viernes, 31 de octubre de 2014

BURELA ACOLLE O 5 DE NOVEMBRO UN OBRADOIRO DE CREATIVIDADE DIRIXIDO A MULLERES

A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, a través do CIM, organiza para o mércores, 5 de novembro, un curso formativo de creatividade para mulleres. Con el, preténdese dotar á poboación feminina das ferramentas necesarias para afrontar a situación actual de crise, permitíndolles promover unha actitude activa na busca de emprego e na posta en marcha de iniciativas profesionais. A actividade está dirixida a mulleres emprendedoras e levarase a cabo en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, na Aula de Familia da Casa da Cultura de Burela. As interesadas poden realizar xa as súas inscricións en horario de 8 a 15 horas de luns a venres no Centro de Información ás Mulleres, situado na Casa do Concello. Para anotarse é imprescindible presentar o DNI e non se admitirán inscricións telefónicas como ven sendo habitual noutros cursos.

Diana Durán García, concelleira de Servizos Sociais de Burela, explicou que “dende a nosa Concellería é un motivo de satisfacción presentar unha nova actividade formativa, ademais das que temos xa programadas ata o momento coma poden ser o taller de risoterapia, o curso de memoria do Programa Axilmente ou os cursos de bordado, bolillos, manualidades e bailes de salón. Seguimos a traballar para poder ofertar máis actividades e neste caso facémolo cun obradoiro de creatividade que está organizado a través do Centro de Información á Muller e que se levará a cabo o próximo 5 de novembro. Este curso está enmarcado dentro do programa Burela en Igualdade: Prevención, Sensibilización e Concienciación e ten como obxectivo promover a igualdade entre homes e mulleres, así coma previr o tratamento integral da violencia de xénero”.
A edil popular dixo que “a través deste curso preténdese o desenvolvemento persoal e a empregabilidade das mulleres para alcanzar a igualdade. Esta formación ten unha duración de 6 horas e impartirase por persoal especializado o 5 de novembro. Dende o Concello creemos que a creatividade é unha magnífica ferramenta para conseguir obxectivos e para ser capaces de desenvolver novas estratexias de aprendizaxe que conecten argumentos cognitivos e intelixencia emocional”. E engadiu que “desta maneira, entre os obxectivos deste obradoiro destacan o de descubrir a creatividade de cada persoa para resolver retos e problemas e o de fomentar a independencia e autonomía de mulleres e homes”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario