viernes, 30 de mayo de 2014

SATISFACCIÓN DO EQUIPO DE GOBERNO BURELÉS TRAS A CONCESIÓN POR PARTE DA XUNTA DE CINCO CURSOS PARA DESEMPREGADOS

220514 Foto cursos Burela Satisfacción do Equipo de Goberno burelés tras a concesión por parte da Xunta de Galicia de cinco cursos de formación dirixicos a persoas  desempregadas. O Alcalde, José Mª González Barcia, o Concelleiro de Emprego, José Casas e a Concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, destacaron “o compromiso da Xunta con Burela” e sinalaron que “son actividades que poden ter saída no mercado laboral”. 

O rexedor indicou que “concédennos 5 cursos: un é de atención socio sanitaria a persoas dependentes, cun total de 418 horas; outro é de promoción turística local e información ao visitante, con 708 horas; un terceiro é de xestión integrada de recursos humanos, con 808 horas; o cuarto é de dinamización de actividades de tempo libre educativo, con 328 horas; e o quinto é de operacións auxiliares de servizos administrativos, con 448 horas de carga lectiva. O número de persoas que poden asistir a cada curso é de 15, co cal vamos formar a 75 desempregados”.

O Alcalde dixo que “o presuposto total dos cinco cursos é de 247.347 euros. Está subvencionado ao cen por cen pola Xunta de Galicia e os cursos van empezar en breve; de feito xa comezamos cos trámites administrativos, xa se xeraron partidas orzamentarias a raíz da recibir a comunicación da Xunta e ademais dos 75 desempregados que van asistir vainos permitir crear con carácter temporal 9 postos de traballos adicionais, que son de auxiliares administrativos e docentes”.

Diana Durán, Concelleira de Servizos Sociais, subliñou que “estamos satisfeitos porque a Xunta atendeu o cen por cen das peticións que lle formuláramos, porque nos dan os cinco cursos que pedíramos”.

Pola súa banda o concelleiro de Emprego, José Casas, manifestou que “os cursos van comezar en breve, prevemos que empecen na primeira quincena do mes de xuño porque teñen que estar rematados o día 30 de novembro do presente ano. Vanse impartir nas novas instalacións do Centro de Formació0n Ocupacional, que están no parque de Tíjola, locais que visitou hoxe a delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias”. E engadiu: “alí hai catro aulas, aparte das dependencias administrativas, polo que teñen máis capacidade que as anteriores instalacións do centro, que se cambiou de local para cumprir cos criterios de homologación que se piden actualmente para a concesión e realización destes cursos. Estamos moi satisfeitos dos cursos que se van impartir, porque son sobre actividades que poden ter saída no mercado laboral”.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, mantivo o pasado xoves 22 de maio unha reunión co persoal do centro de formación de Burela, no que se centra a actividade da programación de Accións Formativas para Desempregados (AFD) do municipio e da súa contorna. Arias estivo acompañada polo rexedor e polos concelleiros/as de Servizos Sociais e de Emprego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario