A concellería de Servizos Sociais,
Muller, Igualdade e Sanidade de Burela anunciou que o vindeiro luns, 3
de novembro, comezarán os Cursos de Tempo Libre
para Mulleres 2014-2015, que organiza o CIM. O cursos de manualidades,
bolillos ou bordado levaranse a cabo dende novembro deste ano ata maio
do 2015 e xa hai máis de 200 matrículas.
Dende o Concello de Burela informan que se poderán inscribir nestes
cursos todas aquelas mulleres que residan no municipio, aínda que terán
preferencia as que estean empadroadas. Os requisitos para a
matriculación serán presentar o documento nacional de identidade, ter
pagada a taxa de matrícula e anotarse fisicamente, xa que nesta ocasión
non se admitirán inscricións telefónicas. As interesadas poderán
resolver as súas dúbidas no propio Centro de Información as Mulleres ou
no teléfono 982 58 06 09. E para inscribirse deben dirixirse ao CIM de
luns a venres en horario de 8 a 15 horas.
A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, afirmou que
“estes obradoiros non son só un pasatempo, senón que teñen unha
finalidade claramente marcada polo regulamento de funcionamento dos CIM,
no que se busca a participación das mulleres na vida social. Así se
comprobou coa realización destes cursos co paso dos anos, xa que deles
xurdiron asociacións de mulleres, actividades propostas por elas e ata
emprendemento feminino”.
A edil engadiu que “con estes cursos tratamos de desenvolver o
enxeño, descubrindo as propias habilidades manuais, sendo infinitas as
posibilidades de enriquecer o fogar e dar renda solta á imaxinación,
creando os máis fermosos cadros, bordados de toallas e sabas, pintar e
restaurar mobles, e realizar cos bolillos diferentes traballos para
desenvolver esta técnica de xeito avanzado, posto que os propios deseños
das alumnas se traducen en verdadeiras obras de arte como bolsos,
broches, tocados ou sombreiros”.
Diana Durán sinalou que “estes obradoiros buscan os obxectivos de
favorecer a recuperación do bordado, espertar a conciencia de sentirse
capaces de realizar algo creativo e novo, fomentar o traballo manual
como expresión de creatividade persoal e como unha alternativa ao
aproveitamento do ocio e tempo libre das mulleres, promover o
intercambio de experiencias e animar ás mulleres a crear iniciativas
comunitarias nas que fomenten a súa participación. Un exemplo poden ser
as exposicións dos traballos conxuntos que se realizan en datas
sinaladas coma o Nadal, os Carnavais, as festas Patronais ou o día
Internacional da Muller”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario