lunes, 8 de septiembre de 2014

O CONCELLO DE BURELA VOLVE POÑER EN MARCHA O SEU PROGRAMA GRATUÍTO DE FORMACIÓN "EDUCANDO EN FAMILIA"

O Concello achega un ano máis a todos os pais e nais de cativos/as con idades comprendidas entre 0 e 3 anos, a posibilidade de participar no programa Educando en Familia. A iniciativa da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela persigue acompañar ás familias na súa labor de educadores e educadoras, axudándolles a resolver calquera dúbida que se lles presente na crianza dos seus fillos e fillas nacidos/as entre os anos 2012 e 2014. 

Diana Durán lembra que “o programa ten carácter gratuíto e vai dirixido tanto a pais e nais de nenos e nenas que asisten á escola infantil, coma aos/ás que non. As actividades formativas levaranse a cabo semanalmente e consistirán na realización de reunións informativas nas que se compartirán dúbidas e experiencias coas demais familias, facendo actividades axeitadas a cada idade e nas que as persoas asistentes poderán xogar relaxadamente cos seus fillos e fillas”. 

As persoas interesadas poden recibir máis información no teléfono da mestra do programa, Fany, 696 31 50 98, no Centro de Información ás Mulleres de Burela 982 58 06 09 ou 982 58 60 00, ou asistindo ás reunións organizadas polo propio Concello que terán lugar esta semana na Aula de Familia da Casa de Cultura. Hoxe luns, 8 de setembro, a partir das 10:30 da mañá levouse a cabo a primeira reunión dirixida a familias con nenos e nenas nacidos/as no 2014. O martes 9, a partir das 16:00 horas, terá lugar a segunda charla dirixida a familias con nenos e nenas nacidos/as no 2013. E xa o xoves 11 a partir das 16:00 horas será a charla para as familias con fillos e fillas nacidos no 2012.

A Concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, animou aos pais e nais “a participar, xa que se trata dun programa de coeducación sen custo para as familias e que pretende acompañar ás persoas coidadoras na labor de educar as súas crianzas. Nas xuntanzas desta semana explicarémoslles en que consiste este programa e como o levaremos a cabo nos vindeiros meses”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario