A concelleira de Servizos Sociais,
Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, quere manifestar a súa
satisfacción polas subvencións de preto de 70.000 euros que lle concedeu
a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta ao CIM de Burela. Tamén
agradece e anima aos Concellos de Alfoz, Cervo e O Valadouro a continuar
conveniados con Burela “coa finalidade de acadar unha igualdade
efectiva e real entre mulleres e homes e traballar conxuntamente cara a
erradicación da violencia de xénero, pois non hai que esquecer que os
esforzos conxuntos producen máis froitos que o traballo illado de cada
concello”.A edil popular sinalou que “para o funcionamento do CIM a subvención
que recibimos ascende a 64.859 euros, que é o máximo para as
características que presenta o CIM de Burela ao que se pode optar,
superando a nivel galego a CIM´s de grandes cidades. A concesión desta
axuda máis a achega para o desenvolvemento de programas supón preto de
70.000 euros, que se traduce na garantía da continuidade do CIM, así
coma dos programas de prevención, sensibilización e concienciación.
Pensamos que é a recompensa ao traballo desenvolvido a través do CIM,
servizo dende o que se loita pola promoción da igualdade e a prevención
da violencia de xénero, pero sobre todo por prestar atención
especializada ás vítimas de violencia machista”.
Diana Durán subliña que “o CIM de Burela é o máis destacado da
provincia de Lugo, tanto polas prestacións que ofrece, coma pola
cantidade de demandas atendidas e a calidade na atención das
profesionais que o conforman. Así o demostrou a puntuación acadada para
optar á subvención que a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta convocou
para este 2014. Concretamente, no proxecto presentado especificábanse,
entre outros, as áreas nas que se traballa, o número e o tipo de
consultas que se atenderon e as profesionais adscritas a este servizo”.
A concelleira de Muller e Igualdade aludiu “ao bo funcionamento do
CIM e á cantidade de mulleres atendidas no mesmo, non só de Burela,
senón tamén doutros concellos veciños que non dispoñen deste servizo”. E
lembra que “se atenden áreas coma a xurídica, orientación profesional,
emprego, recursos, información sobre axudas que ofrece a Secretaría
Xeral de Igualdade, atención psicolóxica, coeducación, tempo libre e
outras”. Durán eloxia o traballo das profesionais do CIM de Burela “que
fai que sexa o cabeceira da provincia. Esta subvención recibida garante a
continuidade das tres profesionais que conforman o centro: asesora
xurídica, psicóloga e administrativa e tamén conta co servizo de
teletraducción para a atención de mulleres que non empregan a nosa
lingua, e que comezou a funcionar en agosto de 2012, seguindo vixente na
actualidade. Con todas estas actuacións e outras como é Educando en
Familia, cursos de tempo libre para mulleres, etc, cumprimos coas liñas
de actuación recollidas dentro das accións do III Plan de Igualdade de
Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Burela”.
A edil popular lembrou que “hoxe en día cada vez máis se está a
destapar a problemática de discriminación e violencia de xénero que as
mulleres veñen sufrindo ao longo da historia da humanidade, e
querémoslle recordar a todas as mulleres mariñanas que teñen á súa
disposición no Concello de Burela un Centro de Información ás Mulleres,
que é un servizo pensado para apoiar á muller, proporcionándolle toda a
información necesaria para solucionar o problema ou problemas que estea a
padecer. Unha vez mais, o alcalde, José González Barcia, e o seu equipo
de goberno amosan o seu compromiso en todo momento coas políticas
sociais, conferíndolle aos Servizos Sociais a importancia que merecen en
todos os seus ámbitos en xeral e, en particular, naqueles colectivos
con necesidades específicas”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario