lunes, 12 de mayo de 2014

ÉXITO DA PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL MULLER(ES)MULLER EN BURELA

ÉXITO DA PROXECCIÓN DA LONGAMETRAXE 
MULLER(ES)MULLER EN BURELA


O pasado mércores, 7 de maio, ttivo lugar na Casa da Cultura a estrea da longametraxe Muller(es)Muller, da produtora galega SocialDocs. A concelleira de Igualdade, Diana Durán, está satisfeita pola cantidade de público que se deu cita para ver este filme. 

A cinta busca dar luz sobre o papel das mulleres na sociedade e na transmisión de valores e os cambios que se producen dunha xeración a outra. O papel das mulleres na sociedade transformouse, pero máis aló de datos estatísticos que o confirmen, a realidade sempre funciona como un potente indicador. 

Tres xeracións de mulleres, tres mundos, tres vidas coas súas coincidencias e discrepancias, permitíronlles ás persoas asistentes á proxección sumerxerse nesa realidade multiforme e cambiante do que significa ser Muller

O proxecto, que requiriu case dous anos de traballo e a participación dunha vintena de profesionais, recolle a realidade de dezanove mulleres de diferentes xeracións, cunha particularidade: trátase, en cada caso, de tres xeracións da mesma familia. Seis familias de tres mulleres (catro, nun dos casos) que mostran sen tapuxos á cámara as súas visións do que é ser Muller

O documental conta tamén coa participación de diversas escritoras, como Yolanda Castaño, Olga Novo, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Carmen Blanco e María Reimondez. 

O proxecto complétase cunha exposición na que as fotógrafas Alba Sotelo, Sue Rainbow, María F. Armero, Mari Vega, María Moldes e Mariola Mourelo, retrataron cada unha a unha das familias. 

Ao acto acudiron o Alcalde, José González Barcia, a Concelleira Diana Durán e o produtor do documental, Domingo Díaz. Tamén asistiron á proxección diversos membros do goberno municipal burelés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario