade do proxecto. Agradecémoslle a Susana López Abella a receptividade que tivo co proxecto que hoxe lles presentamos”. 

Desde a Secretaría Xeral de Igualdade sinalan que este proxecto nace da necesidade de atender ás mulleres vítimas da violencia de xénero, xa que na Mariña lucense non existe ningún recurso deste tipo. E lembran que desgraciadamente este ano producíronse dous asasinatos de mulleres en Foz e en Cervo. 

A Xunta conta cunha rede de casas de acollida para mulleres maltratadas cunha conexión entre elas, de tal xeito que as mulleres galegas que o precisen, por atoparse na referida situación de indefensión teñen un lugar de referencia ao que acudir. 

Os centros de acollida que existen en Galicia están en A Coruña, Ferrol, Culleredo, Ourense e Lugo. Son todos de titularidade municipal e contan coa financiación da Xunta a través de convenios anuais de colaboración. O ano pasado acolleron a 185 persoas: 102 mulleres e 83 menores. En Vigo tamén existe un centro de emerxencia para mulleres vítimas da violencia de xénero, o CEMVI, que o ano pasado acolleu a 91 persoas: 54 mulleres e 37 menores. Galicia conta tamén con dúas vivendas de seguridade para mulleres vítimas de trata e de explotación sexual e co centro de recuperación integral para mulleres vítimas da violencia de xénero, que abriu as súas portas o pasado mes de xuño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario