viernes, 31 de octubre de 2014

O CONCELLO DE BURELA RODARÁ UNHA CURTAMETRAXE COA XUVENTUDE DO POBO SOBRE IGUALDADE E PREVENCIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO

O Centro de Información ás Mulleres, dependente da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade convoca para o vindeiro mércores, 5 de novembro, un casting dirixido aos adolescentes que queiran participar na gravación dunha curtametraxe sobre igualdade e prevención de violencia de xénero. A proba levarase a cabo a partir das 17.00 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Burela e nela poderán participar tódolos mozos e mozas que se atopen actualmente cursando estudos nalgún dos IES do municipio. Os/as interesados/as poden recibir máis información acudindo á sede do Centro de Información á Muller, en horario de 8 a 15:15 horas. Para participar na proba de selección será imprescindible que os menores de idade presenten unha autorización de consentimento firmada polos seus titores legais. 
 
A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, explicou que “dentro do abano de actividades que o CIM está a levar a cabo nos últimos meses, tales coma o curso de fotografía, o de formación para a creatividade ou a proxección e masterclass do documental Muller(es)Muller, actividades todas elas pertencentes ao programa Burela en Igualdade: Prevención, Sensibilización e Concienciación, seguimos a traballar de cara á promoción da igualdade entre mulleres e homes e da prevención e tratamento integral da violencia de xénero. E é por este motivo que queremos invitar á xuventude do noso pobo a participar nunha curtametraxe, co fin de acercar á mocidade a unha actividade que lles resulte atractiva, dotándoa de ferramentas que lles permitan afrontar a situación de desigualdade que aínda estamos a sufrir, previndo así a violencia de xénero dende idades temperás. Na actividade serán empregados elementos do seu entorno diario que permitan reflexionar sobre igualdade e violencia de xénero”.

A concelleira indicou que “dende o Concello convocamos a tódolos mozos e mozas a acudir o vindeiro 5 de novembro ao Auditorio da Casa de Cultura para participar no casting e optar a formar parte do documental. Unha vez que estea gravado estrearémolo de forma aberta a todo o público. Posteriormente, organizaremos ademais varios obradoiros sobre igualdade e prevención de violencia de xénero con adolescentes, xa que a propia proxección da curtametraxe servirá de motivación para organizar un debate dirixido por profesionais”. E engadiu: “en definitiva queremos ofrecer ferramentas innovadoras e atractivas que axuden a mudar a situación de desigualdade actual. Así coma promover unha actitude loitadora mediante a cal busquemos alternativas á situación de desigualdade que aínda vivimos entre mulleres e homes. Dende o Concello desexamos que todas estas accións divulgativas e de sensibilización sexan de interese para a sociedade en xeral, e neste caso para a mocidade en particular.”

No hay comentarios:

Publicar un comentario