A Concellería de Servizos Sociais,
Igualdade, Muller e Sanidade organizou diversos actos para conmemorar o
vindeiro 8 de marzo o Día Internacional das Mulleres. Haberá unha charla,
un acto de recoñecemento, a lectura dun manifesto institucional e un
xantar de confraternidade.
O salón de plenos do Concello acollerá a partires das 12:30 da mañá a
charla titulada "MULLERES DE BURELA: UN EXEMPLO DE CONCILIACIÓN". Diana
Durán explicou que “tres mulleres de Burela, que foron das primeiras
autónomas que tiveron negocios propios, contarannos a súa experiencia.
Cremos que elas poden ser un exemplo de conciliación para as mulleres
novas porque foron nais, amas de casa, coidaron da xente maior que tiñan
ao seu carón e atenderon os seus negocios”. Trátase de Piedad Picallo
González, que tivo un lavado e engraxe e un hostal; Ana Mª López Oca,
que rexentou unha zapataría; e Elena Fraga Armada, propietaria dunha
pastelería. A edil popular sinalou que “elas rexentaron os seus negocios
e ocupáronse da casa, porque daquela non había apoios da administración
para conciliar a vida familiar e laboral. Dúas das participantes nesta
charla coincidiron tamén traballando en Gres Burela. Con este acto
queremos renderlles homenaxe a elas, pero facémolo extensivo ao resto
das mulleres de Burela”.
Os actos do Día Internacional das Mulleres seguirán ás 13 horas cun
recoñecemento á Asociación de Amas de Casa Praia da Marosa, “xa que
levan 33 anos en activo e sempre foron un colectivo moi dinámico para o
tecido social de Burela. Estarán con nós Ana Mª Pita Rey, que é a actual
vicepresidenta, e Carmen Rodríguez Rey, que foi a primeira secretaria
da asociación. Elas van relatar os motivos que as levaron a constituír a
asociación e a seren tan activas e tamén nos falarán do antes e do
agora da asociación de amas de casa Praia da Marosa”.
A partires das 13:15 horas haberá unha representación videográfica da
temática do día feita por Antonia Fernández Rivas. “Trátase dunha
colaboración desinteresada coa que nos deleita esta muller traballadora.
As protagonistas serán as tres relatoras da charla e a Asociación de Amas de Casa Praia da Marosa. Poderemos ver fotos daquelas épocas e
coñecer as experiencias vividas por elas”, engadiu a concelleira de
Servizos Sociais, Igualdade, Muller e Sanidade.
O broche final do acto será ás 13:30 horas. A esa hora o alcalde,
José Mª González Barcia, lerá o manifesto institucional, que dará paso
ao xantar conmemorativo deste día, que está organizado pola Asociación
de Amas de Casa Praia da Marosa. Calquera persoa que queira participar
nesta comida deberá dirixirse á propia asociación para retirar o tícket
correspondente. Non é preciso ser socia para poder acudir a esta cita.
Diana Durán quixo agradecer “a súa vontade por aunar esforzos na procura
da igualdade entre mulleres e homes”.
A concelleira de Servizos Sociais fixo unha reflexión: “camiñando
todos e todas cara o mesmo obxectivo poderemos chegar máis lonxe e
conseguir mellores resultados de cara a unha igualdade efectiva e real”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario