O Concello participará en marzo
nunha reunión da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de
Cooperación e Solidariedade para afondar no traballo nas áreas de
sensibilización e comunicación, segundo ven de anunciar a concelleira de
Servizos Sociais.
Diana Durán contou que “o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
doou 10.000 euros ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os
Refuxiados (Acnur) co obxectivo de axudar á poboación afectada polo
tifón Haiyán en Filipinas. A axencia das Nacións Unidas está prestando
asistencia humanitaria en terreo ás e aos superviventes do devastador
ciclón que o 9 de novembro arrasou a rexión central do país”.
A edil popular explicou que “a asemblea de socios do Fondo Galego,
integrado por 90 concellos e dúas deputacións e do que forma parte de
xeito moi activo o Concello de Burela, resolveu ademais poñer a
disposición a súa conta de emerxencia para esta causa. Cos fondos
recadados financiaranse proxectos de reconstrución na zona unha vez
superada a situación de emerxencia e cando, previsiblemente, a
desatención informativa agrave a vulnerabilidade das vítimas”.
Dende a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade
do Concello de Burela “queremos recordarlles e agradecerlles de antemán
ás persoas e entidades que desexen realizar a súa achega que poden
facelo no número de conta 2091 0209 10 3040019000 de Novagalicia Banco,
indicando Emerxencia Filipinas e así axudar á cooperación humanitaria”.
Durán engadiu que “como parte fundamental do traballo co Fondo Galego
de Cooperación e Solidariedade, o Concello de Burela participará no mes
de marzo nunha reunión da Rede Municipalista Solidaria xunto co resto
dos Concellos socios da provincia para traballar sobre todo nas áreas de
sensibilización e comunicación”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario